Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Microutopías

jueves, 07 de abril de 2022
Cando poucas fan o que terían que facer moitas. Refírome a persoas, a cando poucas persoas fan o esforzo que non levan a cabo as administracións ou os colectivos amplos. Cando poucas fan o de moitas ou o de todos porque traballan polo público, polo común, polo ben común.

Estou convencida de que moitas veces non conseguimos as metas porque non acabamos de crer na capacidade de cambio que temos nas mans. Resulta case incríbel. É como cando che din que a Historia se resume a varias xeracións da túa familia, que un século son apenas os avós. Polas razóns que sexa tampouco somos quen de crer no poder que temos como consumidores, como profesionais, como cidadáns.

Estes días pasados atopamos, nos medios de comunicación, a historia de Carlos San Juan, un pensionista que se atreveu a plantarlles cara ás entidades financieiras poñendo en marcha en change coa petición de sinaturas ou dirixíndose ao Banco de España e á Presidencia do Goberno. Andaba a xente a protestar polos bancos, a queixarse porque non era quen de saber que pasaba cos seus cartos, porque ninguén os atendía, porque pechaban sucursais a torto e a dereito mentres as grandes corporacións financeiras tiñan cada vez máis ganancias e diso presumían (para máis inri). Pois ben, tivo que ser un home (só) o que se ergueu para buscar solución. Non digo que vaiamos conseguir limitar o maltrato dos bancos, pero algo se moveu e alguén dixo claramente que aquí "cheira a podre" como na Dinamarca de Hamlet.

Hai un proxecto de recuperación de memoria histórica e recoñecemento das vitimas nun lugar de Cerdedo, unha iniciativa que ergueu o propietario dunha leira do colectivo Capitán Gosende. Esa imaxe na que varios enterran ou prenden esa lápida no campo das laudas, é suficientemente explicativa. Como van seguir abandonadas esas xentes que tanto sufriron e tan maltratadas foron pola Historia? Como van continuar baixando a cabeza as súas familias cando lles correspondería estar orgullosas? O que non fixo a Lei de Memoria Histórica, o que destruíron os que queren continuar asoballando, está nas mans dun grupiño de persoas que decidiron cargar coa dignidade de todas as demais, tal como falaba José Martí.

Tamén lembro o bosque de Ridimoas, ese territorio forestal que uns poucos tiveron que mercar para poder conservar as especies autóctonas, ese poder dos poucos para manter erguida a esperanza.

Estas deberían ser as noticias das que se fale de vez en cando, dese poder que temos para conservar ou transformar, porque se o pensamos, nunca tivemos a tantos con tanta formación e tanto tempo para crear utopías, pequeniñas, microutopías das que fala Jarauta, pero que aínda son posibles, se o cremos e nos poñemos no camiño de construílas.

Hai que posibilitar cambios no sistema. Hai tempo que deixaron de ter un sentido as folgas (uns poucos facendo o esforzo de deixar de traballar e que lle desconten do salario) cando a estas alturas o que cómpre son outros métodos, outros procedementos. Hai que pensar, sen deixarse levar pola inercia, reflexionar sobre aquilo no que podemos incidir, sobre os discursos e as súas falsidades, sobre as mentiras que alguén di sabendo que mente e sen que lle pase nada, sobre as promesas políticas que non se cumpren e quedan sen castigo, sen que ninguén sexa responsable do que fai mal durante o seu mandato. Habería que profundar, como dicía Castelao.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES