Facer turismo non sempre resulta fácil. Hai colectivos discriminados que loitan por participar en todos os ámbitos e o ocio non é unha excepción. Xunto á familia e amigos son potenciais usuarios, non obstante teñen vetados destinos turísticos por non contar coas instalacións adecuadas. É para pensar que só cabe quedarse na casa. Ata se dá o paradoxo nalgúns monumentos que despois de pagar a entrada completa hai que

limitarse a ver unha mínima parte.
O turismo ten que ser inclusivo e contar coas persoas con diversidade funcional. Unha vez máis a falta de accesibilidade é o condicionante principal. Cada saída representan unha aventura e convértese nun reto reservar habitación en hotel adaptado, ir a unha praia de fácil acceso, recorrer espazos acondicionados, encontrar restaurantes con baños adaptados, aparcadoiros reservados, etc. É dicir, todo o que implique utilizar edificacións, servizos e produtos en igualdade. Pensar que só beneficia a uns poucos, é un erro. Ao tempo que enriquece a dimensión individual tamén é sinónimo de desenrolo se involucra á sociedade consolidando valores máis amplos.
O artigo 9 da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade contempla que "os Estados membros adoptarán medidas para asegurar o acceso en igualdade de condicións ao entorno físico, á información e ao transporte". A Declaración Universal dos Dereitos Humanos no artigo 27.1 di que "toda persoa ten dereito a participar libremente na vida artística e cultural da Comunidade". Como sempre amparados por unha lexislación que dista moito da realidade.
Tendo en conta o anterior resulta gratificante ver a palabra "accesible". Estou a referirme a rutas organizadas por Guido Guía. Tiven a oportunidade de compartir o Paseo de Encontro e o primeiro "Lugo, estrelas no camiño". Considero que é unha idea a copiar. Aínda primando a accesibilidade hai detalles a corrixir que evitarían contratempos. A modo de exemplo: iniciar a beirarrúa con rampla e ter que dar a volta para ir pola estrada porque non a había ao final aínda que curiosamente estaba xunto a un aparcadoiro reservado ou un farol do mobiliario urbano que dificulta o paso.
Lugo recibiu premios e ten estudados distintos itinerarios. Hai que promocionar tamén o "Lugo accesible" para abrir máis vías de participación. Agora que cara o verán aumentarán as visitas, é o momento de informar das características de cada lugar de interese. Reivindicamos gozar do ocio sen barreiras así que, Guido, parabéns por estas iniciativas que axudan a normalizar a vida. Non deben quedarse en solucións illadas porque o necesario para persoas con diversidade funcional é bo para todos.