Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anunciación da auga

jueves, 12 de mayo de 2022
Chámolle auga e digo: primeiro foi o mar.
Anel de afondar barcos.
Foron acaso os peixes os primeiros?
Anunciación da auga
Chámolle auga e digo ninfas [Ana, Xoana, Viviana]
cabelos de ouro a peitearse
Candea Branca
poza das tres doncelas
sorriso protector das augas doces
Penas do Cucharego na Alvariña
con fonte onde bailaban [hai tempo morta]
Encanto de Paredes cabelos enrestrados
a cada criatura máis fermosa
e Arcas da Pena Moura
princesiñas das augas
e tamén Vilacampa onde están secuestradas por un crego.

Chámolle auga e digo lagoa de Lagoa
Moucho da Laxe
Virxe do Leite lagoa de Ferreira
barcas de Carballido pé do Trece.

Chámolle auga e digo A Dama
a namorar nos mozos e a desapareceren
augas mouras.

Chámolle auga e digo As Curuxeiras
Fonte de Santa Helena
e as dúas Fontes da Vila
e Fonte da Fervenza onde mora unha anana
Fonte de María Arteira nun Frexulfe de lobos enfragados
e Fonte da Fresqueira con paxariño branco
barca de pedra e San Vicente
santos de Recaré na Fonte da Pedreira
Fonte do Conde
Fonte das Campaíñas e Fonte do Castelo en Vilacampa
torbón de Santo Estevo na Fonte do Milagre
e Fonte das Viúvas co loureiro de Dafne [Dafne = 'loureiro'].
A Virxe de Bacoi ten a súa fonte onde se vai lavar polas mañás.
Fonte de San Ramón en Adelán
veñen franceses polo Pouso abaixo
ferven fontes de sangue.

Chámolle auga e digo Río de Beloi ou do Pereiro
Rego da Billagueira
e digo Escouridal outra xiganta
altos cabelos brancos ou río de Guilfonso
rego das tres irmás.
Anunciación da auga
E digo O Cadramón e A Furna
Porto do Río e Veiga da Lagorza un pasadoiro
Poza dos Degrosiños
pitiños de ouro no Rego das Cancelas
Pozo do Encanto
rosa das vinte e nove follas.
Os días de mercado
un home baixa dacabalo desde O Cadramón
a calcetar as prendas dun pasado que non dá pasado
acaso dun futuro que non quere chegar.

E digo Rego do Penido Vello
e Río de Paredes
refuxio das tres mozas e ponte con xiganta
e Fervenza da Tórez
ou Río do Canedo con castelo encantado.

Rego de Valdeinfernos baixa o Buio
con Encanto e anana
despois a remansar Pozo da Onza
xa canso de brincar por aló enriba.
Onde o monte Castelo e o Sarrapio
vese pasar a luz con rumbo a Francia
e hai un cartaz que di: "París,
a cidade da luz con luz do Valadouro"
e a Hoste Antiga voa encabritada.
Tamén hai ríos de luces migratorias
con billete de ida.

E digo Río Vao polo Pormaio
Valiña Boa
Veiga de Santa Cruz e Mor San Pedro
e río de Ferreira baixar de Vilacampa cara ao río Grande.

Digo lugar de Río en San Tomé
terra dun meu avó xoieiro en Cuba
arruinado e cego por mor do Crack do 29
taberneiro en Ferreira xunto ao río da vila.
Dentro de min circula con orgullo,
non sen dificultade,
parte do sangue deste Río materno.
De noite baixa un home en bicicleta
que pregoa insistente:
"Auga, que arde o Río"
e arde o lugar de Río en San Tomé
ou acaso Augarrío burgo antigo de A Laxe.
Tamén hai ríos de lume, meigas fóra!

Chámolle auga e digo Río Grande
ou senón Río Douro
a baixar por Freixido e tamén Ponte Vella
e Ponte de Centoi con trabe de ouro e Zarrulada
digo Santa Mariña con capela
filla da deusa Nabia Entrambasaugas
e tamén Ponte Nova pousada en Vilaúde
auga presa en Galea ou Castrodouro
digo lugar da Rabia
para ir morrer no mar foz de Fazouro.

E tamén penso e digo en voz dos somalís que alindan os rabaños:
a miña patria está alí onde chove
e piden auga cando teñen sede.
Proclamo esixo anuncio o meu país e digo auga,
auga, por favor...
E polas fragas baixan lobos lobos lobos...
exércitos de lobos azouridos
coa súa sede nos dentes.
Ferreira, Isaac
Ferreira, Isaac


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES