Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rituais ancestrais do Entroido (2)

miércoles, 18 de mayo de 2022
Achegas históricas á corrida do Galo en Galicia e nos concellos chairegos de Castro de Rei e Cospeito

II. Ritual Ancestral: A corrida do Galo.

Este ritual caracterízase por símbolos, por desenvolverse nun espacio e tempo determinado, que adoita estar prescrito pola tradición, e ademaís, por posuír partes abertas e pechadas. As partes pechadas, son aquelas que son invariables e comuns para todos os que realizan o ritual; pola contra, as partes abertas proporcionan a flexibilidade necesaria para que cada un aporte o seu labor persoal á experiencia. Así Rituais ancestrais do Entroido (2)mesmo, trataríase dun ritual de continuidade, xa que se leva a cabo dun xeito repetido, sendo o seu obxectivo manter unha continuidade e unha normalidade dentro da cada etapa do ciclo vital (1).

Este ritual está documentado dende finais do medievo en varios países europeos, como Francia, P. Baixos, Alemaña, e Inglaterra. Tamén, se ten constancia de "corridas de galos" en moitos lugares da península mais dun xeito particular na metade norte. Así, Caro Baroja, fixo alusión á celebración deste ritual en diversas provincias españolas como Illescas (Toledo); Madrid; Vilalba da Lampreana (Zamora); Calatañazor, A Figueira e Casarejos (Soria); Alhóndiga (Guadalajra); Allande (Asturias); Nalda e Santurdejo (La Rioja); Gordejuela (Vizcaya). Ademaís, se celebraba en numerosas comunidades da provincia de Burgos: Poza de la Sal; El Almiñe; Sotocueva; Castrojeriz; Prádanos de Bureba; Gamonal; Atapuerca; Palazuelos de la Sierra, Santo Domingo de Silos... (2).

Con respecto a Galicia, esta práctica levouse a cabo ata o último tercio do século pasado nas parroquias pontevedresas de Cotobade; O Rosal; Santa Cristina de Cobres e San Adrián de Cobres; nas coruñesas de Sobrado dos Monxes; Trazo; e Zás; nas ourensáns de Viana do Bolo; e a Mezquita; e nas lucenses de Vega de Logares (A Fonsagrada); algunhas parroquias de Ribeiras de Pequín, e diferentes parroquias da Terra Chá. Este ritual adoitaba celebrarse no tempo de Entroido agás nalgúns lugares nos que se levaba a cabo na Pascua (3). Nos seus inicios participaban cativos. Así, André Lousada e Soutomaior no intre de crear a escola primaria de San Pedro da Porta (Sobrado dos Monxes) no século XVIII fixo alusión a que o mestre non debía ser receptor de ningún pagamento por parte dos seus alumnos agás o bolo ou torresmo, que se practica o Xoves de Comadres para a corrida do galo (4). Polo tanto, antano o premio da "corrida do galo" entregáballo o alumno ao Mestre. No obstante, co paso do tempo foi un ritual axeitado prós mozos e, tamén para persoas adultas.

Na provincia de Ourense, este ritual soía realizarse con moita pompa nas seguintes parroquias e concellos. Na parroquia e concello de Viana do Bolo os mozos das escolas eran os que corrían aos galos, habendo varias modos de levar a cabo este ritual. Así, os rapaces corrían detrás dun galo ata que o cansaban e, logo, ían tras outros. Pola tarde, penduraban dunha corda aos galos, que correran pola mañá e tentaban cortarlles a cabeza cun sabre vello. Finalmente, soterraban ao último galo nun montón de terra mais coa cabeza fora; logo, os mozos cos ollos tapados pretendían cortarlle a cabeza cun sabre (5). Algunha destas modalidades se levaban a cabo noutras comunidades ourensáns como Allariz e Oimbra. Por outra banda, no núcleo urbano do concello de A Mezquita celebrouse no ano 2015 a última corrida, que rematou coa denuncia de colectivos animalistas pola degolación de galos vivos. Normalmente, o ritual da corrida consistía en que os mozos subidos nun burro lle arrincaban a cabeza aos galos, que estaban suspendidos dunha corda, Logo, estes eran cociñados e degustados polos participantes no ritual, que sempre eran homes.

No obstante, na edición deste ano, a decapitación dos galos levouse a cabo por dous mozos, que se acercaron de pé ata o galo, e tiraron varias veces do pescozo do animal ata que conseguirron arrincarllo. Logo, como símbolo de victoria, lanzarono ao aire. Este ritual ía seguir realizándose en días posteriores con outros galos. No obstante, a presencia humana para ver o evento foi escasa.

