Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Guerras e vellos traumas

jueves, 31 de marzo de 2022
Non hai cousa máis vella na historia da humanidade cás guerras, ben sexan estas en pequeno ou gran formato. Algo máis novas son as teorías, tanto sociais como filosóficas ou relixiosas sobre a xustificación ou o rexeitamento das mesmas.

En calquera caso, as motivacións reais que as nacións ou grupos concretos formalmente presentan publicamente como xustificación da súa participación nas mesmas non sempre (nin moito menos) se identifican coas verdadeiras razóns, case sempre inxustificábeis, que as sustentan.

Fascismos e ditaduras utilizaron sempre ó seu servizo as palabras, inocentes bolboretas transmutadas en espadas. Lembro moi ben, da miña longa estancia estudantil nos anos sesenta do século pasado en terras xermánicas, as palabras que pronunciara (máis ben, berrara) Hitler pola radio cando iniciou a súa ofensiva contra Polonia, que se convertería no comezo da segunda guerra mundial. Contoumas un amigo que participara directamente como soldado de a pé nas guerras hitlerianas. Foran as seguintes: "Seit 5'00 Uhr an wird zurückgeschossen". Que queren dicir máis ou menos: Dende as 5'00 da mañá estamos respondendo coas nosas armas á previa agresión polaca. Con isto estáballes a comunicar o ditador ós alemáns que foran os polacos os que iniciaran o ataque. De modo que os alemáns podían xa dirixirse agora con conciencia tranquila e ánimos redobrados á defensa armada da súa querida patria agredida.

Ocorre nesta cuestión que os humanos somos moi pouco humanos. Quero dicir: non dispoñemos de mecanismos innatos, dos que normalmente dispoñen os animais non humanos, por medio dos cales a súa agresividade está controlada, limitada ou regulada sen provocar por tal razón a destrución ou morte doutros individuos da mesma especie. Dependemos só, pois, os humanos das nosas libres palabras e razóns na mutua relación interhumana, é dicir, na nosa relación cos individuos da nosa propia especie. Velaquí a nosa grandeza e o noso sempre ameazante perigo.

Isto pode conducir a solemnes declaracións ou comportamentos mesmo contraditorios, absurdos ou incluso extremadamente ridículos, como o que a continuación referirei, por estar tal feito ademais dalgunha maneira (alomenos nominalmente) en relación co actual problema bélico da guerra en Ucraína. Situémonos no final da década dos anos cincuenta do século pasado (se a memoria non me traizoa, a anécdota é do ano 1959), só un par de anos antes de me ausentar deste país para me dirixir seguidamente cara a terras xermánicas. Daquela era eu alumno do terceiro curso de filosofía nunha universidade eclesiástica no norte de España. A incivil guerra civil rematara non había moito e á posterior longa ditadura faltábanlle aínda ben de anos para o seu final. Pois ben, estabamos os alumnos dese curso no comezo mesmo dunha clase de Ética que versaría xustamente sobre a guerra. Tal materia era impartida polo profesor I. G. M. Nada máis chegar el á aula, ascendeu ó estrado dianteiro da mesma. Alí, sobre unha mesa estaba colocado un atril desde o que el, en pé, acostumaba ler e seguidamente comentar o seu propio texto. A tese a comentar e defender ese día era textualmente a seguinte (enunciada, segundo os usos da época, en latín): "Bellum reiciendum est", é dicir, "la guerra debe ser rechazada". O aludido profesor leu, pois, tal tese xunto coa mencionada tradución castelá para, inmediatamente despois de tan solemne e diáfana declaración, comezar, subitamente transmutado e fóra de si, como se algún descoñecido monstro maligno se tivera apoderado del, a proferir frases como as que aínda teño ben presentes na lembranza (tan grande foi o meu abraio) tras tantos anos transcorridos dende aquela. Son estas: "¡¡Ahora bien, tratándose de Rusia, cuanto antes se le haga la guerra mejor, porque han sido tales las circunstancias... [etc.] que, ya digo, -insistía e reiteraba- cuanto antes se le haga la guerra mejor!!"...

Era este en realidade un discurso ou arrebato delirante, sobre todo porque quen o profería se enfrontaba de maneira directa e radical coa tese mesma que el en principio e nese mesmo intre, nominalmente alomenos, dicía defender, pois unha excepción a ela de tal envergadura botaba xa practicamente por terra calquera intento teórico de rexeitar a guerra ("Bellum reiciendum est"). Naturalmente, dunha actitude así ben pode dicirse que só podía explicarse dende a proximidade emocional e práctica ás teses políticas franquistas de non poucos eclesiásticos da época. Por algo o filósofo e xurista Lorenzo Peña non deixaría de referirse explicitamente anos más tarde a I. G. M. como “ultrarreacionario y hasta fascista" (L. Peña, Hallazgos Filosóficos, Publicaciones de la Universidad Pontificia de Salamanca, 1992, p. 261).

Por desgraza e polo que se ve, por moi distanciados que esteamos no tempo das nosas propias guerras e das súas inhumanas e inxustas xustificacións, precisamos aínda tempo pra chegarmos ó convencemento xeral, teórico e práctico, de que as guerras, as mutuas matanzas, continúan a ser o noso meirande fracaso humano.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES