Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A escola de dona Constanza de Castro

miércoles, 13 de abril de 2022
A Frouseira, pena roqueira, espida, alta, ergueita, resistente, á que todos miran e admiran porque xamais se veo vencida. Non foron capaces de chegar a ela porque está tocando o ceo e este é terreo dos deuses, que se opuxeron a que fora conquistada. Impediron a entrada a toda persoa allea á nosa terrra. E os máis empeñados en tomala viñan de Castela. E aí segue aínda, derrubada agora na ribeira, mais aí está, fachendosa, forte, señorial, «con froliñas por entremedias das penas / froliñas pequerrechiñas / i agrouladas, que semellan / bágoas de sangue calladas / no bico das carrasqueiras», escribiu o Leiras, e as pedras espalladas como testemuñas do que puido ser e non foi. Dous anos de rexa loita e mortes, mais ao fin, triunfante: nunca conquistada. A Frouseira, os máis dos días envolta en néboas «Néboa que de todo envolves / moitos días a Frouseira...», de novo Leiras; os máis dos días aguantando ventos mareiros, folerpas de invernos e treboadas de primaveras. A Frouseira foi a escola de dona Constanza. De alí lle veu o espírito de loita. Alí aprendeu a resistir e o que resiste gaña, e alí soubo que un non se pode render porque perde a dignidade. Ao Mariscal houbo que traicioalo e a ela envelenala: loitaron, resistiron e non se renderon. Non poideron con eles, aguantaron até que o coitelo e o veleno acabaron coas súas vidas. E os Comisionados reais escribíronlles aos Reis comunicándolles que por fin tomaran a Frouseira e Caldaloba, mais non se deron conta de que esas derrotas converteron á Frouseira e a Caldaloba en símbolos dunha Galiza que sabe loitar polo seu, e a Pardo de Cela e a dona Constanza de Castro en mitos dun pobo que prefire morrer antes que renderse. E, entremedias, as froliñas na Frouseira «caladamente se queixan / de que tanto, tanto, tarden / en cobrarse contas vellas», escintilantes estes, versos de Leiras Pulpeiro.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES