Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ver para vivir

lunes, 29 de septiembre de 2008
Estiven esta fin de semana mirando por enésima vez a película do equipo Monty Pithon titulada A vida de Brian (Life of Brian, 1979), unha obra que vai moito máis alá do que puidese parecer simplemente unha parodia desenfadada e divertida da vida de Cristo. E mirando e ríndome coas ocorrencias, algunhas certamente moi boas, pareime a considerar se se rirá ou qué entenderá desta cinta quen non teña no seu haber enciclopédico persoal, no seu almacén de saberes interiorizados, os textos da Biblia e, sobre todo, do Novo Testamento, ou quen non saiba abondo dos comportamentos, crenzas e estupideces dos fundamentalismos relixiosos e dos fanatismos político-sectarios (non digamos partidista). Ou quen, simplemente, nunca estudiou latín. Cousas todas cada vez máis ausentes das aulas.

Porque, claro, a miña risa procedía, non (rotundamente non) das inmediatas pallasadas que se producen na pantalla e coas que calquera podería rir un pouco, caso de non ser por demais esixente en cousas de humor, senón da terxiversación, da descontextualización e tamén da caricatura a que se someten nesta película os textos bíblicos, a fe cega e as crenzas, así como da complicidade que se establece entre o invisible narrador e o espectador para se riren xuntos do comportamento cego e sen criterio, do impulso gregario e acrítico polo que se moven algúns personaxes e grupos ó longo da disparatada historia que se conta.

Os que fomos educados no vello réxime escolar e aqueles que, aínda sen telo sufrido, practican e se iniciaron en relixións de base xudeo-cristiá, estamos en situación privilexiada non só para entender A vida de Brian senón para captar pequenas alusións ou “citas” que poida haber en calquera outra película ou manifestación cultural de occidente, é dicir, da civilización na que estamos inmersos, queirámolo ou non, e que ten como trasfondo e base fundamental unha compoñente innegable de raiceiras xudeo-cristiás. Doutra banda, calquera literatura da nosa contorna está chea de alusións, directa ou indirectamente, consciente ou inconscientemente por parte dos seus autores, a textos e mitos pertencentes á tradición bíblica e á cultura greco-romana.

Os que fomos educados do xeito indicado antes podemos preguntarnos: ¿que entenderán?, ¿cántas limitacións non terán que sufrir as xeracións que non coñeceron o ensino da relixión, da Historia Sagrada (que así se chamaba o conxunto das narracións bíblicas pertencentes ó Antigo Testamento, se non me trabuco), e dos Evanxeos, diante de obras de arte de todo tipo que utilicen referencias máis ou menos veladas ou máis ou menos evidentes a estes mundos culturais? O certo é que deben telo moi difícil. É dicir, con toda seguridade é imposible que capten o sentido do que ven e o máis probábel é que cheguen a interpretacións aberrantes ou moi pobres.

Téñeno moi difícil porque, de momento, a cultura occidental está aínda moi impregnada de claves mítico-relixiosas ou mítico-profanas: dende a arquitectura, que se nos fixo tan familiar que xa nin sequera nos decatamos de que podería, por exemplo, non haber catedrais e igrexas, como ocorre noutras civilizacións, até unha enorme parte do conxunto das artes pictórica, escultórica, literaria, musical e dramática producido en occidente nos últimos dous mil cincocentos anos, cargadas de alusións que tan só quen fose iniciado no asunto poderá desenliar nalgunha medida, toda vez que a narratividade e o figurativismo aínda é o que aporta máis peso a todo o que foi neste periodo de tempo a creación humana. Polo tanto, sería aconsellable que a xuventude se achegase ás fontes fundamentais para aprender os rudimentos dunha historia que aínda non morreu nin morrerá en moitos anos.

Pero, claro, lector, ti, que seguramente me estás dando a razón cheo de fachenda porque quizais es dos retábulos que, coma min, aprenderon de memoria tódalas historias clásicas, profanas e relixiosas, a base de moitas bágoas e ameazas escolares, ti tamén tes que pensar que se van creando novos mitos que irán desprazando, á súa vez, aos vellos, é dicir, aos teus e aos meus e, se non os vemos vir ou pasar por diante dos nosos ollos, mal poderemos entender tampouco de qué vai o mundo actual e vindeiro. Polo tanto, será recomendábel que nos acheguemos un pouco á xuventude, porque, se non nolo explica ela, ti e máis eu imos quedar cunha cara de parvos que non vexas. Válete, pois, lector, e abre ben os ollos, se queres vivir no mundo que vén. E que conste que este escrito de hoxe non é un alegato contra a materia de Educación para a cidadanía e a favor do ensino das relixións cristiás, senón unha reflexión sobre a conveniencia de ensinar os textos bíblicos como literatura que son, descargados de calquera providencialismo trascendental.
Tarrío Varela, Anxo
Tarrío Varela, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES