Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Preocupan as respostas ás preguntas últimas?

viernes, 13 de mayo de 2022
Seguindo a Pedro Laín Entralgo, o saber último é un saber incerto, porque este saber só se funda na razón e na crenza, e o coñecido como penúltimo, científico, se fundamenta na experiencia e na razón, e produce evidencia e certeza, aínda que non é a "forma suprema do saber" (Heidegger). Pero... que propiedades ten o saber último?. Segundo este intelectual, é un saber razoable, sen dar lugar a evidencia, e incluso convincente e suxestivo para admitir un aserto; non obstante o seu resultado pode complementar ao penúltimo, que está fundamentado na recta observación e o recto razoamento.

Son preguntas últimas as relativas á problemática da existencia de Deus, a da inmortalidade da persoa humana, a de se será o home a última forma evolutiva da biosfera terrestre, a do verdadeiro sentido da existencia humana, etc. Como xa apuntamos noutras colaboracións, ¿preocupan nesta sociedade líquida as respostas a tales preguntas?. Eu atreveríame a afirmar que nunha reflexión de fondo, en enfoques distintos, si preocupan a todos os seres humanos, e, por suposto, a numerosos intelectuais. Aquí fago referencia a dous vascos ilustres, que manifestan de forma diferente o seu pensamento en relación a isto, razoando a súa respectiva proposta na temática que abordan. Trátase de Xavier Zubiri e Miguel de Unamuno.

Xavier Zubiri, xesuíta, que acabou deixando a Orde para casarse e dedicarse á investigación filosófica, libre doutros compromisos, dende a cátedra de metafísica da Universidade Central, emprega boa parte da súa vida ao estudo acerca da realidade. Xustamente por isto non parece pertinente, nin é fácil, facer aquí unha exposición precisa e clarificadora da súa concepción da mesma. Quedémonos, pois, con que a persoa humana vive nun mundo de realidades, mentres o animal nun de estímulos. Bástanos entender que a realidade é o apoio ÚLTIMO de todas as accións da persoa, e, por suposto, o seu fundamento. Pon o exemplo do suicida que se desprende da realidade, evadíndose así do fundamento, do último apoio para ser persoa.

O mesmo home -di-, como autor dos seus actos, proxecta adoptar unha forma determinada de realidade, optando entre as posibilidades que lle ofrece o medio no que vive. E faino, ademais, porque ten que realizarse pola imposición da mesma realidade, que desvela así o seu carácter de IMPELENTE: impéleo, queira ou non, a esbozar un sistema de POSIBILIDADES, entre as que ten que seleccionar as adecuadas para ir configurando a súa personalidade no decurso da vida. E as experiencias deste modo adquiridas lévano a concluír que a realidade é ÚLTIMA, IMPELENTE e POSIBILITANTE. Velaquí a razón pola que Zubiri a considera FUNDAMENTAL, no sentido de fundamento de todas as accións da persoa humana.

Engade este metafísico que as cousas reais poden dominar unhas a outras. Pero este poder é dominante segundo dúas liñas: A das cousas reais como "poderosidades" (por exemplo, cando se considera unha cousa real como un deus), e a liña do momento mesmo da realidade en canto realidade. Aquí xa non se trata de "poderosidades", senón do poder do real en canto tal, que é o poder que exerce sobre a nosa propia realidade persoal; é dicir, non é algo alleo a ela, que opere desde fora da mesma. E esta percepción da realidade persoal QUA realidade, que nos impulsa, ofrécenos posibilidades de realización e apóianos. E isto sostén Zubiri que é un feito, non unha mera teoría. Velaquí por que o poder do real en canto real xera o problema de indagar a súa causa, cuxa indagación produce inquietudes polas incertezas que lle saen á persoa no proceso cognitivo da mesma.

Resalta o filósofo que o home actual, sexa ateo ou teísta, non valora o problema que hai subxacente ás súas crenzas: "Para o ateo non só non existe -di- Deus, senón que nin sequera existe un problema de Deus (...): e estima que a realidade de Deus é algo que só incumbe o crente". "Pero isto mesmo acontece ao teísta", que "cree en Deus, pero non vive a Deus como problema", páx. 370 da obra de Zubiri, EL HOMBRE Y DIOS, Alianza Editorial, Madrid, 1.984. Polo tanto, aquí non aborda Zubiri a existencia de Deus, senón QUE é o problema radical de Deus para o home de hoxe.

Polo que respecta a D. Miguel de Unamuno, encontramos que na súa obra DEL SENTIMIENTO TRÁGICO DE LA VIDA EN EL HOMBRE Y EN LOS PUEBLOS sostén que a fe cristián é necesaria na nosa propia condición humana. Afirma que a relación epistémica do suxeito co mundo está determinada por aquel mesmo, non polo mundo, e esta relación, a súa vez, determina a relación práctica, ética, do suxeito co mundo. Literalmente, di Unamuno, "nuestra filosofía, esto es, nuestro modo de comprender o no comprender el mundo y la vida, brota de nuestro sentimiento respecto a la vida misma", páx. 110, V. VII das Obras Completas, Madrid, 1,967.

Pero, neste lugar, Unamuno personaliza o mundo, considerándoo como un ser vivo, que sufre, ama e pide amor. E considera que esta é unha forma de relacionarse con el. Seguramente cabe pensar no fundamento da emerxencia orixinaria dunha "intelixencia ecolóxica", que aborda Daniel Goleman na súa obra do mesmo título, editada en Kairos, Barcelona, 2.009. Todo ten cabida nese sentimento tráxico da vida, que, curiosamente, atribúe o ilustre catedrático da Universidade de Salamanca, como consecuencia, ao que chama "hambre de inmortalidad", manifestada no sentimento desa necesidade de seguir sendo, indefinidamente, os mesmos individuos de carne e óso que somos aquí e agora; pero pensa que esta é unha esperanza fundada na existencia de Deus. Así pasa D. Miguel do "home inmortal" ao "home de Deus". E talvez xurda aquí a posibilidade dunha reflexión acerca deste sentimento, pensando, inclusive, na necesidade da existencia dun deus que facilite a inmortalidade. Creo que Unamuno intúe nas cousas reais que constitúen o mundo un certo impulso por permanecer como son, que poderíamos dicir que semellan preludiar o impulso de inmortalidade nos seres máis elevados na escala biolóxica.

Para terminar, recordemos que Zubiri afirma que non pretende, ni remotamente, que a intelección sexa o camiño primario para chegar a Deus, o que sucede é que dese camiño non está excluída en ningún caso unha dimensión intelectiva. Velaquí por que o home/a muller, crente ou non, velis nolis, mantén na súa propia constitución unha certa inquietude cara ao problema da existencia dun deus, aínda que o disimule por reparos ideolóxicos ou adaptacións circunstanciais. E reparen que digo "cara ao PROBLEMA", non a existencia.

O que pretendo destacar é que estes dous intelectuais poñen de releve a súa preocupación por unha moi cotifada problemática do ámbito das cuestións últimas. E creo que se pode considerar como unha constante antropolóxica que por moi certo e moi decisivo pragmaticamente que sexa o coñecemento penúltimo, a persoa humana sempre sentirá o baleiro do último como unha indagación do orto da esixente necesidade de dar razóns do seu sentimento de carencia dunha plenitude que se albisca desde a propia realidade persoal.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES