Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No centenario de Carmen Laforet

miércoles, 13 de abril de 2022
Mentres escribo estas liñas teño cabo min o exemplar co que lin por vez primeira Nada de Carmen Laforet. É unha reedición da novela publicada por Destino na Colección Destinolibro, séptima reimpresión, de maio de 1986.

Foi, en efecto, naquel verán dos meus dezaseis anos cando descubrín a hipnótica Barcelona da máis fera Posguerra que espellaba aquela escritora nacida na rúa Aribau e logo criada nas Canarias, a mesma na que logo paraba coa súa atribulada familia Andrea, o alter ego narrativo da autora. Unha cidade condal gris e viscosa, chea da miseria coa que a anegara a contenda fratricida, un mundo avolto e confuso no que aquela moza universitaria trataba de sobrevivir á súa propia familia nun tempo de indixencia, machismo e ditadura.

Recuperei o impacto brutal que produciu en min aquela lectura por mor de termos alcanzado o centenario do natalicio da escritora o pasado luns día 6. Mais coa lembranza destas páxinas viñeron outras da súa peripecia persoal, especialmente aquelas que a vencellaron con Galicia e os seus autores, un vínculo sobre o que agora quero dicir dúas palabras.

Laforet estivo veraneando en Galicia en diversas ocasións, pois ao pouco de gañar o Premio Nadal coa extraordinaria Nada (1944) casou con Manuel Cerezales, crítico literario e xornalista ao que coñeceu cando este, sendo director da Editorial Pace, a animou a presentar o manuscrito da novela ao galardón. Cerezales, que nacera en Vilardevós, viñera xa con ela e cos fillos ata Raxo, en Poio, onde pasaran de xullo a setembro de 1956.

Agora ben, non foi ata os estíos de 1962 e 1963 cando Laforet estreitou lazos con algúns colegas de letras galegos. A razón de veranear entre nós era que Cerezales fora nomeado en 1961 director de Faro de Vigo, cargo no que permaneceu ata fins de 1964. Foi, pois, neses dous veráns que pasou xunto á praia de Rodeira en Cangas cando os vínculos coa nosa terra e a súa escrita se intensificaron.

Entre os escritores galegos que entón frecuentou figuran dous mindonienses: dunha banda, Xosé Díaz Jácome, xefe de redacción de Faro de Vigo cando chegou á dirección o seu esposo, co que xa compartira redacción e responsabilidades en El Pensamiento Navarro; e, doutra parte, Álvaro Cunqueiro, ao que xa trataba o matrimonio dende os tempos da contenda bélica (Cerezales e Cunqueiro coñecéranse durante a guerra na redacción de La Voz de España de San Sebastián e continuaron a amizade no Madrid dos primeiros corenta, onde volveron coincidir en diversas publicacións).

Eses dous veráns cangueses foron fundamentais para Laforet. Durante o primeiro deles deu forma á novela La insolación, que publicou ao ano seguinte e que era a primeira entrega dunha triloxía que chamou "Tres pasos fuera del tiempo". A segunda das novelas desta serie, Al volver la esquina, escribiuna no segundo dos veráns morracenses e ía ser publicada en outubro de 1963, pero, cando xa corrixira as probas, inexplicablemente decidiu non dála ao prelo e inédita ficou ata que, tras o seu pasamento o 28 de febreiro de 2004, foi exhumada. Da terceira das entregas, que ía titularse Jaque mate, nunca máis se soubo.

Mais non só por ser tempo propicio para a escrita foi a Galicia estival decisiva para Laforet, senón tamén pola vida social e literaria que aquí a arroupou. Durante aqueles veráns dos primeiros sesenta acudiu a ceas organizadas pola directiva do Faro de Vigo onde coincidiu, amais de con Cunqueiro e Díaz Jácome, con José María Castroviejo, Alberto Casal e outros. Mesmo os membros da Directiva do Grupo Provincial da Asociación Nacional de Escritores a visitaron en Cangas para agasallala e, convidada por Cunqueiro e na compaña de Castroviejo e Casal, estivo presente nalgunha das edicións da Festa do Albariño de Cambados.

Foi Galicia, por tanto, terra de acollida para a escritora, quen dedicou algúns artigos ás súas viaxes polas nosas paisaxes e tamén concedeu entrevistas falando da súa estancia entre nós, feitos estes dos que teñen escrito luminosamente Ceferino de Blas e Anna Caballé.

Laforet tiña simpatía por Cunqueiro, pois o humor deste sempre a aledaba. E boa proba da amizade que o uniu co matrimonio por ela e Cerezales formado é que o día despois de deixar este último a dirección do Faro de Vigo (responsabilidade, por certo, na que o substituíu), Cunqueiro publicou no xornal (11-11-1964) unha entrega da súa célebre serie "El envés" dedicada a "Los niños de Cerezales", onde manifestaba a súa saudade por ver marchar o amigo cara a Madrid e, con el, a súa benquerida familia.

Con aquela partida Laforet tamén deixou atrás os ambientes galegos, aos que xa non regresaría, pois uns anos despois separouse de Cerezales e iniciou unha nova vida que a levou por Roma, Tánxer, Polonia e Estados Unidos, pero que nin de lonxe foi tan celmosa para a súa produción literaria coma os veráns galegos, pois apenas se publicaría en 1970 a compilación de historias La niña y otros relatos, alén dalgunha guía de viaxes, recolleita de artigos e parte do seu epistolario.

Cen anos despois do nacemento da autora da incomprendida La isla y los demonios (1950) e da rupturista La mujer nueva (1955), regreso á lectura de Nada no meu vello exemplar dos tempos bachareis e abráiome ante a capacidade visionaria, a intuitiva prognose na que muller e escritora son unha e se definen, maxistral lección e aviso para navegantes: "Y a mí llegaban en oleadas, primero ingenuos recuerdos, sueños, luchas, mi propio presente vacilante, y luego agudas alegrías, tristezas, desesperación, una crispación impotente de la vida y un anegarse en la nada. Mi propia muerte, el sentimiento de mi desaparición total hecha belleza, angustiosa armonía sin luz". Un nada que é todo. A voz dunha clásica que nos acompañará sempre.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES