Cando queda a palabra
Santalla, Iago - miércoles, 20 de abril de 2022
Neste tempo de danzas obscenas e cancións sen pés nin cabeza un aínda se pode parar na rúa e escoitar un cantor. Ir a youtube e alimentar con saiba limpa as emocións. Ser insubmiso nunha canción ou refuxiarse nun poema como quen posúe unha oración laica.
Cando queda a palabra, a liberdade tórnase pan fraterno e viño de irmandade; bocado comunal ao redor dun poeta. A liberdade: vento, terra, auga, lume e sempre aloumiño que conforta; lixeira e fráxil como a expresión.
Palabra, música e voz enchedes o peito de quen loita. Sen vós, o abismo porque poesía e canción son o raio co que a liberdade nos quenta en infindos sen precipicio.
Nesta festa de abril quero bailar para sempre a danza que traen os versos de quen loita e soña...
...soño, canto e danza para emerxer dunha saiba conxugada en presente continuo, como a poesía e quen a crea, contra o tempo. Un tempo no que as verbas transcenden nunha irmandade de soños libertos. Soños libertos que espertan na fraternidade de quen só precisa un caravel para vivir con Gràndola no corazón.
Que non morra xamais unha verba. Que vivan todas as palabras e esas voces que levan 48 anos convocándonos a aquecer neste lume de liberdade.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora