Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A rutina

lunes, 02 de mayo de 2022
A rutina Dicía alguén que a rutina é o hábito de renunciar a pensar. E hoxe en día xa non pensamos tanto na guerra ucraína porque xa se instalou nas nosas vidas como unha rutina. Está aí, segue habendo bombas e dor e destrución e miseria e mortes, pero acontece moi lonxe. A rutina da guerra xa está tan asimilada que mesmo xa pasou aquela febre de saír a buscar refuxiados. Fomos unha vez e xa cumprimos, xa quedamos de heroes para a galería.

Mesmo as propias nacións que se significaron polo rexeitamento á contenda, á invasión rusa sobre o país veciño, creo que tamén entraron nun proceder rutineiro: o de baixar pouco a pouco os brazos e asimilar que tal guerra irá para tempo, para botar a barba a remollo. Empezaron con forza, con varias sancións e bloqueos, pero axiña botaron o freo de man, non vaia ser que...

A rutina é iso que acontece a diario e que segue, e segue, e segue ata que se adapta, que se axusta ó noso sentir, á nosa mente e, pouco a pouco, metémola aí nese recuncho da memoria para saber que, si, algo hai, pero non molesta xa. Vénseme á cabeza esas corrupcións políticas que, a base de habelas desde que practicamente o mundo é mundo, xa vivimos con elas sen alporizarnos para nada. Incluso creo que, hoxe en día, xa non aceptamos a eses políticos que non se torcen. Seguro que ata está mal visto que algún sexa honrado.

A rutinaA rutina é ver como a Realeza do noso país está aí, chupa do bote e como non molesta moito, pois que siga. O rei Felipe VI seica carece de bens inmobles (que marabilla!), pero ten un patrimonio de 2,6 millóns de euros (máis ou menos a miña pensión anual de xubilado), ou sexa, unha ganga, un choio. Logo, para máis aquel, a gastos pagos. Para que quere bens inmobles?

A rutina é ler a nova de que case 70.000 galegos deixan de tomar fármacos porque non poden pagalos; ou, polo mesmo motivo, 350.000 non van ó dentista. E non somos capaces de clamar ó ceo. Pois que se lle vai facer. A rutina consiste en seguir tirando para adiante; con guerras, con corrupcións, con miserias, tamén con dolor, con masacres e con mortes. Mentres non nos toque a nós. Para disimular, de cando en vez, facemos que botamos unha man; ou ben percorrendo quilómetros na procura de refuxiados, ou ben escribindo, denunciando en algún que outro relato algo que, axiña, se volve rutineiro. Porque a rutina é a renuncia a pensar.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES