Un futuro por facer
Agís Villaverde, Marcelino - martes, 03 de mayo de 2022
Despídese Alberto Núñez Feijóo da presidencia da Xunta de Galicia deixando unha Galicia mellor da que se atopou fai trece anos. É o que se espera dun gobernante: que promova o benestar, a concordia e o entendemento entre a cidadanía, con independencia da súa forma de pensar ou de vivir. Poderemos estar máis ou menos de acordo coa súa xestión, pero ninguén pode acusalo de ter sementado o odio, a división ou o sectarismo. Uns logros colectivos que poñen o listón moi alto ao seu sucesor.
Todo apunta que, máis pronto que tarde, terá que aplicar receitas semellantes en España, pero o que se vai a atopar é moi distinto ao que deixa. A sociedade española, máis que descosida, está esfiañada. Non se buscou, ou quizais non se puido lograr, a cohesión entre os distintos territorios, fortalecendo o que nos une.
Terá, chegado o caso, que construír un proxecto colectivo ilusionante para o conxunto de España, que contribúa á súa unión solidaria, sen diferencialismos por razóns ideolóxicas, actuando con transparencia e aplicando criterios de xustiza distributiva para repartir os recursos do Estado. Unha gobernanza na que o interese xeral prime por riba dos intereses partidistas.
A fórmula xa está inventada. Só terá que botar a vista atrás para lembrar os valores que permitiron, nos anos da transición, desterrar o rancor para construír unha España de concordia. Este é o principal desafío: persuadir a todos os que compartimos durante máis de mil anos un mesmo proxecto colectivo de que a unión nos fai máis fortes e enriquécenos. A política necesita un novo estilo no que prevaleza o diálogo e o acordo. Deséxolle moita sorte porque todo lle fará falta.

Agís Villaverde, Marcelino
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora