Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (28)

martes, 12 de abril de 2022
Por moito que proclamen Rei a Xoán Carlos, ¡con X, posto que tamén será Rei da Gallaecia!, chéirame que esta transición vai ser lenta. Xa o dixo Benavente, que hai, ¡que sobreviven!, os "intereses creados". Para apaga-las lapas, ou se espera a que remate a combustión, ou se tira ao lume un caldeiro de auga, de auga ou de sangue, ¡cousa que Deus non permita! Por de pronto é perceptible un certo arrefrío das adhesións inquebrantables, ¡que xa é algo! ¿Fano por desengano, por medo ao que dirán, ou por simple precaución camaleonesa? Por de pronto vou cambiar de gafas..., ¡para non perder detalle, e que non veñan detrás contándolles trolas aos meus netos, como fixeron comigo, incluso desde o púlpito, facéndome crer que volvían os tempos das cruzadas contra o infiel!
-.-

Atopeime coa Superiora das Josefinas en Santo Domingo, entrando na calle da Reina:

-¿Madre, podo acompañala?

-¡E non vas poder; de ti depende!

-É que..., ¡como estamos na rúa dos parrafeos..., xa sabe!

-Despois do Concilio, sexamos monxas ou curas, estamos abertos á secularización; ¡digamos que, ao precipicio!

-¿Cando volvemos a Portugal?

-¡Uih! As rapazas de hoxe en día prefiren ir soas; en grupos, pero soas. ¡Sóbranlles, estórbanlles, incluso os pais, para canto máis as monxas! ¿E ti, que é da túa vida; segues estudando?

-¡Por suposto; agora máis que nunca, que teño que estudar a Pepa...!

-¿Estudar, con nós...? ¡Como non sexa relixión, pouco podemos ensinarche!

-¡Frío, frío! Estoume referindo á primeira Constitución, a de Cádiz, aquela que se promulgou, ou publicitou, precisamente o día de San José... Anacrónicas as Leis Fundamentais do franquismo, será cousa de constituírse, de parir outra, unha que sexa democrática...

Falamos polos cóbados, que hai que ver o que saben as monxas cando falan con xente da súa confianza, pero, aínda así, seguen sen darlles Ordes Maiores!
-.-

Volvemos a estar de Reis en Lugo, ¡na propia rúa da raíña Isabel II, aquela dos trinta ou corenta amantes...; sucesivos, non pensedes mal! Ensináronlla, a rúa, ao seu tataraneto, pasteis da Madarro incluídos, hoxe, 28 de xullo do ano 1976; o que non sei é se lle dixeron que daquela había moitos carlistas nos arredores, pois aos caciques desta provincia non lles coara, nin lles conviña, aquilo da Pragmática Sanción.

Pero esta vez, en lugar de pedirlles, déronlles; ademais dos pasteis: visita á catedral, paseo pola muralla, inauguración na Porta de San Fernando, xantar opíparo, aterraxe de sobremesa no Arneiro, e..., ¡Alcaldía Perpetua! Seguro que nin botaron en falta os seus, sempiternos, camelos; e paxes tiñan abondo por aquí! Os nenos, que só están afeitos a ve-los outros, os Magos, preguntaron polos seus xoguetes.

¿Como é Lugo, fascista, monárquico, republicano, anárquico...? Vou morrer sen sabelo, pois, por máis que o pregunte, todos se engurran dos ombros. ¡Estes lucenses son tan lucidos que ninguén os pilla nun renuncio: os de onte, de gravata; os de hoxe, a peito descuberto, coma lexionarios; e logo que a metade deles xa usan a man esquerda, ambidextros! No único que non hai variantes é na condución, que seguimos sentándonos na esquerda, para circular pola dereita.
-.-

Mellor nome non puideron darlle, ¡que ben Ceao está! Veño de darme unha volta por ese Polígono, e volvo derreado. Por fin chegou a industria, mais, polas trazas, moito me temo que máis que industrias van ser almacéns, importantes almacéns de produtos importados; aquí só exportamos emigrantes, onte coma hoxe, e hoxe coma onte. ¡Oxalá me equivoque, que non quede defraudado nos meus anhelos de contemplar como se lles engade valor ás nosas materias primas, tantas que temos, e de tan boa calidade que son! ¡Exportemos, puñetas, exportemos, e non só braceiros! (Retiro o de "puñetas", pois, con tantos avogados, en Lugo nunca "puñetas" faltaron).

¿Que podería facer para meterlles na chola aos meus paisanos que, Consumos, é o contrario de Insumos? Agora que deixan falar en público...; ¡pero non, que me tomarían por tolo, e igual me levan ao Castro das Ribeiras do Lea! Auga que non vas beber, déixaa correr, que dicía meu avó.

Falando de meu avó: Gustaríame mandarlle a El Progreso unha colección de contos da nosa lareira, daqueles que contaba meu avó, pero, iso, tampouco, que tampouco o entenderían estes de agora. Por veces desexo vivir pouco, xa que tan rara avis son, que o segue dicindo a miña dona, aínda que noutras..., ¿como vou facer de ponte entre dous séculos, entre dúas xeracións, se non entro, se non lle enceto o virgo ao século XXI?

Para contos, de presente, os trileiros (¿Onde está a moeda?), eses do toco-mocho subnormal, eses testamenteiros do tío de América... ¡Canto esforzo e canto discorrer para poder vivir coa suor dos de enfronte!
-.-

23-F. Non fará falta dicir de que ano, pois coido que este aniversario, para quen viviu o episodio, fose de cerca ou de lonxe, esquecerase menos có das súas vodas.

Estaba sentado no sofá, coa miña dona, collidiños da man e vendo a votación... ¡Se sienten, coño! Sen dubidalo un segundo díxenlle á compañeira:

-¡Aí tes a Pavía; resucitou, pero esta vez faino a pé! ¿Onde deixaría o cabalo...?

Ela, soltándose de min, persignouse:

-¡Deus nos ampare! Violárona de nena, recén nada...; ¡a Constitución, digo!

-¡Pois a ver onde me escondo, pois na canteira de meu pai xa construímos o noso refuxio...; e tamén está que este Levantamento píllanos na Coruña!
Crónica dun itinerario e dunha época (28)
-¡Como non durmas arriba, no rocho, envolto nos teus libros..., que igual che serven para algo!

Non fixo falta, grazas a Deus, que desta houbo quen abortase o novo Alzamento, pero a min deixoume sen ganas de seguir escribindo. ¿Total, para que, para facer de ponte cos demócratas? ¡Está visto que en España facemos e desfacemos, como Penélope, así que vou parar de tecer, deixando algo que dicir, algo que teclear, para os que veñan detrás! A miña ponte non quedou rematada, pero tamén lles pasou a moitas dos romanos, ¡e ben que se nos enche a boca cando llelas atribuímos!
-oOo-

Aquí parou o meu Vello. (Q. e. p. d.). Ou se lle acabou o "rollo", ou cansou, ou se decatou de que non é doado facer de ponte entre xeracións, por máis que ese alcume lle atribuísen: iso de "O Vello da Ponte". Pola miña parte, ata llo agradezo, que non hai cousa de máis peso, máis molesta, que aguanta-las verdades do próximo. ¡Daquela, ata o Ceo, meu Vello, e grazas polo teu legado, por iso tamén, que me serviu para lembrar algunhas cousas, a lot of delas, e de paso, para coñecer outras!

Pola transcrición,
Crónica dun itinerario e dunha época (28)
Xosé María Gómez Vilabella
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES