Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Botín de guerra

miércoles, 06 de abril de 2022
Procuro non mirar constantemente as novas da guerra. Tentar desactivala no que poda, edificar a paz, si, pero absorber unha tras outras as miserias humanas que se manifestan nunha guerra é nocivo, é instaurar a guerra no noso propio corpo, no noso propio ser. Aínda así, de cando en vez escoito ou paso os ollos por diante de noticias de guerra. Non de partes de guerra, senón en xeral. E non de calquera guerra, que a guerra coa que nos están bombardeando agora ten unha serie de nomes asociados: Ucraína, Putin, Rusia, Zelenski... Para min, ten xa un nome máis: muller.

As atrocidades diversas de tódalas guerras impactan, e tentar clasificalas parece unha labor inhumana, de colaboración coa propia guerra. E esa clasificación coido pode variar coa guerra ou a época na que se desenvolve. Mais como guerra, fixo que hai algunha constante. E unha delas está asociada coa parte que leva a muller nas guerras.

'Nesta', na guerra na Ucraína, sabemos que saíron xa millóns de persoas do país, tentando refuxiarse en Europa. Nunha Europa que di que vai acollelas de xeito dilixente mentres no Mediterráneo segue a morrer xente e mesmo algún país traizoa a cidadáns seus no deserto axudando coa escusa de evitar recibir máis inmigrantes. Ben, pois esas persoas que fuxiron a Europa son mulleres e nenos: os homes non poden saír.

Nesta guerra sucédese a desinformación, pero non cabe dúbida do sufrimento da xente. Hoxe, con minutos de diferenza, xunto unha noticia na que unha ucraína tería sido violada a punta de pistola por un ruso -unha violación máis-, con outra na que outra ucraína é atada indefensa a un poste co cu ó aire no medio dunha cidade despois de ser violada e ante a indiferenza dos transeúntes -unha muller máis-. No primeiro caso, a muller estaría gorecéndose cunha crianza nun grupo nun soto, pero ante as armas, pouco que facer, como se o ser un acto de guerra variara moitas consideracións. No segundo, a muller sería unha 'terceira columna' do inimigo na poboación, como se encadrando o acto nunha guerra volveran variar as consideracións. En ámbolos dous casos, de ser home seguramente o sucedido sería diferente.

É unha constante nas guerras. As mulleres son botín de guerra. Dende hai moito. Polo menos está documentado dende o mitificado rapto das Sabinas que deu pulo ó nacemento do Imperio Romano. Non son o único botín nin as únicas persoas prexudicadas, pero si unha constante que pasa por machacar ó máis débil. Sona, non? O típico acoso, que de 'escolar', o máis escoitado nos últimos tempos, pasa a calquera outra faceta, tempo ou lugar na vida: machacar a quen ten menos poder, está máis illado, vese máis débil. Segue a soar, verdade? E moitas veces, coa complicidade doutra xente, que se sinte poderosa polo feito de poder machacar a quen é máis débil. Revisa. Revísate.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES