Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 05 de mayo de 2022
O berro do eixe do carro

Estou na terraza dun café e non sei como colocarme. Se me poño ó sol, abrásome. Se me poño á sombra, non me vexo. Son pouca cousa, malo de ver. Porque non avulto un carallo. Tamén é certo que pouco hai que ver. Son como son e como me pariu a Lola da Amparo. Son o carro no que carguei a esperanza e a conciencia. Pingas de Orballo Conciencia teño moita e esperanza algunha. Porque nunca a perdo. Son o berro do eixe do carro porque hai pensamentos e sentimentos que pesan o demo. E hai nostalxias que mancan e mesmo doen. Cando algo doe hai que berrar.
En principio coloqueime á sombra. Para que non me vexan. A min chégame con sentirme. E síntome. Sei que estou aquí, á beira da estrada; ás veces mirando para os coches que pasan e, por momentos, buscando sorrisos deses que abarcan un mundo ou toda unha caixa de esperanza. Xa digo que a esperanza é pouca, pero está aí. A esperanza é como esa bufarda dos faiados: que adoita ser pequena, pero que por ela penetra a melancolía da historia que pode ser. Hai que dicilo: hai esperanza!
Vou marchar da terraza e entón si, entón xa me coloco na beirarrúa para poder seguir. Para poder seguir ó sol que abrasa e pola sombra na que non son nada. Porque nin eu mesmo me vexo. Non obstante, non hai como pasar desapercibido. Sentar, por exemplo, debaixo dun balcón e esperar a velas vir. A vida pouco máis é.

O pano das mans

Saco o pano das mans e axítoo no aire. O pano das mans é branco. Agora case ninguén leva pano das mans. Agora a maioría levan trapalladiñas desas de papel. Din que son máis hixiénicos. Porque, claro, úsalos e tíralos. A ver cando nos decatamos de Pingas de Orballo que non se pode tirar coa vida! Porque todo é vida! Mocos tivémolos sempre e antes non había panos de papel. E aquí seguimos, sen nos contaxiar. Coa Covid xa había panos de papel.
Digo que axito o pano das mans; e agora queda por saber se o fago en son de paz, solicitando unha tregua ou simplemente chamando a atención de alguén. O de son de paz, xa sabedes... bandeira branca. E como estamos en guerra cos rusos... Claro que eu paso das guerras. Das guerras físicas, se entende. As guerras mentais lévoas a cabo de continuo, principalmente polas noites. As miñas guerras nocturnas son tremendas e terribles. Nunca traballou tanto o meu cerebro. O mellor de todo é que non mato a ninguén. Tampouco me matan, claro.
Entón só queda a opción de que lle estou acenando a alguén. A quen? A un paspán que vai alá abaixo? A un pasmón que vai coller o autobús? Non! Estoulle acenando a un puto merlo que me anda nos chícharos. E co bonitos que me están. Tamén o paxaro é bonito, pero... Pero, ás veces, canto mal fan. Canso de acenarlle e non facéndome caso, opto por baixarme de riles, pillar un coio que hai ó lado dos meus pés e lanzarllo coa intención de declararlle unha guerra. Pero non houbo tal, porque o merlo fuxiu como alma que leva o demo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES