Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O misterio da vida

martes, 10 de mayo de 2022
Como sabe moi ben o Doutor Carlos Zamarrón, médico e filósofo compostelán, autor dunha tese doutoral sobre hermenéutica do discurso do enfermo, "a saúde é un estado transitorio que non augura nada bo". Non só a saúde. Todo na nosa vida é un ben efémero porque estamos feitos de tempo.

Hai quen defende que o tempo non pasa, senón que somos nós os que pasamos. Váleme tamén porque, no fondo, volve incidir sobre o carácter fuxidío da condición humana. En canto a se o tempo pasa ou non, é dicir, se é eterno, non me sucederá a min o mesmo que ao pobre San Ero, sabio abade do mosteiro de Armenteira, que mentres trataba de comprender os misterios insondables da eternidade, deleitouse escoitando o canto dun paxariño, e cando volveu en si pasaran dous séculos.

Aprendín a lección e, por iso, hoxe quero abrir esta xanela semanal co entusiasmo de quen unicamente pretende convidar aos demais a gozar das pequenas cousas que nos ofrece a vida: o verde tenro das follas que acaban de agromar; o ceo azul e as nubes que o tinguen de branco ou de gris; as flores que, fieis á chamada da primavera, acaban de estalar en miles de cores; o aire fresco da mañá ou o silencio inquietante da noite. Convidalos, en fin, a gozar da natureza que nos envolve co seu abrazo maternal e revélanos que a vida sempre se abre camiño.

Sábeno moi ben os xaponeses que, hoxe como outrora, seguen considerando sagrada a natureza e celebran como unha das principais festas anuais o “hanami”: a tradición para gozar da cerdeira en flor. Unha flor tan bela como efémera. Nos seus fráxiles pétalos reside o misterio da vida.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES