Unha cousa é o revisionismo histórico ao servicio de espurios intereses, o de estaren inventando España constantemente, e outra cousa distinta e disfrazar inocentemente feitos históricos dándolles un viso de lenda, de conto, deses que cadran ao abeiro do lume da lareira, lugar ideal para contaren fantasías.
Ven isto a conto porque remato de reler un libro que fala da crónica da viaxe de

Mariana de Neoburgo a España a finais do século XVII, desposada por poderes co rei Carlos II, personaxe enfermizo, feble, raquítico e cunha certa tara mental. Os rexentes que nos tocaron, na súa maioría, foron calamitosos. A este individuo chamábanlle o enfeitizado, e por algo sería.
A historia da viaxe por mar parece real: unha tempestade impide o desembarco en Santander, tampouco poden facelo na Coruña e buscan abeiro na entrada da ría do Ferrol, na costa de Mugardos concretamente. A raíña non sae do barco e parece ser que suben a el costureiras para lle amañar a vestimenta e adaptala á moda española e tamén din que un artista local (de Mugardos) que lle fai un retrato sobre cristal que debeu quedar aquí, e achado logo de máis de trescentos anos polo pintor do Seixo Felipe Bello Piñeiro. Hoxe está nunha colección particular en Madrid. Nada sábese do artista nin se en realidade era de Mugardos. Certo é que a raíña desembarca en terra mugardesa para subir á carruaxe que a levaría, coa súa comitiva, a A Coruña, descoñecéndose o lugar da terra mugardesa onde de verdade desembarca.
Pero entón aparece en escena Don Benito Vicetto, home de gran imaxinación, e descubre o misterio fabulando e engadindo a esta historia o pequeno adobo de lenda que prevalece na memoria colectiva e que tantas veces escoitamos. A lenda di que dona Mariana desembarcou nunha rocha que a xente coñece como "cu da raíña" porque esbarrou nela e foi dar alí coas súas oblongas nádegas. Non sería que esa rocha semellaba seu cu, o dunha muller de opulenta anatomía?
Non hai máis que ver esa pena para decatarse da imposibilidade do desembarco da segunda esposa do "enfeitizado", rocha á que só poden subiren nada máis que gaivotas e corvos mariños, un illote minúsculo e inaccesible tamén desde terra.
Pero así son as lendas das que temos abondosos exemplos, contos que forman parte da nosa tradición popular. O que si parece certo é que o rei concedeu o título a Mugardos de real vila, a primeira coroa do seu escudo, polo trato dispensado a súa esposa. O da segunda coroa do brasón éche xa outra historia.