Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vidas veciñas e insospeitadas que están connosco

miércoles, 13 de abril de 2022
Non. Non me refiro agora a aqueles dos nosos conxéneres humanos ós que tantas veces lles furtamos una ollada benigna e igualitaria por os considerar inferiores, incultos ou simplemente carentes daqueles trebellos técnicos que pola nosa parte consideramos imprescindíbeis.

Hai a este respecto nos nosos días desgraciadamente moita carga de incomprensión e flagrante fachenda pola nosa parte sen que por iso cheguemos, porén, ó extremo de botar man daquelas violencias bélicas que están agora a ocorrer non moi lonxe de nós.

Estou a me referir agora a outro tipo de violencia difusa, calada e silenciosa ou simplemente displicente. Aquela pola que non somos capaces de ollarmos, atendermos e admirarmos aquilo que mesmo á nosa beira está ou polo menos caladamente estaba a ocorrer en tempos aínda non moi pretéritos.

É todo un mundo de vida o que pouco a pouco temos destruído en aras de supostos beneficios pra os que ostentosamente nos chamamos humanos. Océanos e cursos fluviais cheos de vida transformámolos, en beneficio dun suposto progreso ou dunha industrialización voraz, en lugares en boa parte inhóspitos pra non poucas especies de seres vivos que neles habitaban. Que ocorreu, por exemplo, coas autóctonas troitas dos nosos rios, decimadas e case desaparecidas ante o xeral desleixo? Sen irmos máis lonxe, sendo eu mozo ou rapaz era cousa ben doada atopar tenras miñocas -esa excelente isca pra troitas- na pequena rima de toxo e desperdicios que se coidaba con agarimo na parte exterior correspondente ó vertedoiro pra lavar a louza. Porén, axiña desapareceron elas cando os deterxentes industriais empezaron a facer acto de presenza nas domésticas tarefas. Por outra parte o abandono, non tan distante aínda no tempo, do tradicional modo de vida rural (omnipresente dende había moitos séculos en Galiza) ante a presión e atracción da vida urbana e industrial modificou fondamente os coidados que terras e augas recibían nos herdados modos de os galegos vivirmos e habitarmos.

Así pois, recuperarmos dalgún xeito e coa axuda dos ambivalentes medios técnicos actuais usos e aproveitamentos do noso tradicional modo de vivir é tarefa importante e inaprazábel. Sobre todo en función da necesidade de vivirmos en unión coa terra, cos ceos, coas augas, en fin, coa natureza enteira da que de xeito tan abrupto e pra todos prexudicial nos temos en boa parte desvencellado. Ecoloxía ou ecoloxismo non poden ser, pois, só un fermoso ou máis ou menos simpático slogan, senón unha volta ás raiceiras da nosa propia vida, que xorde desde sempre en unión e misterioso contacto cos modos de nacer e de vivir de tantos e tan diferentes seres vivos que están mesmo á nosa beira e non somos, porén, capaces de ollar nin de apreciar.

Dende hai poucos días e no ámbito visual do espazo en que acotío me movo fronte ás Cíes e á paisaxe próxima ó porto de Guixar da cidade olívica, podo nestes días admirar, por exemplo, os misteriosos segredos do demorado nacer dun ou dous pombiños que axiña seguramente se deixarán ver sobre un ben rudimentario niño de paus e hedra, construído polos seus pais no frondoso e vello interior deste piñeiro amigo que é pra min, á miña beira, gardián seguro fronte a ventos e galernas de mares acendidos.

E por máis que ela intente agacharse, tampouco son alleo á presta e férrea vixilancia que a coñecida e sagaz pega rabilonga exerce sobre o ben trabado e ostentoso niño que ó comezo mesmo desta primavera foi por ela sixilosamente construído case no cumio do mesmo rexo piñeiro do niño dos pombos, catro ou cinco vellas pólas por enriba del. Niño amplo, o da pega rabilonga, cal castelo ben trabado de paus e ramallada que ocupan e tamén protexen o seu cumio.

Pola súa parte, o merlo de canto melodioso traballa en troques con mestría de fino artista o seu propio niño en escolleitos tecidos de arbustos próximos á terra nai, alí onde habita a delicada miñoca, fino pracer tamén -xa o sabemos- da troita sutil. Menos cauteloso o merlo cá pega rabilonga, deixarase observar sen excesivas precaucións ante a miña ollada encantada co seu ir e volver na coidadosa atención das súas crías.

Velaquí só un fuxidío anaco do acontecer da vida que convida ó respecto e á admiración dun universo que non é só noso senón de canta grande ou minúscula criatura nel habita. Nese universo non estamos só nós, nin podemos dispoñer irresponsabelmente ó noso propio antollo de canto nel habita. Esa é a grandeza e mailo misterio de canto existe á nosa beira.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES