Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á beira do Camiño: O San Froilán

viernes, 03 de octubre de 2008
¡O noso! ¡O lugués! A maioría da enorme riada de persoas (milleiros de galegas e forasteiras) que se acercan a Lugo, cada ano, por estas datas, chega movida e motivada pola sona das súas coñecidas e admiradas festas/feiras e o reclamo, convertido xa en rumboso e tradicional rito, de comer o polbo. (Os que estamos afeitos ao vello nome, cústanos asumir o normativizado).

Por experiencia propia e allea (froito de enquisas feitas en anos diferentes que tamén vostedes poden facer) ao falar do noso “San Froilán” son moi poucos os que pensan e se acordan do noso bispo santo, orixe desta festa tan tradicionalmente celebrada. Un santo veciño, nado á beira de Lugo, cidade da que, xunto con León, foi bispo e agora é o seu patrón.

Do programa feiral e festivo, das casetas e lugares de culto ao polbo, dos concertos extra, das ruidosas atraccións e mesmo das novidades anuais estamos todos ben informados. Encárganse os promotores dos negocios e os medios de comunicación social de airealo. Tamén funciona o boca a boca. A trepidante e chamada ao consumo soa por todas partes. Hai abundante oferta e unha ben correspondida demanda. A pesar da cacarexada e tamén esquecida crise económica

Velaí uns sinxelos pero necesarios datos que compre saber e ter en conta. Para nos informar nosoutros e poder tamén traspasar uns coñecementos elementais aos forasteiros e invitados. Cómpre eliminar das nosas vidas o noso incrible despiste ou mesmo a ignorancia evitable. Todo isto con independencia da fe que profesemos. Simplemente por cultura e tamén por tradición da que s presume, tantas veces, sen termos fundamento dabondo.

Froilán, nome que arrinca das verbas xermánicas “fraují” (señor) e “land” (terra, patria) ven a significar “señor da terra/patria” A boa fe que o foi. Señor da Terra e de si mesmo. Froilán naceu o ano 833, na Zona do Regueiro dos Hortos, un barrio de Lugo, onde hoxe está situada a igrexa do Carme. Nunha familia humilde. De rapaz foise de ermitán aos montes de León. Xunto con Atilano (outro ermitán) funda varios mosteiros que tiveron fama ata mediados da Idade Media. Pola sona de sabio e de bo predicador é chamado a ser bispo de León polo rei Afonso III. A súa imaxe máis común é a que leva vestimenta de bispo co atributo dun lobo amansado que lle porta a Biblia e outros libros e material nunha sinxela bolsa.

Abondan feitos e mesmo se lle atribúen unha morea de milagres e feitos moi curiosos. Na diocese de Lugo só é titular dunha capela na catedral (onde repousan os restos mortais do lembrado último bispo de Lugo, Frei Xosé), da parroquia que leva o seu nome na cidade de Lugo e dunha pequena igrexa/capela na aldea de O Seixo (concello de Pedrafita do Cebreiro) que segundo algúns dos seus biógrafos, reafirma que o santo andou tamén por esta fermosa Zona da Montaña oriental da diocese de Lugo.

Quen queira profundar na vida e peripecias do santo lugués, San Froilán, pode consultar algunha das ben elaboradas biografías de tres coñecidos lucenses: D. Xesús Guerra (crego e director do Museo Diocesano) D. Xulio Xiz (periodista) e a editada polo Concello de Lugo.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES