Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Día da Terra

viernes, 22 de abril de 2022
Aínda que en todas as xornadas temos que celebrar á terra, este venres o calendario marca o "Día da Terra", e volvendo hoxe aos centros de ensino reforzamos a nosa vontade de espallar a eito o recendo da pascua frorida. Sempre é pouco o noso esforzo ecoloxista comparado coa inxente desfeita que está a sofrir a Nai Terra. Honra ás comunidades escolares festexar á natureza que nos permite respirar cada segundo, acae loitar contra a contaminación e o cambio climático e así estamos a gañar en saúde. E esta capacidade sanadora podemos exercitala con pequenos xestos que transmiten ánimo e alento ao comunal. O primeiro agasallo do noso medio é descubrirnos coma o noso planeta acubilla con agarimo todas as súas criaturas, sen discriminacións, o que fai inzar e acender en nós a marabilla da súa diversidade que nos emociona cada intre. Neste vaivén da primavera, a xenerosidade coa que as árbores e as prantas están a vestirse de gromos e cores, arrequece as nosas olladas e reforza o noso alento convocándonos a celebracións como as "festas da árbore". Cómpre valorar o rendemento económico do sector forestal pero sen esquecer que os nosos montes son o fogar de todas as criaturas porque formamos unha rede, e así canalizan os nosos ríos, cheos de vida, e terman dos nosos chans, e isto dende as prantas máis pequenas, porque como cantaba o poeta Díaz Castro: "herba pequerrechiña, que con medo surrís ó sol que vai nacendo e morrendo sin ti, por que de ser pequena te me avergonzas ti?. ¡O universo sería máis pequeno sin ti!". Non só no ensino temos que medrar nesta conciencia ecolóxica, a familia e o fogar son a primeira escola para todas e todos, e así temos que estimular a reciclaxe e xestionar espazos para os refugallos que danan a vulnerabilidade da vida cotiá. A primavera contàxianos de debezos positivos incrementando a nosa solidariedade con todas as criaturas, sabedores de que todas e todos nos necesitamos cada abrente.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES