Europa, dicía George Steiner, está composta de cafés. Vista dende Santiago de Compostela, estaría integrada por camiños. Non son visións excluíntes senón complementarias. Esta Europa está asociada hoxe con valores como o diálogo, a tolerancia, a cooperación, a achega, en suma, de pensamento ilustrado que posibilite avances á humanidade no seu conxunto. E iso é perfectamente posible en ambos os

dous escenarios. Non foi sempre así. Modernamente, para moitos, Europa é un constructo que representa en boa medida o cume da civilización; non obstante a beleza da súa arquitectura en sentido amplo ten tras de si unha longa ringleira de conflitos, destrución e inhumanidade que precisaría de moitos lustros para unha acaída expiación dos nosos pecados.
É tradicional asociar Europa coa convivencia en paz e a humanidade, pero aínda están vivas na nosa retina duras imaxes non tan idílicas e ben recentes. Pensemos nos Balcáns, nos anos 90; ou nas hordas de inmigrantes que son vítimas dun modelo económico no que participamos activamente aínda edulcorando a nosa conciencia a medias, alternando axuda ao desenvolvemento ou Frontex; ou de refuxiados, danos colaterais dunhas dinámicas internacionais nas que nos implicamos seguindo as esixencias dunha alianza xerárquica euroatlántica que impón servidumes nas que aquelas humanidade e paz brillan pola súa ausencia.
Durante décadas, no mundo bipolar, Europa viuse atrapada entre dous fogos. A guerra fría que hai trinta anos, en 1991, deuse por rematada como resultado da disolución da Unión Soviética, marcara a evolución continental. A Casa común europea que predicaba Mijail Gorbachov e a súa perestroika esmoreceu pronto e os gañadores daquilo, esquecendo o que dixera o brillante pensador portugués Eduardo Lourenço de que o muro caera para os dous lados, quixo alargar mais aló do debido e prometido o seu manto militar e económico. E aí segue Europa, presa da situación e incapaz de definir unha visión sen ataduras.
En aparencia, todo iso conduciuse baixo a éxida de Bruxelas. Hoxe habería que poñelo en dúbida cando tantas capitais actúan no seo da súa burocracia como unha especie de quinta columna contra os seus propios intereses e secundando estratexias foráneas.
Europa é diferente e debe profundar nesa diferenza, non para erguer valados senón para exercitar o seu pensamento, a súa sensibilidade, a súa visión. Ten capital abondo para facelo e tamén instrumentos para implementalo. Tamén as carencias son coñecidas: disenso interno frecuente e feble liderado, limitacións que terceiros son quen de exacerbar á mínima oportunidade.
A evolución recente do mundo marca unha tendencia perfectamente recoñecible: acábase a era estadounidense e virá a asiática. Polo momento, é unha realidade xeoeconómica que será difícil de reverter como algúns pretenden mediante chamamentos ao desacoplamento ou alentando alianzas fragmentadoras que acouten a proxección dos rivais. Pero esa translación da significación económica aos eidos político ou estratéxico, con repercusións na gobernanza global, é só cuestión de tempo. Éo porque en Asia, e sobre todo na China, é perceptible unha vontade irrenunciable de exercer a súa soberanía civilizatoria.
Europa ten o seu propio lugar no mundo e novamente pende sobre el a pantasma de ser desdebuxado. Resignados ante o imparable ascenso económico, comercial e ata tecnolóxico que ven do Oriente, outra vez o maior perigo para a coexistencia e a convivencia procede do músculo castrense en plena ebulición en forma de novas alianzas militares. Europa corre o risco de se ver novamente atrapada nesta dinámica sustentada en formulacións altisonantes do tipo de "defensa dunha orde internacional baseada en regras" ou "alianza de valores e ideais" que, non obstante, agochan intencións menos rimbombantes.
No século XXI, a autonomía estratéxica debera formar parte da sustancia europea. É un asunto capital para preservar a convivencia global e facilitar o diálogo e a comprensión cultural e civilizatoria.
Porque o peor que lle pode pasar a Europa é perder o seu lugar no mundo. Facerse un sitio hoxe non é doado. Moito depende das capacidades económicas, tecnolóxicas ou militares. Todos sabemos que en todas estas ordes existen vantaxes pero tamén taras notables. Europa suma moito pero pesa pouco á hora da verdade. Mesmo no cultural, cando o soft power é recoñecido como un atributo de gran potencial, sorprende o seu escaso poder efectivo, semella que cedido de bo grao á colonización estadounidense que nos asola por todas partes e en toda situación amosando un perfil que a moitos europeos resulta incómodo. Europa é cultura, dise tantas veces, e nembargantes, o seu reflexo é timorato en eidos que hoxe amplamente conforman -e deforman- a nosa mentalidade social.
E aí Galicia ten que dicir. Primeiro, apostando seguido por un camiño que hoxe debe ser referente de reflexión para a convivencia e a gobernanza democrática global. Pero tamén, segundo, para instar o valor da cultura como piar primeiro do edificio de principios europeos e universais. E nesa cultura a reconstruír sobre bases propias deberamos revitalizar debates que o tempo eclipsou. O intelixente e culto Plácido Castro recordábanos que "entre todas as culturas europeas é a céltica, coa grega, a máis digna de rexurdir, a que mellor pode servir de inspiración aos homes do noso tempo". Velaí un propósito no que Galicia pode contribuír a esa Europa da convivencia con selo propio e cun significado ben distinto para unha hipotética orientación euroatlántica, esta vez sen océanos por medio.