Na provincia de Pontevedra, a corrida do galo adoitaba celebrarse cunha gran Rituais ancestrais do Entroido (2)solemnidade nas seguintes parroquias e concellos: Así, nas parroquias pontevedresas de Santa Cristina de Cobres e San Adrián de Cobres, pertencentes ao concello de Vilaboa, adoitaban poñer un galo, atado nun buraco do chan mais sen enterrado. Logo, os mozos tentaban collelo e nese intre fuxían correndo. No obstante, tiñan que superar un obstáculo importante, consistente na defensa que lle proporcionaban ao galo unha serie de persoas, algunhas con máscara (6). No concello de Cotobade -hoxe Cerdedo-Cotobade, pendurábase un galo vivo nunha corda, que estaba suxeita a dúas árbores ou dúas varandas coas ás atadas de tal xeito, que se lle puidese cortar a cabeza cun sabre; os participantes levaban os ollos tapados (7). Da mesma maneira, se levaba a cabo este ritual nalgunhas parroquias da Comarca do Condado (8). Na parroquia de Fornelos, que forma parte do concello de O Rosal, colgábase un galo polas patas dunha corda, sostida entre dúas varandas; logo, os participantes, subidos nun cabalo ou nun burro, tiñan que dar morte ao animal mediante un pao (9).

Na provincia de A Coruña, este ritual do galo, soía levarse a cabo cun carácter cerimonioso nalgunhas comunidades parroquiais e concellos. Así, na propia parroquia e concello de Zas, penduraban ao galo polas pernas dunha corda, situada a certa altura; logo, os mozos viñan correndo e tiñan que saltar o suficiente para conseguir sacarlle o pescozo No obstante, un mozo facía oscilar a corda dende un dos seus extremos, dificultando a operación (10). Na parroquia de Grixalba, pertencente ao concello de Sobrado dos Monxes, realizábase a mesma práctica ritual do galo que na parroquia de Zas mais cunha pequena distinción consistente en que ao galo botabaselle aceite na súa cabeza para dificultar deste xeito o seu degolamento. Na parroquia de Xavestre, que forma parte do concello de Trazo, atábase un galo por unha corda, que se pasaba por unha roldana; logo, os que tomaban parte no ritual cos ollos vendados escomenzaban a pegarlle paos ao animal, que subía e baixaba pola roldana. Segundo fose a habilidade dos malladores o acto podía durar máis ou menos, rematando cando o galo morría (11).

Na provincia de Lugo, esta práctica ritual adoitaba celebrarse con certa suntuosidade. Na parroquia de Veiga de Logares, pertencente ao concello de A Fonsagrada, tiñan por costume enterrar ao galo ata a cabeza. A continuación, aos concursantes tapabanselles os ollos e deste xeito tiñan que procurar cortarlle a cabeza ao galo cunha fouce ou matalo cun pao (12). Tamén, nalgunhas parroquias de o concello de A Pastoriza levouse a cabo este ritual durante moitos anos. Na parroquia vilalbesa de San Salvador de Lanzós celebrábase "a corrida do galo" nun antiguo monte veciñal, chamado "Monte da Pequena", actual lugar de Brañón. Este ritual consistía no seguinte: "Collíase un galo vivo e enterrábase ata o pescozo. De seguido, tapábanselle os ollos cun pano a un dos participantes, e dábanselle unhas voltas para despistalo; a continuación, o concursante tentaba cortarlle a cabeza ao galo cun fouciño. O resto dos participantes animábano, ríanse del, ou memo indicábanlle unha dirección equivocada paera que non dese co galo. Eran poucos os que conseguían atopar o pescozo do galo. O que o lograba levaba como premio o galo. E se non, o galo comíase igual entre todos os concursantes". Este ritual realizábase da mesma maneira na parroquia vilalbesa de San Martiño de Lanzós (13).

NOTAS:
1. BENITO RIESCO, Orlando.: "A propósito de un ritual. 'Correr el gallo', un rito de iniciación", en Gazeta de Antropología, nº 22, 2006
2. CARO BAROJA, Julio.: El Carnaval. Análisis histórico-cultural. Madrid: Taurus, 1984, páxs.84-90.
3. COCHO, F.: Ob. cit., páx. 197. "Na parroquia dos Vaos, pertencente ao municipio lucense de Ribeira de Piquín".
GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: "Teatralidade e Teatro no Entroido de Galiza", en o Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos. Actas do Congreso, primavera-outono, 2009, Lugo: Lugo Patrimonio, Deputación Provincial de Lugo. "Parroquia lucense de Duarría, que forma parte do municipio lucense de Castro de Rei", páx. 114.
4. GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio.: As festas cíclicas do ano, Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego. Manuais, nº 2, 1991, páx.58.
5. TENORIO, Nicolás.: La aldea gallega, Vigo: Xerais, 1982, pp. 170.
6. MARIÑO FERRO, X.R.: O Entroido ou os Praceres da carne: Sata (A Coruña). Ed. do Castro. Cadernos do Seminario de Sargadelos, 84, 2003, páx. 144.
7. G. AMARELLE, Raquel.: Galicia en Entroido, Santiago de Compostela: Consellería de Innovación e Industria. Xunta de Galicia, 2006, páx. 100.
8. COCHO, F.: Ob. cit., páx. 199.
9. G. AMARELLE, Raquel.: Galicia en Entroido, Santiago de Compostela: Consellería de Innovación e Industria. Xunta de Galicia, 2006, páx. 100.
10. COCHO, Federico.: O Carnaval en Galicia, Vigo: Ed. Xerais, 1990, páx. 198.
11. SIXIREI PAREDES, Carlos.: San Cristobo de Xavestre. Chequeo a unha comunidade rural, Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 1982.
12. COCHO, Federico.: Ob. cit., páx. 198.
13. Informante: Sabela Figueiras Tenreiro, profesora de secundaria.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES