Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Salvaxemente humana

lunes, 16 de mayo de 2022
Hai lustros que sigo con atención a escrita de Medos Romero. Mesmo tiven a honra de prologar un seu libro e non foron poucas as ocasións nas que comentei obras por ela publicadas. Fun vendo, xa que logo, como a súa poética arboraba, pulando con forza nos gromos novos, facendo rexos os máis vellos, estendendo con forza as raíces dun canto no que o persoal e o colectivo se dan a man.

Da creación de Romero deixei escrito nalgún lugar que nela, aos poucos, "as sombras foron gañando terreo ao mesmo tempo que as palabras se espían e a aquel rendear primeiro do Tempo, ese feliz amarse en por si, sucedeunos o peso da derrota, o melancólico lenzo das madrugadas, toda unha seitura dos tristes, un pozo de feridas que non estiña, mapa de corpos imposibles e ausencias eternas que rematan na ansia do lóstrego, a depredación, devastación e aniquilación definitiva da materia e a vida".

Tamén é así en E o sol era Ela, no que é ben doado descubrir as trabes mestras da súa poética, que ela mesma cifrou nalgunha ocasión: "A terra, a muller, a dor e a beleza son (...) as raíces das que se nutre toda a miña poesía, esta árbore verbal que un día naceu e que vai medrando libro a libro e da que unha nunca sabe que é o que vai quedar co paso do tempo". Mais recoñece na súa escrita igualmente "a situación da muller na sociedade actual, con ese grave problema de que aínda moitos homes se cren donos de nós e non cesan de agredirnos para recordarnos que mellor mortas que libres, independentes e donas dos nosos destinos". E, por suposto: "a dor como o actor principal de toda a miña obra. A dor axudoume a ser unha muller máis forte e máis valente e co tempo sacou o mellor de min”.

Xustamente esta vivencia da dor, a esgazadora perda da figura materna, a orfandade que esta xerou, é o motivo principal de E o sol era Ela, un libro difícil, mancado, no que a poeta se refuxia nun tan simbólico coma real bosque dende o que sente, magoadamente, os días e a súas feridas. Porque, como ben di unha das citas cabezaleiras deste libro debida a Lacan, dunha ferida o que importa é a cicatriz. E lañas, moitas lañas, son as que supuran neste libro, inzado de renuncias, de soidades, de abatementos.

Ante tanta saudade, tanta tristura ontolóxica, tan só a unción panteísta é quen de dar sentido ao ser; velaquí un excelente poema que o certifica: "Adiviñei a lagoa entre bidueiros, o val, o azor,/ a lúa que caía nun precipicio./ Tamén os meus doces paxaros,/ a natureza nai que entrara de raíz/ polo cordón umbilical/ -como nos cadros de Frida Khalo-,/ sangue bombeando a vida, zume fresco, dor,/ unha dor inútil que xa non me pertencía./ Tan só a natureza impoñía a súa presenza./ E toda dor era rebatida de vez".

Así as cousas, o papel da poesía, a necesidade do dicir, faise tamén alquimia complexa, efluvio inicuo que é preciso liberar: "O poema veleno é, bilis e dor do meu corpo de nena". Porque os límites da dor, a fondura das feridas, e o tamaño das cicatrices son inconmensurables: "Canto amor precisaría a miña salvación?/ Canta tenrura pode acadar esta doenza?/ Canto dominio de meu esixiría coa firmeza do abandono?/ Cantos milagres resistiría eu despois da febleza?/ Canta luz precisarían os meus ollos para a mudanza?/ Canta xenerosidade debo de acadar/ para serenarme e non doerme máis,/ nunca máis de min mesma?/ Canta procura debo de conquistar/ para deixar de castigarme así, desta maneira?/ Canta?".

Hai, pois, un recoñecemento explícito dunha perda irreparable: a da nai que todo o sandaba, que restituía a orde do Cosmos e facía que todo fulgurase: "E o sol só era Ela/ enchendo a casa de luz,/ coa súa faciana firme,/ termando do seu sorriso/ cara a min". A memoria desa eiva non deixa outra que: "Elevar o espírito á pureza suprema,/ ter nacido así, soa, extrema./ Ficar neste lugar de sombras,/ nesta espesura imposible./ Ser ao fin salvaxemente humana", versos cos que remata este libro co que Medos Romero alcanza a plenitude poética.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES