
Este ano é especial para a xente de Lugo que sabe e sente o que significa Auxilia. Hai 50 anos xente de ben abandeirada por Xesús Mato (en Lugo) e o finado Domingo Gómez Freire (Ourense) empezaron a teimar porque as persoas con diversidade funcional saíran á rúa e tiveran presenza pública. Ían contracorrente e, entre moitas loitas, reivindicaban o acceso ao ocio. Fixeron colonias (máis tarde serían campamentos) e, por primeira vez, moita xente con diversidade funcional tiveron vacacións.
Tamén loitaron pola atención temperá, polo dereito á inclusión educativa e polo dereito ao traballo. Acompañaron todo isto cunha reivindicación constante da cultura galega e crearon festivais.
É tanto o que se lle debe a Auxilia que moitas persoas máis novas sentímonos profundamente orgullosas dos seus éxitos. Por iso, o xusto é homenaxear ás persoas que no 72 foron pioneiras; miralas aos ollos, darlles unha aperta e dicirlles sinxelamente grazas.
Por certo! Como a loita continúa, mañá vémonos en Lugo para falar da reforma da Lei sobre a Capacidade Xurídica das persoas.