Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (10)

viernes, 03 de junio de 2022
Celtismo e panteísmo Valuro

O noso grande patriarca, Otero Pedraio, no seu "Ensaio histórico sobre a cultura galega", pon de relevo a importancia dos suevos na conformación do pensamento e da relixiosidade galega que posteriormente se encargará Prisciliano de reconverter, mais sempre, tendo como transfondo o pensamento ancestral do noso pobo.

Otero Pedraio explicita que "o bárbaro e estraño paganismo dos suevos entra en violento conflicto coas católicas urbes romanas e co radical credo politeísta céltico difícil de separar da gnose prisciliana".

Nesta situación de politeísmo e de panteísmo temos que encaixar e incorporar ao pobo valuro, morador de toda a Terra Chá e da perenne confrontación coa Igrexa católica dende a noite dos tempos ata case a actualidade e que se resolve, como xa dixemos noutras ocasións, en sucesivas pauliñas por parte dos bispos de Mondoñedo, que é a diócese á que pertencen.
A misteriosa e incógnita Valura (10)
Este politeísmo e panteísmo galego orixinario dun celtismo ancestral, está visíbel, aínda hoxe, na maior parte dos santuarios que a Igrexa católica reconverteu para non perdelos e desta maneira ganar os adeptos doutros deuses que tales lugares tiñan como emblemáticos de deuses anteriores ao cristianismo, lugares que por algunha razón, teñen a fortuna e a ventura de estar situados en espazos simbólicos e metafóricos mais tamén plenos de beleza e dende os que se poden visualizar os elementos da natureza relativos á auga, á terra, o lume e ao aire ou ao vento, que para moitas doutrinas antigas eran os constituíntes básicos da materia e os cales explicaban o comportamento da natureza, tan importante para o priscilianismo. Este modelo estivo vixente ata que a ciencia puxo a estes elementos no seu lugar pero debido á beleza que entrañan, seguen sendo aínda referentes da cultura galega.

E dentro destes espazos, sobre todo para os Valuros, habitantes da Chaira encharcada, non pode haber outros máis importantes que as lagoas das que tiña unha boa representación A Valura ou Valuria. Tamén o panteísmo como concepción filosófica e relixiosa según a cal o universo, a natureza e a deidade que os monoteístas chaman deus, son equivalentes e que nos fai recordar a película Avatar onde os habitantes teñen unha visión panteísta, ou a saga Star Wars "A Forza" como a enerxía que está en todos os seres do universo e que nos mantén en total conexión fai que saia a retranca de que os Valuros concederan millóns de indulxencias plenarias e foran quen de pedir esmola para "soster as 11.000 virxes e cantantes da lagoa de Caque", que teñen medio corpo dentro da auga e o outro medio fóra dela, moi preto de Castro de Ribeiras de Lea e lugar emblemático, como xa dixemos, e propio dun dos elementos máis importantes da natureza, como é a auga e as lagoas como lugares de culto e de morada dos antigos valuros nos palafitos que pensamos estarían espallados por toda a Terra Chá. Os Valuros debían ter tamén unha retranca galega importante ou habilidade para buscar esas segundas intencións ou esa graza intencionada e escondida chea, moitas veces, dunha grande ironía, como é o caso, porque as 11.000 virxes cantantes co medio corpo dentro da auga e o outro medio fóra dela non son outras que as ras dando un concerto polo día ou nas noites de luar.

O mesmo Manuel María nos "Poemas para dicirlle ás lagoas" recórdanos ese priscilianismo de seu avó nesas Once Mil Virxes asulagadas como algo que estaba na mente de todos os Valuros:
"-¿Quen tan acordado canta dende
o misterioso do fondo da lagoa...?
-E o coro, celeste e infábel,
das Once Mil Virxes asulagadas
ás que sempre rezaba meu avó"


O mesmo Venceslas Kruta na súa obra Los Celtas coméntanos que en canto aos lugares de culto os celtas non tiñan santuarios e "que los ritos se desarrollaban en un escenario natural. La existencia del bosque sagrado (denominado en céltico nemeton) se menciona efectivamente en los textos, así como las costumbres de echar ofrendas en los lagos, fuentes o ríos, atestiguada también por la arqueología".

Estas once mil virxes non só están na Lagoa de Caque e as peticións non son exclusividade dos Valuros porque nas Palabras de San Xoán retorneadas, que serven para librarse do demo e calqueira outro mal habendo de ser pronunciadas ao dereito e ao revés, son as seguintes, recollidas no T1 Menciñeiros, saludadores e compoñedores da Gran Biblioteca Temática de Galicia:
"Á unha, máis craro o sol que a lúa.
Ás dúas, as dúas Táboas de Moysén.
Ás tres, os tres Patriarcas.
Ás catro, os catro Evangelistas.
Ás cinco, as cinco chagas,
Ás seis, os seis cirios.
Ás sete, as sete lámpadas.
Ás oito, as oito Portas do Paraíso.
Ás nove, os nove Coros de Anxos.
Ás dez, os dez Mandamentos.
Ás once, as once mil Virxes.
Ás doce, os doce Apóstoles.
Ás trece, as trece raíñas do sol"


Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela


NOTAS:
GRAN BIBLIOTRECA TEMÁTICA DE GALICIA. Tomo I.- Menciñeiros, saludadores e compoñedores. Voz Radiovoz. Páx. 14.
KRUTA, VENCESLAS.- Los Celtas. Colección Edaf Universitaria. Madrid 1981
MANUEL MARÍA.- Poemas para dicirlle a dúas lagoas. Obra Poética Completa, Tomo II.Espiral Maior. A Coruña 2001. Páx, 569-
OTERO PEDRAIO, Ramón.-Ensaio histórico sobre a Cultura Galega.Galaxia, Vigo. 1982- páxs 86 e 94
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES