Volver a Rosalía
Santalla, Iago - miércoles, 06 de abril de 2022
Dicía Rosalía que entre a luz e o progreso perduraban "as dúbidas nos corazóns e bagoas que un no saben porque corren e dores que un non sabe porque son". Coido eu que Rosalía, como todos, foi aprendendo a camiñar pola vida e por desgraza o camiño que fixo foi bastante efémero, quedando a lingua galega e Galicia orfa cando apenas intuía que tiña unha nai.
O caso é que me pregunto para cantas persoas este poema se ten convertido nun espello vital. Para min, moitas veces, convértese nun fiel reflexo de min mesmo. Quizais, exprese un feito consubstancial á propia vida e é que a evolución humana leva consigo perderse para volver a atoparse, fallar para aprender, caer para erguerse. Quizais, é máis doado perdoar o fallo alleo que o propio. Quizais, é máis doado arquivar os erros que nos vitimizan q aqueles dos que somos vítimas. Así, este mar de dúbidas e dores semella ser interxeracional e, por iso, neste, como noutros ámbitos, Rosalía segue vixente.
Coido eu que Rosalía tería a sensibilidade suficiente como para perdoarse e aplicar a empatía cara a dentro como a aplicou (non cabe ningunha dúbida) cara á sociedade que lle tocou vivir. Entón, cando escoito este poema na voz de Amancio Prada, pregúntome sobre o cantar que preciso cantar. Respóndome que non quero que sexa triste e que do pasado só quero que teña as voces amigas coas que fixen a vida. O resto que sexa presente e futuro. Un futuro que borre as penas de Rosalía e que nos diga a cada un de nós que podemos ser mellores.
Se a dúbida e a incerteza non se quere ir, deixemos que nos acompañe pero ten un sitio moi bo no diván do noso pensamento. Neutralicemos o erro sen penitencias excesivas.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora