Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (1)

viernes, 01 de abril de 2022
Etimoloxía da palabra "Valuro" (I)

Hai, penso, un descoñecemento ou idea moi terxiversada e incluso falseada da etimoloxía da palabra "valuro", que a min me chegou por boca de Xosé Manuel Carballo Ferreiro, ao que lle agradezo o legado, mais... quen eran os valuros? Hai quen os fai poboadores da antiga Veria, Cospeito, como son Fernández de Boán e Felipe de la Gándara (1) onde din se daba culto ao deus Baal e pénsase que a palabra valuro viría dos que seguirían as doutrinas deste, aínda que Baal sexa o deus da choiva e do trebón, ben representado na nosa Terra Chá ou Valuria como cunca na que os lóstregos fan aparición continuada, o mesmo ca Baal está representado cun raio na man destra, viríalle moi ben acaído á Valuria aínda que sería unha quimera evolucionar como algúns pretenden a palabra valuro a partir de Baal.

O que si é verdade é que foi un pobo maldito e perseguido pola relixión cristiá a causa de non ser crentes debido precisamente ao enraizamento doutra relixión ancestral que hoxe por hoxe descoñecemos, mais que intuímos e que moi posiblemente a denominación dese deus ao que adoraban teña que ver coa palabra valuro.

Para Eladio Rodríguez González (1) a verba valuro equivale a "brujo, hechicero, que a la vez oficiaba de médico, sacerdote, milagrero o profeta". Como podemos ver, esta xente chamada valura, non podía aceptar o cristianismo porque a súa concepción relixiosa non se acercaba para nada a esta nova forma de entender o mundo e a vida propia do cristianismo ou relixión que entra posteriormente na Valuria ou Terra Chá, e de aí que os valuros sigan, aínda que perseguidos, desconfiando, como é natural, dunha relixión que lles queren impoñer.

O mesmo Eladio Rodríguez González (1) chama tamén valuro ao habitante dos Montes Valuros "el que vive al pié de la antigua estación lacustre de Santa Cristina, cerca de la Sierra Valura".

Se nos poñemos a pensar con certa claridade, observaremos que a persecución non soamente foi sobre os valuros, senón tamén sobre a palabra "valuro" e todo o relacionado con esta cultura, a xulgar pola denominación que nos fai dunha serra, chamada "Serra Valura" e que ninguén sabe onde está nin os mesmos chairegos oímos falar nunca deste topónimo, que como vemos, acabou varrido como apelativo topográfico. Como recordo da miña infancia, direi que cando unha persoa nomeaba a palabra "valuro", inmediatamente baixaba o ton da súa voz como se estivese prohibido falar dela a non ser como alcume, e sempre en voz queda. Sabémolo ben os que vivimos a etapa histórica da Ditadura cando pronunciabamos o nome do ditador.
A misteriosa e incógnita Valura (1)
En Los viajes de José Cornide por España y Portugal de 1754 a 1801 (2) fálanos de que o plantío de maciñeiras debera fomentarse en "la vega de Sarria" e logo "por las llanuras de la Balura, siempre pobladas sus riberas de robles". Razoamos logo que a palabra Balura, e Montañas Baluras, non existen na actualidade e que a súa desaparición ben puidese ser froito dunha persecución deste pobo por parte dalgún estamento posiblemente relixioso ou político, aínda que os datos parecen acercarse máis ao primeiro.

Deberiamos reivindicar hoxe e poñer en valor esta denominación xeográfica que nos atinxe a todos nós e sacala do eido do esquecemento, valorala e darlle a xustiza que merece para recuperar a nosa identidade valura.

Don Ánxel Fole (3), sostiña que baluros é palabra derivada de "paluros", e estes eran habitantes das palafitas nas cidades lacustres que tanto tiveron que abondar pola Chaira.

Esta derivación parécenos moi fantasiosa porque calquera filólogo sabe que un "p" inicial, xamais pode converterse no "b"; é dicir, unha bilabial-oclusiva-xorda inicial non pode evolucionar a unha bilabial-oclusiva-sonora, e, polo mesmo, terían que seguir chamándose "paluros", pero non "baluros".

O que si é certo, é que o latín "palus, paludis" significa "pantano", e se os valuros eran habitantes das palafitas e dos terreos pantanosos, habería que chamalos "palustre(m)" ou "palustres" mais nos Baluros.

O étimo máis parecido sería "paludicu(m)" que ao meu modesto entender nunca podería evolucinar a valuro; en todo caso sería "paludigo" ou "paluo" con poucas posibilidades da aparición dun "r" epentético.

Continuará...

Texto: Xosé Otero Canto
Fotos: Anxo Grande Penela

NOTAS:
1. RIELO CARBALLO, Isaac: Aproximación histórica ós baluros ou valuros. Caderno monográfico repartido en Castro de Rei 28-02-16.
2. ABASCAL, Juan Manuel y CEBRIÁN, Rosario: Los viajes de José Cornide por España y Portugal de 1754 a 1801. Espagrafic. Real Academia de la Historia. Alicante. 2009.
3. CARBALLO FERREIRO, Xosé Manuel: Carta aberta a Manolo Rodríguez. Galicia Dixital. 25-02-2016. Artigo periodístico.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES