Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Don Dionisio o educador do módulo 7. Homenaxe de Xubilación.

lunes, 09 de mayo de 2022
A Coruña, 09-05-2022.

Boa noite, amigas e amigos:

Eu coñecín os presos de neno moi pequeniño. A meirande parte deles eran toliños da guerra. Andaban perdidos pola N-VI. E Viñan pedir pousada á nosa casa. Eran unha verdadeira lástima. Eu xa era orfo de nai e xa sabía ben o que era sufrir.

Hai coma trece anos, D. Manuel García Souto, o capelán do Centro Penitenciario de Teixeiro, (A Coruña), díxome: Na diocese de Mondoñedo-Ferrol non tendes cárceres. Pero si moitos presos, sobre todo de Ferrol. Xa podiades botar unha man. E aceptei. E recordando aqueles presos que eu coñecín de neno, dixen para min: Xaquín, ti onde te vas meter? Fíxeno polos presos. Non lles tiña medo a eles. E non vos vou dicir a quen eu lles tiña verdadeiro pánico.

O que máis me impresionou foron as portas e o ruído delas. Sempre preso entre elas. E logo os recontos. Non sei por onde me levou D. Manuel. Sei que acabamos no Módulo 7 e preguntou por Dionisio, o educador. Así. Sen dicir don.

Falaron un intre entre eles. Eu observei moi detidamente aquel home. Na despedida foi moi afábel e xentil. Deume a man e ofreceuse cortesmente: "Aquí estoy para lo que me necesite". Díxenlle: GRAZAS, SEÑOR.

Impresionoume. Vin un home baixo, activo, moi interesado polos internos e polas familias. Percibín nel unha grande utopía a favor de persoas necesitadas de apoio e axuda. Deixaba entrever un gran equilibrio interior. Desprendía empatía. Era un home seguro. Culto e ben formado. Falaba de persoas, polo seu nome, sen etiquetar a ninguén. E con moita esperanza. Había que dotar o módulo. O importante era crear un auténtico "Módulo de respecto". Crear unha biblioteca. Manualidades. E moitas actividades. Darlle sentido ao tempo. Para min todo novo.

E tamén vin nel uns ollos coma sen durmir e non sei se chorosos. Do que si me din conta moi axiña foi de que ao tal Dionisio doíalle a alma. Non sabía por que. Non proxectaba no traballo os seus fondos pesares. Pero aquel home sufría calada e intensamente por dentro. Decidín facerme amigo del e el consentiume ser seu amigo. E deixoume acompañalo como amigo. Foron tempos moi difíciles. Grazas, Dionisio. Que grande muller debeu ser Ángeles!

Desde el, tamén fun observando a moitos de vostedes, os funcionarios. Vin que teñen unha vocación non doada. Moi difícil. Xa vos dixen que eu fun orfo de moi neno e percibo ben quen está a sufrir. GRAZAS, DIONISIO.

Un día díxome. Sería ben que, se podes, pasases pola Unidade de Custodia do Hospital CHUAC. Temos alí un interno que non ten a ninguén. É africano. Se podes vaino ver. Foron seis meses para min de un auténtico regalo. Unha graza de Deus. Incluídos os policías de garda, aos que eu antes tamén vía moi distantes. En Pastoral Penitenciaria debémosche o axudarnos a encontrar cal é a forma e o sentido da nosa presenza no cárcere. Tamén nas Romaxes, no Boletín "Mar Aberto" e moitas máis orientacións. Ti sempre estiveches aí. GRAZAS DIONISIO.

Boto en falta unha medalla ao mérito penitenciario por parte da Institución. Xa sei. Para ti as medallas están no corazón de miles de persoas agradecidas ás que axudaches a erguer e construír. Cóntome entre elas. GRAZAS DIONISIO.

Coñecín á vosa familia. Tivemos oportunidade de falar e, algunha vez, mesmo de chorar xuntos. Non me vou deter nin nos detalles nin nos momentos. Son moi persoais e familiares. Amigo, ti enténdesme, non si?. GRAZAS DIONISIO.

Eu non teño fillos. Pero un día, presentáchesme a Patricia, á vosa Patri, a dos dous. E descubrín o misterio da paternidade feita carne: E, alá por dentro, entendín a Paquito Jerez e sorprendinme a min mesmo cantando en primeira persoa: "Como se quiere a los hijos / Ya no se puede querer./ Es un cariño que duele / Y que te alegra a la vez./ Un hijo es la gloria / que nos manda Dios./ Como es ley de vida lo miras contento / Y ríes por fuera/llorando por dentro". GRAZAS DIONISIO. Isto tamén vai para ti, querida Patri.

Saúdos para todo o resto dos vosos familiares. Neste intre tan emotivo, dígoche hoxe, coma o primeiro día:

GRAZAS, DIONISIO. GRAZAS, PATRI.
GRAZAS, MEU SEÑOR! GRAZAS ÁNGELES!
QUÉROVOS!
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES