Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (7)

viernes, 13 de mayo de 2022
Manuel María e os Valuros

Son moitos os autores que tratan, sempre de pasada, a temática dos Valuros, e Manuel María non podía ser menos, home de grandes coñecementos a cerca da nosa Chaira, sabe da súa existencia e trata aos Valuros nas súas obras coa sabenza que se viña perpetuando polos distintos autores ao longo da súa historia como tribo maldita, dándose conta de que el mesmo formaba parte da devandita tribo e tratándoos non moi ben, pero isto hai que perdonarllo, porque é froito da historia e da época na que el vive influenciado pola Igrexa e polo pensamento cristián.

Manuel María fai este tratamento dos Valuros na súa obra ensaística ou crónica da Terra Chá "Cando o mar foi polo río", que tamén parece unha novela, mais con aspectos pronunciados de teatro e poesía, onde o seu protagonista Manuel de Paderna, alguacil titular do concello de Outeiro de Rei, (que curiosamente hoxe non se atopa dentro da Mancomunidade da Terra Chá), que acompaña ao seu alcalde Don Capitón, e o tal Manuel de Paderna fai de valedor de Fompedriña, home que tiña na horta da casa da súa propiedade unha pucharca ateigada de ras, que daban concertos nas noites claras e agradábeis de bo tempo e que daba moito gusto escoitar, pero un día a pucharca comezou a estiñar e Fompedriña quedou sen auga e sen ras, por iso lle pide axuda ao seu amigo e tocaio Manuel de Paderna, ao que contesta desta maneira:

- "O problema non é doado, Fompedriña amigo... se cadra esta falcatruada é obra dun valuro, un deses mangallóns qe, no canto de traballaren, andan a pedir esmola por feiras, mercados e romarías ou a vender oracións contra o mal de ollo e as doenzas das xentes e os padecementos dos animais, contra os que bispos de Mondoñedo botaron pauliñas varias. Os Valuros polo que se sabe adoraban -e aínda adorarán- o deus Baal. Esta tribo, privativa destas terras, é capaz de facer calquera cousa con tal de que sexa para mal".
Neste paragrafo atópanse os coñecementos que temos dos Valuros na contemporaneidade de Manuel María. Vexamos:

Primeiro.- Os Valuros son xente que fai falcatruadas, é dicir, que fan malas accións con enganos e trampas.

Segundo.- Son mangallóns ou persoas altas e corpulentas.

Terceiro.- Non son traballadores.

Cuarto.- Andan a pedir esmolas por feiras, mercados e romarías.

Quinto.- Venden oracións -e aquí xa topamos coa igrexa- contra o mal de ollo que tan enraizado estaba nas clases populares galegas, porque o que isto escribe, dá fe de que na súa nenez eran moitas as persoas que seguían crendo neste mal e que Sargadelos inmortalizou na súa colección de figas, tan acaída e tan interesante acerca deste mal tan noso.
A misteriosa e incógnita Valura (7)
Sexto.-Contra as doenzas das xentes vendían oracións, o que proba tamén que os Valuros eran unha especie de médicos ambulantes.

Sétimo.- Tamén para os padecementos dos animais tiñan remedios, o que nos leva a pensar que tamén traballaban como compostores ou albeites.

Oitavo.- Era e foi un pobo perseguido pola Igrexa porque oficiaban de curas, e os bispos de Mondoñedo, diócese á que pertencían, botaban pauliñas en cartas de excomuñón que expedían os tribunais eclesiásticos, o que supoñía unha reprensión moi forte para o excomungado.

Noveno.- Adoran ao deus Baal, unha antiga divindade dunha serie de pobos de Asia Menor, era o deus da choiva, do trono e da fertilidade.

Décimo.- Concibe aos Valuros como unha tribo única e exclusiva destas terras mais capaz de estar facendo arreo mal.

A gaita de Fompedriña non soaba como noutras ocasións froito de que non cantaban as ras na pucharca de seu. Paderna, foino ver e atopouno nun estado lamentábel, deulle ánimos e tirou dun "envurullo que levaba no peto, seis ras mecánicas, agasallo dun seu amigo, emigrante en Suiza. Deulles corda e as ras comenzaron a cantar". Ao pouco, Paderna mándalle a Fompedriña que vaia pola gaita e que se poña a tocar, mais a gaita aínda non recobrara o seu son porque o ronco non daba boa cualidade de son.

A iso da noite, Paderna e Fompedriña achegáronse á horta e déronlle corda a tres das ras no leito da pucharca e, en canto remataban as tres, xa tiñan corda as tres seguintes que poñían a cantar.

Cando quixo ser de día, aparece a gatas un individuo cun aparello a modo de coador para apañar as ras. Xa de día, viron como no fondo da pucharca, despois de dous dedos de terra, aparecía unha capa de area e un cano falso que remataba no eido dun veciño que era valuro. Non cabía dúbida que fora o que fixera o cano para lle roubar a auga a Fompedriña e fertilizar con ela os seus campos, por iso a pucharca non gardaba a auga e as ras roubábaas o fillo do valuro porque vende os zancos nun restaurante moi coñecido que hai en Castro de Ribeiras de Lea. Fompedriña, despois de falar cos valuros e non levalos á xustiza, estes, desfixeron o cano falso e a auga volveu á pucharca e as ras cantaron de novo, e o roncón da gaita de Fompedriña volveu ao seu orixinario son.

Nesta última parte, que nosoutros tratamos de resumir, Manuel María pon de relevo un mal endémico da nosa Galiza, como era o roubo da auga de regadío e os xuízos polas derregas e as birtas de distribución nas pradeirías da Valuria e que el coñecía tan ben por ser procurador dos tribunais.

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela



NOTA:
MANUEL MARÍA.- Cando o mar foi polo río. Fundación Manuel María. Coruña 2015.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES