Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Troita aquela!

jueves, 05 de mayo de 2022
Troita aquela!
Lembranzas dunha cana pensante

Cal proa de veleiro invisíbel abancaba eu río arriba. Eu son esa firme e tremente cana que nos tempos mozos medrara á beira dunha poza nun deses infindos e umbrosos ríos que dan vida ó paraíso de terra e augas que leva o vivente nome de Galicia.

Acostumeime logo a me deixar levar pola destra e firme man dun ignoto e inquedo pescador, asaetado por pensamentos, silencios e brumosas esperanzas. Achegarme con el ás augas vivas e caladas que ben saben camiñar, coma serpe orixinal e vivificadora, por onde cómpre é sempre ruptura viva coas rutinas do disciplinado cidadán que pisa sempre as mesmas prazas e beirarrúas. Estas están feitas máis pra robots ca pra entes que se autodenominan humanos e libres. Eu -cimbrante cana- podo volver de cando en vez polo menos ó meu hábitat natural onde nun tempo nacera, aínda que transformada agora en compañeira inseparábel do vello pescador que me porta.

Quizais por iso as troitas fuxidías non deixan de continuar a ter unha certa fiúza comigo cando o destro brazo lanza libre polo aire a culleriña que pende da miña punteira xustamente ata aquel punto exacto, á beira duns senlleiros brizos, por onde se concentra a corrente das augas movedizas que chegan e pasan onda o destro pescantín que me porta. É entón cando a este lle peta no peito o corazón ó advertir unha secreta e oculta forza baixo as augas que fai cimbrar a miña punteira. Alí está en efecto a chegar ela, segredo portentoso de prata e vida, sabéndose subitamente ameazada, mais creando desde ela mesma un último e resoluto esforzo que a desprende da culleriña na que feblemente viña prendida pra dar un atlético salto sobre a tona das augas e volver así á súa innata, aínda que insegura, liberdade.

Algunhas delas en troques, coas medidas regulamentarias, baterán uns intres aínda no cesto troiteiro, manualmente construído quizais con tenras pólas de salgueiro e buxo pouco antes do abrente da primavera. Agasallo fino elas pra amigos e sabedores do lecer divino que produce na mente e no corpo a convivencia íntima coas limpas augas doadoras de vida dos nosos case infindos ríos.

Agora, mesmo á beira do río, puido darlle o troiteiro un bico fondo e longo a unha fontenla que alí gurgullaba, ben sombreada por pólas de salgueiros, abeneiros ou abeleiras que endexamais deixan de acompañar o sinuoso discorrer dos nosos ceibes ríos. Agasallou así ela o esforzo troiteiro coas súas refrixerantes augas, asemellándose en humilde medida a aquela outra ilustrada e empedrada fonte da enxebre Pontevedra que sempre, xenerosa e elegante, "dá de beber a quen pasa"... Conviven así natureza e cultura, soños e vida no pensamento troiteiro.

De entre as raiceiras e silvas que franquean ámbalas dúas marxes do río apolitou logo o pescador comigo por unha delas cara ás veigas veciñas, non sen antes cambiar algúns dos trebellos da pesca. Retiroume o carrete e maila culleriña substituíndoos por unha simple sedela que colgaba agora da miña punteira tendo ela no anzol coma engado un humilde e fermoso saltón verde apañado na veiga lindante.

Iámonos así desprazando amodo pola veiga en paralelo e a poucos metros do rio, cando de súpeto e de entre as herbas unha fermosa e verdella lagarta arnal se lanzou con presteza cara ó saltón que a poucos centímetros do chan da herbeira ía no anzol prendido, converténdose así ela mesma en inoportuna émula das troitas. Non pequeno traballo levou o meu portador en desenganchala do anzol e así poder guindala logo suavemente á beira do río que atravesou limpamente como experta nadadora ata a beira contraria. Outro saltón vivo e prometedor, aínda que evitando xa perigosas aproximacións a posíbeis lagartas arnais, houbo agora que prender na punteira.

A sorprendente e sempre viva natureza apréndenos sempre moito a ver vidas e comportamentos dos que somos perfectos descoñecedores. Cómpre, pois, abrirmos os ollos e deixarnos sorprender... E así foi.

Ía só, aínda que ben quixera que algunha outra cana pensante me acompañara coma testemuña do que tiven a sorte de observar pouco despois. Iamos próximos ó río, que nese intre ancheaba notablemente formando unha alongada poza en curva. Ollaba eu cara ó río, nese intre pola nosa beira baleiro de árbores que o agachasen á miña ollada. Aínda hoxe me lembro, tras ben de anos transcorridos, do maxestoso vogar daquela inmensa, solitaria e nunca antes por min vista troita que, ó xeito de submarino vivo, lentamente movía a súa aleta caudal ante a miña sorprendida e incrédula ollada, avanzando lentamente cara ó escuro e xa estreito e movedizo comezo da longa poza. Houbo un momento, de todos modos xa tardío, en que saín lanzada cara ó lugar onde ela, dona de si mesma, comezara xa a afundirse sen présa nos descoñecidos fondóns do río onde ela atoparía o seu seguro e inexpugnábel gacheiro.

Case mellor así. Case mellor que non picara... Que facía eu cunha troita así, imposíbel de a tirar do río!

A "canas pensantes" non lles van estas lides...
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES