Os irmáns Suárez Picallo
Blanco Torrado, Alfonso - martes, 30 de septiembre de 2008
A miúdo sentimos a chamada de colectivos das distintas comarcas, que nos convocan a participar dos seus latexos, alí no seu propio terrón. Motivados por esa historia vizosa que son as asociacións de base. Este ano, o noso norte, foi en varias xeiras, Sada.
Onde, Díaz Castro, o poeta de Guitiriz, coma arestora, moitas e moitos chairegos, ía aos baños, nos seus tempos mozos, á casa dunhos parentes. O noso obxectivo foi diferente. Quixemos participar activamente no Ano Cultural Irmáns Suárez Pícallo, e fomos coñecendo as entranas do Ateneo de Cultura Política e Social, fundado no 1935, entre outros, por Xohán Antón Suárez Pícallo, unha fervenza de iniciativas, que dinamizaron todo o contorno. Este líder sindical, foi asasinado polos represores o 12 de agosto do 36, xunto con outros compañeiros. O seu irmán, Ramón, foi un dos políticos máis decisivos na República. Deputado con Castelao e Otero Pedrayo, e coma eles, un dos mellores oradores a prol de Galiza. Emigrante moi novo, ata que se entregou xenerosamente á súa vocación política. Despois tivo que exiliarse, e traballou intensamente cos emigrantes, moitos da Chaira. Sempre escoitamos deles palabras de encomio cara este xornalista. A súa vida exemplar foi unha referencia para xeracións de bos e xenerosos. Por iso, Xermolos, dentro das actividades que está a desenvolver para facer memoria daquelas Mocidades Galeguistas de Bos Aires, abriu unha exposición sobre estes dous irmáns, cedida polo Concello de Sada. Foi o seu alcalde, o pontés Abel López Soto, o encargado de pronunciar a conferencia inaugural na Casa das Palabras...
Aínda estamos a punto de poder descubrir os tesouros que engrandeceron a vida destes dous homes comprometidos co país. O 14 de outubro, asistiremos á volta dos restos mortais de Ramón, dende a Chacarita de Bos Aires, onde tamén fora soterrado Castelao, ata o mausoleo construído polo escultor Valdi, na Sada natal. A exposición é unha mostra da dignidade dunha familia que soterrou as fotos, a documentación deste parlamentario, nunha caixa..., na horta da súa casa, para que non fose ultraxada e destruída, por xente infame que quere borrar páxinas da nosa historia. Grazas a esta sabiduría popular, hoxe podemos acariciar e emocionarnos con estas testimuñas. Alfonso Blanco Torrado

Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora