Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ano dos Suárez Picallo

lunes, 29 de septiembre de 2008
O Concello de Sada decidíu dedicar o presente ano 2008 aos irmáns Ramón e Xohán Antón Suárez Picallo, beneméritos e ilustres fillos da veciña vila mariñá. Os descendentes do zoqueiro de Veloi e da Escribana terán por fin o recoñecemento do seu pobo ao abeiro do centenario do nacemento do irmán máis novo, Xohán Antón, que se cumpriu en xullo de 2007.

Unha serie de actos, xa escomezados meses atrás, van ter continuidade neste mes de outubro: conferencias, charlas e mesas redondas, exposición itinerante, roteiro, edición de libros recollendo artigos e textos de Ramón, e a repatriación dos restos deste dende o cemiterio bonaerense da Chacarita. Ramón expresara no exilio o desexo de ser enterrado no Fiunchedo. É este, quizá, o único lugar que se viu libre da desaforada especulación urbanística dos últimos anos promovida polos anteriores gobernantes locais de extrema dereita (o retrato de Franco presidía, con provocación e aleivosía, o despacho do anterior e case vitalicio alcalde). Dende o Fiunchedo óllase e domínase a pracidez da ría de Betanzos e dunha parte das Mariñas. Alí os restos dos irmáns repousarán xuntos e serán un ponto de referencia permanente na nosa memoria coletiva.

Para min Ramón Suárez Picallo foi, con Castelao, a figura política galega máis sobranceira da primeira metade do século XX. E falamos de política en clave de liberación social e de soberanía do país. Porque dos outros políticos, dos que traballaron por e para unha España asoballadora e afogadora de pobos e culturas, tivemos galegos dabondo en todo tempo e situación política, para a nosa desgraza. Deles non veu nin vai vir ningunha luz para a caduca Iberia nin para a nazón de Breogán. Por non falar do xeneral-ísimo que figura nas listas de gobernantes criminais da historia contemporánea e que nos tivo aferrollados por case catro décadas.

De non mediar a rebelión militar e a guerra civil, ou de ter esta outro resultado, Ramón estaba chamado a ser o grande dirixente de masas dun Partido Galeguista que estaba a aproximarse a elas na xeira da Fronte Popular, na que estaba inmerso de cheo. A conexión do sadense coa xente do pobo (labregos, mariñeiros e obreiros), da que el mesmo saíra, era evidente para todos os que o coñeceron e o escoitaron en centos de actos e mítines.

Nado na aldeíña de Veloi en 1894, no seo dunha familia humilde e numerosísima, Ramón traballou dende moi cedo como mariñeiro. Emigrante adolescente a Bos Aires, na metrópole porteña traballará en diversos oficios e empregos, conectando co socialismo e co sindicalismo, chegando a participar como representante do seu gremio nunha Conferencia Internacional do Traballo celebrada en Xenebra en 1926. Aproveitaría a viaxe para atoparse de novo coa familia e a terra natal, á que regresaría logo como Deputado da nacente República. Desenvólvese no xornalismo arxentino, forma parte da redacción da importante revista galega “Céltiga” e estrea no teatro Mayo a obra teatral “Marola” (que compría rescatar e representar), vencellándose á coletividade galega máis progresista. Proposto por esta, sae eleito Deputado nas Cortes constituíntes da II República nas filas da ORGA, organización que axiña abandona para incorporarse ao recén fundado Partido Galeguista. Con Castelao, Otero Pedrayo e Antón Villar Ponte, conforma o magnífico cuarteto de deputados galeguistas na República. Voltará a ser deputado nas eleccións de febreiro de 1936, cando se alza co trunfo a Fronte Popular. Entre unha e outra lexislatura —durante o Bienio Negro, no que o galeguismo non acadou representación—, realizou estudos de bacharelato e de Dereito e dedicouse ao xornalismo en Compostela. Grande orador, as súas intervencións parlamentarias foron destacadas mesmo por Ortega y Gasset, quen dixo del que era un home pegado a unha voz, iso nun Parlamento que tiña oradores da talla de Unamuno ou do propio chufador. Con todo, aquel “rillote das Mariñas”, como lle chamou Castelao, mantivo toda a súa vida a humildade do berce, xunto cunha certa deixadez e un machadiano torpe aliño indumentario, e del diciase que as súas pertenzas cabían no saco mariñeiro que o acompañaba.
Coa guerra civil e a súa perda ven o exilio: Franza, Chile, Bos Aires por último. Volta ao xornalismo profesional (vense de publicar un libro que recupera parte dese labor en Chile) e forma parte do Consello de Galiza creado por Castelao. No Arquivo municipal de Betanzos (legado de F. X. Alvajar) consérvanse varias cartas súas enviadas ao representante dese órgano en París, algunhas publicadas no “Anuario Brigantino” de 1989. Tras unha vellez que semella soedosa e desesperanzada, Ramón morrerá na capital arxentina en 1964.

Xohán Antón, o Picallo pequeno, foi un mozo entregado ao progreso e desenrolo do seu pobo e á liberación das clases traballadoras. Sindicalista, galeguista de esquerdas, conselleiro comarcal do Partido Galeguista, líder da Fronte Popular en Sada, dinamizador cultural, activista do desenvolvemento agrario, articulista na prensa máis progresista... A súa curta mais fecunda vida foi truncada polos asasinos fascistas que se ensañaron con el e dous compañeiros, aparecendo os seus corpos o 12 de agosto de 1936 na parroquia de Veigue. Viña de cumprir 29 anos o mes anterior. Durante a longa e moura travesía franquista foi un gran descoñecido para os seus veciños, algo escurecido polo renome do irmán Ramón.

Cómpre felicitar ao concello de Sada por recuperar a memoria dos irmáns Suárez Picallo e á comisión que vén traballando dende hai tempo para levar adiante o proxecto. E cómpre estar atentos, pois, aos actos programados para poder coñecer mellor a estes irmáns esforzados, bos e xenerosos, con vidas e traxetorias truncadas, que representan o mellor das nosas xentes das Mariñas e da Galiza toda.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES