Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿FINAL DA HISTORIA OU CHOQUE DE CIVILIZACIÓNS? DÚAS INTERPRETACIÓNS DO PRESENTE (I)

lunes, 15 de julio de 2002
¿FEITOS AZAROSOS?
Na derradeira década do século XX e nos primeiros tempos da centuria en curso, aconteceron sucesos, que, na súa maioría, pasarán a engrosa-la categoría de feitos realmente históricos. Entre estes poden ser mencionados: as desintegracións da URSS e Iugoslavia, a guerra do Golfo, os fundamentalismos GIA de Alxeria e talibán de Afganistán, a emerxencia chinesa, a rebelión chechena, o 11 de setembro de 2001,…

Estes e outros acontecementos semellantes ¿son feitos illados debidos ós antollos do azar?, ¿son rémoras que retardan a universalización da democracia e do capitalismo? ou, pola contra, ¿obedecen a unha reordenación da política mundial tralo ocaso da guerra fría?

Tentarase dar resposta a estas preguntas, partindo da extinción do sistema imperante na política internacional durante o longo período da guerra fría, para analizar de seguido as dúas interpretacións máis sobranceiras do presente.

A DESAPARICIÓN DO SISTEMA DA GUERRA FRÍA
Cando Walter Lippmann, célebre xornalista norteamericano, publicou en 1947 o seu libro A guerra fría: estudio da política dos Estados Unidos, acuñou definitivamente a expresión guerra fría para referirse á caracterización das relacións internacionais desde aquel ano ata finais dos anos oitenta ou comenzos dos noventa.

Cando Winston Churchill utilizou a expresión cortina de aceiro para denominala liña que se estendía entre Stettin e Trieste, estaba separando dous mundos, o lo leste e o do oeste de Europa.

Cando, posteriormente, se xeneralizou o uso da expresión cortina de bambú, estableceuse unha raia que separaba os países asiáticos con réximes comunistas (China, Vietnam, Corea do Norte) daqueloutros que se adscribían a sistemas políticos distintos.

As devanditas expresións, moi divulgadas no referido período (1947-89), agochaban detrás delas dous mundos redicalmente enfrontados política, social, económica, militar e mesmo psicoloxicamente.

Contra finais dos anos corenta comezou a configuración dos dous bloques antagónicos, ós que se adscribiron, dun ou doutro xeito, a maioría dos países, tendo en conta as afinidades dos seus sistemas políticos, económicos e sociais.

Máis alá destes dous bloques encontrábase un conxunto de países, case todos eles pertencentes ó Terceiro Mundo, autoproclamados como non-aliñados; mais esta denominación facía referencia tan só á que non pertencían a ningún dos dous bloques, pero en realidade as súas respostas sempre estiveron condicionadas pola evolución global da guerra fría. De feito, o neutralismo puro nunca existiu, xa que logo a maioría dos países que se reclamaban neutrais acabaron por aproximarse a algún dos dous bloques.

A guerra fría, aínda que era un estado de tensión permanente, evitou a confrontación xeneralizada. Os casos de tensión extrema sempre se resolveron por medio de conflictos localizados (guerra quente), desenvolvidos en espacios máis ou menos afastados dos centros neurálxicos das dúas superpotencias (USA e URSS). Esta tensión permanente puxo en marcha extratexias de acoso continuo ó contrario, que incorporaban a ameaza militar constante, tanto convencional como nuclear, a confrontación ideolóxica e a guerra económica.

Esta situación, despois de pasar por tres etapas (máxima tensión, coexistencia pacífica e reaparición da tensión), rematou contra finais dos anos oitenta ou comenzos dos noventa, podendo ser tomado como feito máis emblemático deste final o derrumbamento do muro de Berlín (9 de novembro de 1989).

Coa desaparición da guerra fría esvaecéronse as certezas nas relacións internacionais, agromando unha nova etapa, que se está a prestar a múltiples interpretacións. Dúas delas, as que máis sona acadaron nos ámbitos académico e xornalístico, son precisamente as aparecidas nos anos 1989 e 1993, das que os seus autores son dous senlleiros politólogos norteamericanos vencellados á docencia e á política, Francis Fukuyama e Samuel P. Huntington.

A INTERPRETACIÓN DE FRANCIS FUKUYAMA
Unha destas visións do presente é a elaborada, a finais dos anos oitenta, polo estadounidense de orixe nipona, Francis Fukuyama. Cando escribiu esta achega ó tema era director adxunto da Oficina de Planificación Política do Departamento de Estado, e anteriormente tiña sido analista da RAND Corporation. Na actualidade é catedrático de Economía Política Internacional na Johns Hophins of Advanced International Studies.

A súa tese da fin da historia expúxoa por primeira vez nunha conferencia pronunciada na Universidade de Chicago, na Foundation John M. Olin para a Investigación da Teoría e a Práctica da Democracia. Máis tarde, no verán de 1989, difundiuna a través dun artigo publicado no número 19 da revista The National Interest, traducido ó castelán e incluído no número 1 (abril de 1990) da revista Claves de la razón práctica. O éxito acadado pola súa teoría levouno a darlle forma de libro, que, na súa versión en castelán, apareceu no mercado en 1992 baixo o título de El fin de la historia y el último hombre.

Manifesta Fukuyama que a circunstancia que o moveu a reflexionar sobre o final da historia foi a seguinte:

O ano pasado (1989) houbo unha verdadeira avalancha de
estudios para conmemora-lo final da guerra fría, facendo
alusión ó feito de que, ó parecer, a “paz” imponse en moitas
rexións do mundo. A maioría destas análises carecen dun
marco conceptual máis amplo capaz de distingui-lo esencial
do accidental na historia mundial…
E, sen embargo, toda esta xente a penas se decata de que se
puxo en marcha outro proceso moito máis amplo, un pro-
ceso que confire coherencia e orde ós titulares dos xornais.

Na súa opinión, o mundo, no século XX, viuse sometido a un paroxismo de violencia ideolóxica, no que o liberalismo loitaba contra as pegadas do absolutismo, despois contra as do bolxevismo e do fascismo, e, finalmente, contra as do marxismo posto ó día, que ameazaba con conducir á apocalipse total dunha guerra nuclear. Pero o século, que comezou plenamente confiado no triunfo da democracia liberal occidental, parece ter descrito un círculo, chegando outra vez ó punto de partida: non a unha “fin da ideoloxía” (ou se se quer ó Crespúsculo das ideoloxías, como afirmaba hai anos G. Fernández de la Mora) ou a unha converxencia entre capitalismo e socialismo, como xa se tiña predecido, senón a unha inquebrantable victoria do liberalismo económico e político.

Este triunfo queda patente, sobre todo, no esgotamento das alternativas sistemáticas e viables ó liberalismo occidental. Na década dos oitenta –na percepción de Fukuyama- producíronse cambios inequívocos no clima intelectual dos dous principais países comunistas do mundo (URSS e China), e, asemade, en ambos iniciáronse movementos reformistas de certa importancia. Pero este fenómeno foi máis alá da alta política, e tamén era observable na expansión da cultura consumista occidental, en contextos tan diversos como as feiras rurais e os televisores á cor omnipresentes na China daqueles anos, os restaurantes-cooperativa e as tendas de confección abertas en Moscova, a música de Beethoven no fío musical dos grandes almacens xaponeses, e a música rock que se escoitaba tanto en Praga como en Rangoon e en Teherán.

Na opinión de Fukuyama, todo este conxunto de cambios non eran soamente o final da guerra fría, senón o final da historia: é dicir, o derradeiro paso na evolución ideolóxica da Humanidade e da universalización da democracia liberal occidental, como forma final de goberno humano.

Esta victoria do liberalismo produciuse inicialmente no campo das ideas ou do coñecemento, aínda que, polo de agora, é incompleta no ámbito do mundo material.

Fukuyama fundamenta a súa visión do final da historia recorrendo a unha interpretación lineal da mesma e ó proceso dialéctico hegeliano.

No decurso do tempo téñense producido moitas explicacións do acontecer histórico: lineais unhas (entre outras, a do Santo Agostiño e a de Carlos Marx) e cíclicas outras (as máis relevantes son: a de Polibio, a de Spengler, a de Toynbee e a de Braudel). O bispo de Hipona concebía a historia como un proceso quie comezaba coa Creación, tiña o seu eixe na Redención e acabaría cando chegara a Parusía. Pola súa banda, o filósofo de Tréveris facía parti-los modos de producción da sociedade primitiva, pasando sucesivamente polo escravista, o feudal e o capitalista, para finalizar na sociedade comunista, á que se chegaría despois dunha etapa transitoria, a da dictadura do proletariado. Esta interpretación marxista bebeu de dúas fontes: do proceso dialéctico hegeliano e do materialismo de Feuerbach.

Fukuyama, para elabora-lo seu final da historia, rexeita a Marx e tamén as interpretacións marxistas de Hegel, recorrendo á versión que do mesmo fixo Alexandre Kojève, un emigrante ruso que, nos anos trinta, impartiu na École Pratique des Hautes Études, de París, unha serie de seminarios que tiveron unha grande sona (entre os asistentes ós mesmos figuraban Jean-Paul Sartre, Raymond Aron…). Da Fenomenoloxía do espírito de Hegel, así interpretado, toma o proceso dialéctico, segundo o cal a Idea se desprega a través da tese, da antítese e da síntese. Pero Fukuyama identifica a Idea hegeliana coa ideoloxía, referida esta á relixión, á cultura e tamén ó conxunto de valores morais, fundamento de toda sociedade. Toma tamén a relación existente entre o mundo ideal e o mundo real ou material, facendo seu o aforismo hegeliano segundo o que a historia é “a explicación do espírito no tempo”, sendo a fin da evolución a liberdade xeral, segundo o expón na súa Filosofía da historia.

De acordo con estas premisas (concepción lineal e proceso dialéctico hegeliano), Fukuyama concibe o final da historia como a aceptación teórica universal da democracia liberal, como forma política, e do liberalismo económico como fórmula para o desenvolvemento material dos pobos.

Recoñece dous precedentes do seu final da historia, os sinalados por Hegel e por Kojève. O primeiro aseverou que a historia acabaría en 1806, pois pensaba que a victoria de Napoleón sobre a monarquía prusiana na batalla de Iena significaba o triunfo dos ideais da Revolución Francesa e a universalización inminente dun Estado que asumiría os principios de liberdade e igualdade. Ben é certo que naquel momento histórico -segundo apunta Fukuyama- a vangarda da humanidade o único que fixo foi actualiza-los principios da Revolución Francesa, deixando para tempos posteriores a abolición da escravitude, a ampliación do dereito de voto ós traballadores, ás mulleres, ós negros e a outras minorías raciais. As dúas guerras mundiais do século XX –segundo esta apreciación- contribuíron a estender no espacio os devanditos principios.

Para Kojève, o “Estado homoxéneo universal” quedou plasmado na vida real nas sociedades da Europa Occidental da segunda posguerra, xa que, nel, tódalas anteriores contradiccións quedaban resoltas e tódalas necesidades humanas básicas satisfeitas.

Parusía, Estado hegeliano posterior a Iena, Sociedade comunista e Estado homoxéneo de Kojève semellan anceios dos seus formuladores, mais non feitos históricos realmente acontecidos.

Os paleocristiáns agardaban impacientes, a comezos do primeiro milenio, a volta de Cristo, repartindo entre os irmáns os sestercios procedentes das vendas dos seus bens. Aínda hoxe, anos iniciais do terceiro, prosegue a espera.

A historia posterior á Revolución Francesa foi evidenciando as insuficiencias do trilema da mesma (liberdade, igualdade e fraternidade), pola versión que del fixo a burguesía triunfante. Ademais os dereitos humanos derivados da Declaración de 1789 non son aceptados universalmente, e mesmo, en determinadas civilizacións (na musulmana sobre todo), atopa serias resistencias a consideración como valores dos dereitos recollidos nela.

O proceso que debería impulsar ó proletariado para configura-la Sociedade comunista embarrancou no crebaondas das dictaduras das diversas nomenclaturas daqueles países nos que se implantou o denominado socialismo real.

Pola súa banda, o “Estado homoxéneo e universal” de Kojève tampouco resolveu tódalas contradiccións nin satisfixo tódalas necesidades humanas como pretendía.
Novo Cazón, José-Luis
Novo Cazón, José-Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES