Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A loita na Frouseira e a dignidade en Caldaloba

miércoles, 25 de mayo de 2022
Foi na Frouseira, de onde se divisa unha boa parte da Mariña lucense: o Valadouro, Foz, Cangas, Burela, Reinante...; de onde se sente o rouco mar do Cantábrico e se toca coas mans o azul do ceo e cos beizos, a lúa. Alí, Pardo de Cela bateuse contra ás tropas que mandaron os Reis Católicos a pacificar Galiza, comandadas polo capitán Luis de Mudarra e dirixidas polo Xustiza Maior, Fernando de Acuña. Foron dous longos anos, desde finais do 1480 até xuño-xullo do 1483, de loita, resistencia, penalidades e mortes. Foron. Pisamos pois a mesma terra, que eles pisaron; pisamos o sangue que alí se verteu e as bágoas que alí caeron por defender a Frouseira da voracidade política dos Reis Católicos. E non a deron conquistada. Non foron capaces. Recorreron á traizón. Pisamos, pois, sobre unha terra onde a herba medra ceibe como ceibe quedou esta pena roqueira das leis do reino de Castela. E en terras de Vilalba, na torre de Caldaloba, unha muller da nobreza galega chamada dona Constanza de Castro, filla de Pardo de Cela, degolado en Mondoñedo xunto co fillo, meteuse en Caldaloba para seguir loitando contra as tropas dos Reis Católicos, que facía anos viña combatendo o Mariscal. Levouna alí a dignidade de filla, a dignidade de vingar ao pai e curmán e tratar de recuperar o que era seo. E alí estivo máis dun ano até que morreu envelenada pola auga do pozo. E igual que lle pasou ao Mariscal na Frouseira que tiveron que recorrer á traizón dos criados para tomala, en Caldaloba tiveron que envelenar a dona Constanza para derrotala. E porque Caldaloba foi dos últimos bastións onde se lles fixo fronte ás tropas do Reino de Castela e doña Constanza resistiu até que foi envelenada, esta muller e esta fortaleza representan a dignidade de Galiza E aínda o vento cando brúa por Caldaloba, o seu son espalla o nome de Constanza de Castro no ar que arrinca das paredes da torre. Proben unha noite.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES