Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Compás Social: O urbanismo das vilas rurais galegas

viernes, 03 de octubre de 2008
Calquera persoa que observe os planos ou fotografías aéreas das pequenas vilas do medio rural galego a primeiro golpe de vista poderá descubrir algunhas imaxes parecidas: espazos urbanos alargados como tiras de papel mal cortadas que, partindo de encrucilladas de camiños tortuosos, se dispersan e prolongan en todas as direccións. Se aproximamos o obxecto visionado, enseguida se destacan algúns micro núcleos de edificios compactos, -son as antigas aldeas ou puntos primixenios que deron orixe ao agrupamento urbano-. Logo podemos visualizar as diferentes construcións descontinuas ao longo das vías, principais ou secundarias, que paulatinamente se dispersan no campo sementado de edificacións cada vez máis diseminadas. Esta primeira percepción do espazo urbano das vilas rurais lévanos a unha conclusión sinxela: estamos ante un urbanismo primario, espontáneo e interpretado como “natural”, que se iniciou nun cruzamento de camiños e que logo foi crecendo a beira daquelas primeiras vías de comunicación e transporte, onde calquera terreo adxacente converteuse en soar edificable. Este desenvolvemento urbano, espontáneo e de escaso control público, predominou durante moitos anos deixando as súas pegadas, unhas positivas e outras negativas.

Se pasamos a percorrer as rúas de calquera vila, enseguida poderemos discernir, sen moito marxe de erro, os sucesivos desenvolvementos urbanísticos destes núcleos do medio rural acumulados desde 1960, data convencional para medir os progresivos cambios, relativamente acelerados. O agrupamento dos centros de ensino primario, media e profesional, e a reorganización do sistema sanitario supuxeron un salto cuantitativo e cualitativo no urbanismo de moitas vilas, especialmente das cabeceiras de concello. Eses novos inmobles requiriron unha planificación conforme a unhas Normas Urbanísticas chamadas Subsidiarias e un determinado estilo de arquitectura funcional. Todo iso esixiu novos accesos, novas rúas e a conseguinte creación de amplos espazos urbanizados. Este proceso de modernización engadiuse ao vello urbanismo espontáneo; pero non corrixiu as deficiencias das áreas primitivas. Con estas novas ampliacións urbanas as vilas conseguiron unha certa enucleación central e unha edificación mais compacta. Continuaron, non obstante, sen control as forzas centrífugas de construcións á beira das estradas, camiños e sendeiros.

Actualmente atopámonos nun terceiro momento delicado do urbanismo do medio rural. A maioría das pequenas vilas sosteñen a súa poboación ou crecen debido ao retorno de emigrantes e xubilados procedentes do exterior e do ámbito rural disperso. Así mesmo, o incremento de traballadores dos novos servizos públicos e privados supuxo un importante fluxo de nova savia. Por contra, outras vilas tradicionais retroceden ao minguar paulatinamente a poboación dispersa circundante, o que leva consigo unha redución das súas fontes económicas e funcións tradicionais sen que se cren outras novas. Por outra banda, a vixente lei do chan de Galicia tamén pretende poñer orde nos chamados núcleos rurais, aínda que realmente non está claro cales das 30.000 aldeas ou constelacións de aldeas acadarán esa cualificación e categoría xurídica.

Se nos detemos nas vilas que actualmente están a renovar o seu urbanismo e arquitectura, doadamente podemos observar algúns feitos preocupantes: moitos novos edificios de vivendas constrúense derrubando inmobles tradicionais de calidade, duplicando ou triplicando as súas alturas e provocando na contorna inmediata grandes desequilibrios practicamente irreversibles. Nalgunhas rúas onde a normativa vixente permite levantar catro alturas, constrúese unha quinta planta disfrazada de mansarda, xurdindo así unha cuberta do inmoble con inclinación desproporcionada e sementada de ventanos e claraboias. Non se crean suficientes espazos colectivos, nin aparcamentos públicos nin garaxes privados. Non se corrixen os tradicionais estrangulamentos en determinadas rúas e beirarrúas herdados do primitivo urbanismo espontáneo e anárquico. E así outros múltiples detalles que rompen agresivamente espazos urbanos, antes relativamente harmónicos.

Calquera cidadán, ata lego na materia, pode chegar á conclusión de que algo falla no urbanismo e arquitectura do medio rural galego. Moito do que se fai nos núcleos rurais e nas pequenas vilas está desfasado e superado polo que se planifica noutros lugares de vangarda. Posiblemente estamos ante unha combinación perigosa de dous elementos: a especulación do solo urbano e unha peculiar percepción moi estendida de que os amontoamentos e crecemento en alturas son símbolos de modernización urbanística. Ese non é o camiño. Non se trata de que o urbanismo rural quede ancorado no pasado, senón de que as innovacións vaian na dirección axeitada. A planificación urbanística debe escarmentar dos erros das grandes aglomeracións urbanas, evitando os amoreamentos horizontais ou verticais e creando espazos desconxestionados e con epicentros ben urbanizados que favorezan as relacións colectivas, hoxe un tanto espalladas. Ese cambio de rumbo require un xiro radical na mentalidade colectiva e nos hábitos políticos da xestión pública. Iso é tarefa de todos, pero hoxe está de modo especial nas mans dos dirixentes autonómicos e municipais que deberán axustar a súa sensibilidade, responsabilidade e actuacións aos retos do século XXI.

Nos trinta anos de democracia fóronse acumulando un bo fardo de leis, decretos e normas urbanísticas, tanto estatais como autonómicas, que neste caso desembocaron na Lei do Chan de Galicia que agora vai a estar na base dos Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOM) que neste intre están cociñándose, ou xa sazonados, nos diferentes concellos galegos. Noutra achega cómpre abordar os pormenores esenciais desa Lei do Solo, a súa concreción nos plans municipais e, sobre todo, o seu axuste a realidade preexistente nas vilas rurais, nos pequenos núcleos e aldeas dispersas.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES