Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coral Hospital de Lugo, 30 anos connosco

viernes, 13 de mayo de 2022
Trinta anos cantando dan para moito. Os ecos das pezas interpretadas ao longo do tempo chegaron ata hoxe. Desde aquel 1991 onde o soño visionario de Edelmiro Ulloa, home bo e xeneroso, tentou humanizar con música e teatro o traballo no hospital. Nacía a Coral Hospital-Calde. Por ela pasaron mulleres e homes namorados dunha música con fondas pegadas na memoria sonora da cidade.

Hai acordo unánime en valorar a presenza vertebradora e a maxia luminosa dunha figura imprescindible na Coral, Fernado G. Jácome, o seu director. Os que o coñecen, as que están fronte as súas mans, os que vemos como dirixe sabemos da solvencia técnica e a paixón á hora de se enfrontar a un concerto ou enfiar novidosos proxectos de futuro.

Os trinta anos da Coral chegaron ata este 1º de Maio con luces e sombras: a crise económica que peta nos vulnerables, a pandemia que trouxo tanta desolación, esta agresión absurda e asasina a Ucraína. Pero sempre queda unha raiola de luz, anacos de esperanza, faragullas de beleza que axudan a vivir como seres humanos. Desta volta, a carón da música.

Tres décadas de concertos, concursos, gravacións, viaxes por esa ampla patria fraternal que fala cunha lingua universal, a música. Cantan elas, eles coa voz. Canta este Jácome coas súas mans alfareiras de ritmos, afinación, melodías. Cantamos nós cos ollos, coa escoita e recoñecemento. E cunha asignatura pendente: a presenza de xente nova nos concertos e no relevo xeracional das voces que van afastándose polas encrucilladas persoais da vida.

As trece pezas escollidas foron un percorrido por ese tesouriño das cancións do noso folklore, en gaélico, saber popular. A Coral levounos pola xeografía sonora española. Coa riqueza de idiomas veciños, irmáns. En galego, claro, tamén en euskera, català, en castellano, as linguas da nosa casa. Un concerto para gozar. Para celebrar este trinta aniversario con elas, con eles, nunha aposta pola música culta, pola música coral que cómpre apoiar, aínda máis, desde as institucións. Ben conscientes de que se a cultura é cara, a ignorancia resulta impagable: a primeira constrúe o mellor que levamos dentro, a segunda destrúe. A música éche aposta segura pola beleza e vacina contra a fealdade que avanza implacable polas xeografías física e humana. A música coral é aire limpo que permite respirar no medio desta sementeira cotiá de ruído, furia e lixo tóxico.
A peza escollida para rematar o concerto foi 'Negra sombra', dos nosos Rosalía e Juan Montes. Unha invitación a que as sombras negras non apaguen a beleza, a sombra luminosa da música. E unha chiscadela final no día do Traballo e da Nai, 'Las manos de mi madre' paxaros no ar que fan o traballo imprescindible no chan.
Coro do Hospital de Lugo. 30 anos connosco.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES