Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rituais ancestrais do Entroido (1)

miércoles, 11 de mayo de 2022
Achegas históricas á corrida do Galo en Galicia e nos Concellos Chairegos de Castro de Rei e Cospeito

I. Tempo de Entroido e algúns trazos básicos

O Carnaval recibe en Galicia o nome de Entroido, vocábulo que procede do latín "Introitus", que significa "entrada", ou "comezo do ano ou da primavera". Segundo as Rituais ancestrais do Entroido (1)diferentes comunidades nas que se celebra esta conmemoración festiva recibe os nomes de "Antroido", "Introido", "Entrudio", "Entrudo"... (1)

O tempo de Entroido está ligado coa Pascua de Resurrección, festa de carácter lunar, que conmemora o día da morte de Xesús. Esta conmemoración, segundo o Concilio de Nicea, lévase a cabo o primeiro domingo que segue a lúa chea de primavera. En consecuencia, o domingo de Entroido celébrase corenta e nove días denantes da Pascua de Resurrección. Agora ben, o calendario lunar ten como fundamento o ritmo irregular das lúas, xa que o ciclo completo de lunación ben durando normalmente vinte e nove días, e doce horas. Polo tanto, o domingo de Entroido pode cadrar entre o un de Febreiro e o sete de Marzo.

Agora ben, os días propios da festividade do Entroido abranguía -segundo Vicente Risco- unhas tres semanas nas que era mester sinalar os seguintes días: o domingo fareleiro; o xoves de compadres; o domingo corredoiro; o xoves de comadres; e os días grandes do Entroido, que se correspondían co domindo, luns e martes. Eventualmente, tamén o mércores de cinza. Ademaís, cómpre facer mención ao domingo de piñata, primeiro domingo de coresma, que se conmemora nalgunhas comunidades (2).

Por outra banda, esta conmemoración festiva está revestida dunha serie de elementos moi peculiares, que fan desta celebración algo especial e propio. Así, podemos distinguir os seguintes:

1º. Trátase dunha festividade de tránsito entre o solsticio de inverno e o equinocio da primavera. Isto implica que algúns rituais deste momento festivo sexan indicadores dun novo mencer fronte a escuridade.

2º. É un tempo de transgresión da orde habitual; de ruptura de todas as normas; de inversión de valores. Un tempo axeitado para que todos podamos simbolizar "un rol" diferente ao que temos na vida cotiá. E isto realízase, as máis das veces, por medios dos disfraces e as máscaras.

3º. No Entroido estamos ritualizando o lado oscuro e funesto do ser humano. A súa animalidade, as súas maís baixas paixóns, os seus excesos na comida e na bebida.

4º. O Entroido provoca un desafogo psicolóxico no sentido de que se trata dun festexo catártico e liberador das tensións acumuladas ao longo do ano (3).

5º. No tempo de Entroido, os praceres carnais están personificados por medio de animais vivos, como o galo, que ten fama de ser un dos máis luxuriosos. No obstante, tamén se usan figuras de animais, que foron asociados portradición non só coa lascivia, senón tamén con outras formas de comportamiento carnal, como a gula, a preguiza etc. Así, podemos sinalar a vaca, o touro, a mula, o oso. Ademaís, hai representación dunha animalidade en abstracto, reflectida por unha serie de atributos como as peles, cornos, máscaras con figuras de animais.

Tamén, hai outras formas de simbolizar ao Entroido: unha delas é a vellez; polo tanto, non resulta estrano ver moitos disfraces de roupas e caraútas vellas. Así mesmo, o Entroido tamén está personificado naquelas persoas disfrazadas con vestidos de luxo, como é o caso das Madamas; os Galáns; os Señoritos. O luxo está relacionado coa voluptuosidade, co pracer sexual (4).

6º. Este tempo representa ademaís unha loita entre Don Carnal e Dona Coresna, reflectida -segundo termos nietzcheanos- pola relación existente entre dos deuses da Grecia antigua, Apolo e Dionisios. Así, o dionisiaco simbolizaba a desorde pública, o instintivo, a vitalidade sen freo, a farra, a irracionalidade. Pola contra, o apolíneo, representaba todo o contrario, é decir, a racionalidade, a orde social, a ponderación, o esforzo continuo (5). En consecuencia, hai unha tensión dialéctica entre o apolíneo e o dionisiaco, que se vai resolver co triunfo do apolíneo, e decir da orde e do control social.

7º. O Entroido ten un fondo contido dramático, xa que é un tempo no que se escenifican e parodian as institución civís e eclesiásticas (6).

8º. A máscara é uns dos elementos esenciais do Entroido. É un símbolo claro da animalidade entroidana, que provoca diferentes tipos de emocións: admiración, alegría, medo, temor, inquietude. Non adoita actuar en solitario, senón en grupo formando mascaradas, que percorren as rúas das vilas e os camiños das parroquias. Gozan de inmunidade, o que lles permite botar fariña, auga e nalgún tempo formigas.

9º. É un tempo no que as portas das casas están abertas de cara ao exterior, e todos participan dun xeito directo ou indirecto na festa.

10º. O Entroido ten unha finalidade didáctica. O desenfreo e a desorde, que se produce nesta festividade, regulan a orde social (7).

11º. Unha das manifestacións do Entroido, que serve de válvula de escape aos asistentes a algúns dos actos deste tempo festivo e o "riso". Todo vale e todo resulta cómico no tempo do Carnaval (8).

12º. É un tempo de alegría, de diversión, de exceso na comida e na bebida. O elemento sexual aparece reflectido en certos xogos como o das olas; o do pucheiro; nas disputas que había nos xoves de compadres e comadres; no costume de que as máscaras lles levanten as saias ás mulleres e se metan con elas (9).

O Entroido foi prohibido durante o periodo da guerra civil do 36 e, logo, durante a ditadura franquista. Tanto a Igrexa como o Estado, apoiándose mutuamente nesta nova dirección Nacional- Católica, dictaron ordes e circulares para impedir este evento festivo.

NOTAS:
1. RISCO, Vicente.: Historia de Galicia, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Etnografía. Cultura Espiritual. Madrid: Akal, páx. 611.
2. RISCO, Vicente.: Ob. cit., páx. 612.
3. FRAGUAS FRAGUAS, Antonio.: Do Entroido. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego. Colección Alicerces, nº 6, 1994, páx. 9.
4. MARIÑO FERRO, X.R.: Antropoloxia de Galicia, Vigo: Ed. Xerais, 2000 páx. 487.
5. CHAO REGO, Xosé.: "O Entroido é unha entrada", en Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido. (Coord. Xosé Mansuel Carballo Ferreiro) páxs. 30-31.
6. SUAREZ PIÑEIRO, Ana.: As festas rituais de Galicia, Santiago de Compostela: Ed. Lóstrego, 2000.
7. SANTAMARIÑA, Fidalgo.: "IV. Cara a unha busca do sentido do Carnaval ourensán", en As Caras do Entroido Ourensán. Deputación de Ourense. Fundación Caixa Galicia, 2009.
8. COCHO, F.: El Carnaval. Análisis histórico-cultural. Madrid: Taurus, 1984, páx. 47.
9. BLANCO PRADO, J.M. e PERNAS BERMÚDEZ, Carme.: Achegas históricas ao Antroido de Val de Francos (Castro de Rei) no século XXI, en Croa (Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga) nº 19, 2009. páx. 61.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES