Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿FINAL DA HISTORIA OU CHOQUE DE CIVILIZACIÓNS? DÚAS INTERPRETACIÓNS DO PRESENTE (II)

lunes, 15 de julio de 2002
A INTERPRETACIÓN DE SAMUEL P. HUNTINGTON
Outra das visións do presente é precisamente a debida a Samuel P. Huntington, quen a elaborou a comezos dos anos noventa do século pasado. O seu autor xa tiña sido nos anos 1977-8 membro do Consello de Seguridade Nacional da Casa Branca. Na actualidade é profesor de Ciencias Políticas e director do John M. Olin for Strategic Studies da universidade de Harvard.

A súa tese de política internacional máis coñecida formulouna nos termos seguintes: “os choques de civilizacións son a maior ameaza para a paz mundial; unha orde internacional baseada nas civilizacións é a garantía máis segura contra unha guerra mundial”. Fíxoa pública por primeira vez, en outubro de 1992, a través dunha conferencia Bradley no American Enterprise Institute de Washington. Pouco despois expúxoa de novo nunha monografía preparada para o proxecto do Olin Institute sobre “o cambiante contorno da seguridade e os intereses nacionais estadounidenses”, que foi posible gracias á Fundación Smith-Richardson. No verán de 1993 a revista Foreing Affairs publicou o seu artigo “The Clash of Civilizations?”. O interese e a polémica suscitados evidenciáronlle a necesidade de analizar con máis profundidade os problemas xa formulados no mencionado artigo e tamén a de abordar outros novos; foi esta circunstancia a que o moveu a publicar en Nova York, en 1996, o seu libro The clash of civilizations and the remaking of word order (a súa primeira edición en castelán apareceu en Barcelona en 1997). O tema central deste libro, segundo declara o seu autor, “é o feito de que a cultura e as identidades culturais, que no seu nivel máis amplo son identidades civilizacionais, están configurando as pautas de cohesión, de desintegración e conflicto no mundo da posguerra fría”.

O autor declara que o seu libro “non é, nin pretende selo, unha obra de ciencias sociais. Intenta ser máis ben unha interpretación da evolución da política global trala guerra fría. Aspira a ofrecer estructura, un paradigma, para ve-la política global, que sexa válida para os estudiosos e útil para os políticos que toman as decisións".

Desenvolve o tema central do libro, articulándoo en cinco partes:

-Na primeira explica como, “por primera vez na historia, a política global é á vez multipolar e multicivilizacional”; e, ademais, “a modernización económica e social non está producindo nin unha civilización universal en sentido significativo, nin a occidentalización das sociedades non occidentais”.

Parte, no seu estudio, das contribucións ó concepto de civilización feitas con anterioridade por estudiosos como: Max Weber, A.L. Kroeber, Philip Bagby, Carroll Quigley, Roushton Coulborn, Christopher Dawson, S.N. Eisenstadt, Fernand Braudel, William H. McNeill, Adda Bozeman, Immanuel Wallerstein e Felipe Fernández-Armesto.

O número destas civilizacións varía en función das distintas perspectivas e metodoloxías seguidas polos referidos estudiosos. Huntington, pola súa parte, sinala oito grandes civilizacións contemporáneas: chinesa, xaponesa, hindú, islámica, ortodoxa, occidental, latinoamericana e africana.

Seguindo de cerca de Christopher Dawson, afirma que “a relixión é unha característica definitoria básica das civilizacións”, aínda que non a única. Así, nas civilizacións chinesa e xaponesa está presente o Confucionismo; na hindú o Hinduísmo; na islámica o Islamismo; na occidental o Cristianismo romano ou protestante; na ortodoxa o Cristianismo ortodoxo; e nas latinoamericana e africana teñen máis importancia outros factores (culturas autóctonas, pasado colonial…) cós relixiosos.

A afirmación desta pluralidade de civilizacións entra en colisión coa pretendida civilización universal, que ten en V.S. Naipul a un dos seus principais defensores, e que, en realidade, é sinónima de occidentalización.

-Na segunda parte sostén que “o equilibrio de poder entre as civilizacións está cambiando: Occidente vai perdendo influencia relativa; as civilizacións asiáticas están acrecentando a súa forza económica, militar e política; o Islam experimenta unha explosión demográfica de consecuencias desestabilizadoras para os países musulmáns e tamén para os seus veciños; e as civilizacións non occidentais, polo xeral, están a reafirma-lo valor das súas propias culturas”.

Occidente domina actualmente de forma absoluta no panorama das civilizacións mundiais, e seguirá a se-la primeira delas desde o punto de vista do poder e da influencia ata ben entrado o século XXI. Sen embargo, tamén se están a producir cambios graduais, inexorables e fundamentais nos equilibrios de poder entre as distintas civilizacións, e o poder da occidental continuará decaendo en relación co doutras.

Asístese asemade, en xeral, á indixenización e ó renacemento da relixión, especialmente perceptibles na autoafirmación cultural e nas impugnacións dos valores occidentais por parte de Asia e do Islam. As civilizacións deste ámbito xeográfico, xuntamente co Islam, foron as máis dinámicas no último cuarto do século XX. O desafío islámico maniféstase no rexurdimento cultural, social e político xeneralizado da súa relixión en todo o mundo musulmán e no correlativo rexeitamento dos valores e institucións occidentais. O desafío tamén é perceptible, en maior ou menor medida, en tódalas civilizacións do leste asiático: na sínica, na xaponesa, na budista e na islámica, subliñando as súas diferencias culturais respecto a Occidente e tamén os elementos comúns compartidos entre elas, frecuentemente identificados co Confucionismo. Musulmáns e asiáticos insisten unha e outra vez na superioridade das súas culturas fronte á occidental.

Pode servir como unha pequena mostra da autoafirmación das culturas asiáticas a anécdota protagonizada recentemente por Seiji Ozawa. Este músico, nado na China, aínda que de familia xaponesa, dirixiu a Filharmónica de Viena no concerto do aninovo, na sala dourada do Musikverein, cunha indumentaria de corte tradicional xaponés, relegando o habitual frac que nos anos anteriores vestiron outros directores que o antecederon en tan relevante función. Secundaron tamén a súa actitude un bo número de xaponesas que lucían con orgullo os seus vistosos quimonos.

A seguridade en si mesmos dos asiáticos está directamente relacionada co espectacular crecemento que experimentaron as súas economías nas últimas décadas do século XX. Pola súa parte, a dos musulmáns procede, en grande medida, da explosión e da mobilidade dos seus efectivos demográficos. O referido crecemento económico fortalece os gobernos asiáticos, pero o desmesurado encremento demográfico ameaza os gobernos dos países musulmáns e tamén a outros relacionados con eles (caso da inmigración de magrebís a España).

-Na parte terceira asevera que “está xurdindo unha orde mundial baseada na civilización; as sociedades que comparten afinidades culturais cooperan entre elas; os esforzos por facer pasar sociedades dunha civilización a outra resultan infructuosos; e as partes agrúpanse ó redor dos Estados dirixentes ou centrais das súas civilizacións”.

Os aliñamentos definidos pola ideoloxía e polas relacións coas dúas superpotencias –característicos da etapa da guerra fría- están sendo substituídos por outros nos que as civilizacións constitúen o factor aglutinante. Neste senso, os pobos e os países con culturas semellantes estanse a unir, e, pola contra, os pobos e os países con culturas diferentes estanse a separar. Estes realiñamentos son claramente perceptibles nos procesos de desintegración das antigas URSS e Iugoslavia.

Durante a guerra fría, os distintos países relacionábanse coas dúas superpotencias tendo en conta a súa condición de aliados, satélites, clientes, neutrais ou non-aliñados. A relación na posguerra fría establécena coas civilizacións como Estados membros, Estados centrais, países illados, países escindidos ou países esgazados.

Un estado membro é un país plenamente identificado culturalmente coa civilización da que forma parte, como son os casos, por exemplo, de Exipto, en relación coa islámica ou de Italia coa occidental europea.

O Estado central de dunha civilización é aquel considerado polos que participan na mesma como máis poderoso ou culturalmente máis fundamental. O número e o papel dos Estados centrais varía dunha civilización a outra, e mesmo pode cambiar co tempo. Así, o Estado central da civilización xaponesa é o propio Xapón; China, Rusia e India son respectivamente os Estados centrais das civilizacións sínica, ortodoxa e hindú; USA, o núcleo francoalemán e adicionalmente Gran Bretaña son os Estados centrais, na actualidade, da civilización occidental (no pasado teñen sido sucesivamente: España, Francia, Gran Bretaña…); o Islám, Latinoamérica e Africa non contan hoxe en día con Estados centrais, circunstancia debida, en boa medida, ó imperialismo exercido no pasado polas potencias occidentais.

Un país illado é aquel que carece de elementos culturais comúns con outras sociedades, como é o caso de Etiopía.

Un país escindido é aquel que está formado por colectividades de culturas diferentes, que poden provoca-la súa separación, como aconteceu en Checoslovaquia. Poden considerarse tamén como países escindidos Canadá, coa súa minoría de Quebec, e Sudán, co grupo de cristiáns do sur dentro dun país maioritariamente musulmán.

Finalmente, un país esgazado é aquel que se debate entre permanecer no seo da civilización á que pertence ou incorporarse a outra que considera máis importante para os seus intereses. Países esgazados son, na actualidade, entre outros: Turquía, Rusia, México, Australia… Turquía foi afastada do seu pasado turco e musulmán por Mustafá Kemal Ataturk, a comezos do século XX, aínda que nunca se incorporou totalmente á civilización occidental. Rusia, México e Australia dubidan entre a fidelidade ás súas repectivas orixes culturais ou ás súas respectivas incorporacións a Occidente, a USA e a Asia.

Na nova configuración das relacións internacionais que está a emerxer, os Estados centrais pretenden suceder ás dúas superpotencias da guerra fría no seu papel de atracción e repulsión para os demais países.

- Na parte cuarta mostra como “as pretensións universalistas de Occidente fanlle entrar cada vez máis en conflicto con outras civilizacións, de forma máis grave co Islam e China, ó tempo que, no plano local, as guerras nas liñas de fractura, sobre todo entre musulmáns e non musulmáns, xeran a solidariedade dos países afins, a ameaza de escalada e, polo tanto, os esforzos por parte dos Estados centrais para dete-las anteditas guerras”.

Obsérvase que, mentres o poder relativo doutras civilizacións aumenta, o atractivo da occidental esvaece, adquirindo os pobos nos occidentais un interese maior pola súas culturas autóctonas. O problema fundamental das relacións entre Occidente e o resto do mundo é, polo tanto, a discordancia entre os esforzos feitos polos occidentais –particularmente polos estadounidenses- para promover unha cultura universal, a occidental, e a mingua paulatina do seu poder para impola.

O afundimento do comunismo exacerbou esta discordancia ó reforzar en Occidente a opinión de que a súa ideoloxía (a democracia, o sistema capitalista, os dereitos humanos, o imperio da lei, o individualismo,…) viña de triunfar no mundo, e, polo tanto, era universalmente válida. Non se decataban os occidentais de que, no seo das outras civilizacións había minorías que efectivamente aceptaban e mesmo promovían os mencionados valores da occidental, pero as ectitudes dominantes respecto deles ían dende o escepticismo xeneralizado ata a oposición radical. Polo tanto, aquilo que para Occidente era universalismo convertíase para o resto do mundo en imperialismo.

Deste xeito, as aspiracións universalizadoras da civilización occidental, o seu poder minguante, xunto coa autoafirmación crecente dos valores culturais das outras civilizacións, aseguran no porvir unhas relacións, polo xeral, difíciles entre Occidente e o resto do mundo.

Estas relacións poden ser agrupadas en tres grandes categorías:

a) Co Islam e coa China é probable que Occidente manteña sempre relacións tensas e, a miúdo, antagónicas.

b) Con Latinoamérica e con África, civilizacións débiles que teñen sido máis dependentes dos países occidentais, a conflictividade será menor, particularmente con Latinoamérica.

c) As relacións con Rusia, o Xapón e a India é probable que se sitúen nun punto intermedio entre as referidas nas dúas categorías anteriores, sendo, polo tanto, conflictivas unhas veces e de cooperación noutras ocasións. Esta variabilidad está en función do carácter oscilante que teñen as civilizacións dos mencionados países, balanceando entre a occidental, por un lado, e a islámica e a sínica, polo outro.

A conflictividade forma parte, pois, da cerna da relación intercivilizatoria. Poden distinguirse dous tipos de conflictos:

a) Os de liña de fractura ou aqueles que se producen entre Estados veciños e pertencentes a civilizacións diferentes, entre grupos de diferentes civilizacións dentro dun mesmo Estado, ou entre grupos que, coma nos casos das desaparecidas URSS e Iugoslavia, están tentando crear novos Estados, partindo dos recaldos doutros xa desintegrados ou a piques de desapareceren. Estes conflictos de liña de fractura son os predominantes entre musulmáns e non musulmáns.

b) Os conflictos de Estados centrais son aqueles que se producen entre grandes Estados de diferentes civilizacións. É improbable que un Estado central use a forza das armas en contra doutro, agás en casos semellantes ós de Oriente Medio e do subcontinente asiático, onde lindan Estados centrais nunha liña de fractura ou de fractura entre civilizacións.

-Na parte quinta do seu libro, Huntington matina sobre o futuro que lles agarda ás civilizacións. Constata que, no transcurso dos milenios, a historia das mesmas terminou, alomenos, unha vez, xa que, cando chegan á fase de Estado universal, quedan cegadas polo que Toynbee chama “espellismo da inmortalidade”, convencidas de que a súa é a forma final da sociedade humana. Tal foi o que lles aconteceu ó Imperio Romano, ó Califato Abbasí, ó Imperio Mogol, ó Imperio Otomano, ós británicos durante a denominada pax británica,… ¿A civilización occidental é un caso singular e, polo tanto, constitúe unha excepción á regra xeral seguida ata o presente? Huntington responde a esta pregunta nos termos seguintes:

A supervivencia de Occidente depende de que os estadounidenses reafirmen a súa identidade occidental, e os occidentais acepten a súa civilización como única e non universal, así como tamén de que se unan para renovala e preservala fronte ós ataques procedentes de sociedades non occidentais. Evitar unha guerra mundial entre civilizacións depende de que os líderes mundiais acepten a natureza da política global, con raíces en múltiples civilizacións, e cooperen para o seu mantemento.

EPÍLOGO
Os feitos nos que se basean as dúas interpretacións do presente analizadas anteriormente están aínda moi próximos no tempo; bótase en falta, pois, o necesario distanciamento deles, para poder enxuízalos desapaixonadamente e coa perspectiva suficiente.

Tanto Fukuyama como Huntington cren que as súas respectivas diagnoses do presente e prospeccións do futuro son as acertadas. Sirva como mostra deste aserto o artigo publicado en El País, o 21 de setembro de 2001, polo primeiro dos mencionados politólogos (“El mundo después de la tragedia del 11 de septiembre. Seguimos en el fin de la historia”). Nel, reafírmase en tódolos extremos na súa tese xa esbozada doce anos antes.

A valoración académica que mereceron as obras de referencia destes dous autores estadounidenses foi moi desigual, especialmente virulenta foi a emitida polo profesor catalán Joseph Fontana sobre a de Fukuyama: a expresión final da historia debe a súa fama, “ante todo, a la orquestación que para su difusión organizó la John M. Olin Foundation, una institución norteamericana que invierte anualmente millones de dólares para favorecer un viraje a la derecha en la enseñanza de las ciencias sociales”. Cómpre dicir que esta apreciación zumega iun certo tafo antiliberal, lóxico nun economista que analiza o acontecer desde a perspectiva do materialismo histórico.

Un camiño que debe emprenderse para valorar criticamente as referidas obras consiste na análise das metodoloxías seguidas por ambos politólogos na elaboración dos seus artigos e libros. Fukuyama optou por un método apriorístico, baseado no proceso dialéctico de Hegel; pola contra, Huntington elixiu a escolma de certos feitos realmente acontecidos, escolléndoos da grande morea da historia mundial. Os dous son complementarios, aínda que as metas alcanzadas sexan contradictorias.

Para saír desta aporía, se cadra, parece oportuno devolverlle a súa función primixenia a Clío, musa da Poesía Épica e da Historia, para que co seu facho ilumine o camiño a seguir; coa coroa de loureiro que cingue as súas tempas protexa á Humanidade; e coa lectura do libro que porta na súa man dereita lle devolva ós humanos moitos dos valores que Tucídides acertadamente consignou nas súas Guerras do Peloponeso, legándoos deste xeito á posteridade.
Novo Cazón, José-Luis
Novo Cazón, José-Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES