Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 21 de abril de 2022
Outra de espías

Cando cheguei á estación do ferrocarril de Baños de Molgas xa vin a catro pasaxeiros esperando o tren expreso. Como persoa educada que son, saudei cun boa noite e eles tan só menearon a cabeza. Non obstante, un deles axiña se achegou e... "e ti de quen ves sendo?", preguntoume sen cortarse para nada. Non lle mentín: son o Pingas de Orballo fillo da Lola da Amparo ou o fillo do Manolo da Lola da Amparo. "E para onde vas?", seguiu dálle que dálle. Saio a buscar mundo, foi a miña resposta.
Desde aquel momento souben que os tipiños eran espías. Notábaselles ás leguas. Menos mal que axiña chegou o tren, e aínda que eu subín a un vagón e eles a outro, aquilo pintaba mal. Empecei a desconfiar de que eles tamén descubrisen que eu era o espía que espiaba na burga de Baños de Molgas.
E aínda que a miña intención era chegar tranquilamente ata a capital do Imperio, ou sexa, a Madrid; mais visto o visto tireime do tren en marcha antes de entrar en Poboa de Sanabria. Non esnafrei de milagre, porque era noite pecha e non se vía un carallo. Cando erguín conseguín adiviñar o viaduto que había a uns cinco metros xustos (lembrade que a mellor medida que existe é a de "a ollo"). De milagre!; puiden caer no río que se oía moi ó fondo e afogar.
Cando cheguei á vila zamorana esperei ó seguinte tren e, alí, na plataforma de estación, bailei un twist á memoria dos catro espías. Pobres espías que nin se decataron de que xa non ía no tren.

As verdades

Xa sei que queredes que vos diga a verdade. Porque din que a verdade nos fai libres. Ou non. Vai ti saber. Ás veces a verdade agarrota a un, entumece a mente. Eu teño dúas verdades. Porque me miro ó espello e reflicte unha verdade no ollo esquerdo e a outra no dereito. Cando o espello ten algo de bafo tan só alcanzo a ver medias verdades. Que tamén as hai. As medias verdades, digo. Por certo, aquí, neste caso, é Pingas de Orballo coma o vaso de auga medio cheo ou medio baleiro. Serán medias verdades ou medias mentiras?
Neste momento confeso e aseguro que o espello está limpo como a patena, polo que vexo claramente as dúas verdades nos meus ollos. Porque tamén din que os ollos son o espello da alma. Que nos ollos, na mirada está escrita a verdade. Confeso e aseguro que teño a alma limpa e a conciencia moi tranquila.
A verdade que vos quero dicir é esa que non fai falta dicila; que está aí, colgada no aire, para que a analicedes á vosa maneira. Porque a verdade tamén é certo que é verdade segundo como se mire e quen a mire. Uns verán a miña verdade nos ollos e outros non saberán se será a do reflexo, a ficticia. Hai verdades ficticias?
Confeso e aseguro que as dúas miñas son verdades verdadeiras. Agora cada quen que contemple o vaso medio cheo ou medio baleiro. Eu contemplo o espello e cada vez me gusto máis; non fisicamente, senón emocionalmente. Emocióname o espello ou as verdades dos meus ollos?
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES