Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ano da Primeira República en Sárria (1873)

lunes, 04 de abril de 2022
A correspondencia dirixida polo Alcalde de Sárria ao Gobernador Civil da provincia de Lugo, nos primeiros meses do ano 1873 permite coñecer as dificultades e alteracións vividas na Comarca no ano en que foi proclamada a Primeira Repùblica Española.

A implantación do telégrafo e un sistema eficaz de peóns entre Sárria e Lugo facían que os comunicados oficiais circulasen con relativa velocidade e que os sucesos acontecidos en Madrid se coñecesen moi axiña...

13 de febreiro.- "...Aínda tendo en conta a incerteza que enxendra a absoluta privación de instrucións superiores, e a carencia de novas autorizadas, sabedor por un telegrama do que me deu coñecemento o Sr. Xuiz de 1ª Instancia, dos sucesos ocorridos acordei convocar e tivo efecto na noite de onte unha reunión de veciños desta poboación, coa fin de acordarmos os medios máis eficaces para a protección da orde social, e prestarmos apoio á acción xudicial contra calquera tentativa de perturbación nos momentos de transición presentes; resolvéndose por unanimidade a creación dunha forza de dez homes armados, que facilite rápido auxilio á Autoridade que o demande, e vixile permanentemente pola conservación da tranquilidade pública, ofrecéndose ademáis os concorrentes a secundar neste senso a acción da dita cativa forza, se circunstancias por hoxe imprevistas, o esixiren, procurando aunar as vontades e esforzos de todos, para sacar incolume de esta, que considero pasaxeira crise, o principio de Autoridade, e de recíproco respecto ás persoas e intereses de todos. O que creo oportuno participarlle a VªSª para o seu coñecemento, animándome a confianza de que este acordo merecerá a súa superior aprobaciòn, e a espranza de que se dignarà participarme canto conducente sexa ao cumprimento dos graves deberes que legal e moralmente pesan riba da miña autoridade nos momentos presentes".

Valentín Lois Cabañas era home prudente, o que el e moitos sarriaos non prevían era a novidade do desenlace do que xa se cocera en Madrid.

15 de febreiro.- "...Recibín o oficio da VS de 13 do corrente transmitìndome o telegrama do Presidente do Poder Executivo, polo que anuncia a proclamaciòn da República, nomeamento do Goberno pola Asemblea e confirmaciòn da autoridade da VªSª como única lexítima na provincia. Prestarei gostoso todo o meu apoio para secundala na obtención dos fins que expresa, velarei con solicitude incansable pola conservación da tranquilidade pública, e darei á VªSª inmediato aviso de canto ocorra, reiterando á ªVSª o meu rogo para a obtención do que se solicita na comunicaciòn adxunta, a fin de ter nos Guardas do Cárcere, Aguacís e dependentes do Concello e do Xulgado, e dez voluntarios que se organizaron, un núcleo de forza co que atendermos ás máis apremiantes atencións da Xustiza de da orde".

E despois de recibido o oficio debeu ser cando se fixo a manifestación patriótica que baixou pola Rúa Principal, na hora do xantar, e que no dicir anecdótico acabou con aquel sonado "¡Viva a m..., Valentín, pasa para dentro que se enfría o caldo!".

15 de febreiro (2ª comunicación).- "Segundo manifestei á VªSª no oficio de antonte, está organizándose neste pobo unha forza de 10 homes composta de veciños honrados e licenciados do Exército para prestaren apoio á Autoridade local e xudicial na conservaciòn da orde pública e persecución de criminais, mais debo significarlle que a pesares do esforzo de todos non puido reunirse armamento útil para a dita forza, cuxo número aumentaría considerablemente se se poidesen facilitar as armas necesarias.

Permitome rogar á VªSª, en nome do Concello e veciños desta vila, se sirva acordar o que estime convinte para que dos Depósitos do Estado se subministren a este Concello dez fusís e as correspondentes municións para armar a dita forza, e se fose posible algúns máis, pois debo advertir que o tomarían voluntariamente moitos veciños honrados e ademáis carecen de armas o Alcaide e os dous Gardas do Cárcere, así como os dous Aguacís do Xulgado e outros dous do Concello, e sería moi convinte facilitarlles armas aos primeiros para a custodia dos numerosos presos que hoxe existen, e aos últimos para prestaren o debido auxilio que me reclama o Recadador das contribuciòns".

O Cárcere, que estaba entón no antigo Convento de Agostiños (Mosteiro da Madalena) difícilmente podía ser custodiado se os seus responsables carecían de armas. Mais que dun estado de cousas propio da utopía habería que falar dun Estado movéndose en termos de pura inopia. Unha comarca na que había resistencia ao pagamento de impostos e na que andaban agavelados os carlistas non podía permitirse o luxo de que a capital do Partido estivese sen gardas civís e con servidores da lei enteiramente desarmados.

Non era pequena a responsabilidade que o Alcalde botaba riba del mesmo e algúns voluntariosos, e incautos, veciños, en tempos de inestabilidade.

17 de febreiro: ..."O Concello que presido enterouse con satisfación en sesión do día de onte da proclamaciòn da República pola Asemblea Nacional e acordou polo meu conducto ofrecerlle ao Poder Executivo a súa máis entusiasta felicitación e leal apoio. Rogo á VªSª se sirva transmitirllo así ao Sr. Presidente do dito Poder Executivo, polo medio máis rápido, mediante non existe estación oficial neste pobo, para poder facelo telegráficamente".

Así botou a andar a República en Sárria.

Aínda vivas as manifestacións gozosas pola proclamación da República en 1873, o alcalde Valentin Lois Cabañas tivo que comunicar situacións de perigo derivadas de alzamentos carlistas, para que o Gobernador Civil da provincia de Lugo tomase as determinacións procedentes.

24 de febreiro.- "Segundo me acaban de manifestar ás 8 da mañá de hoxe sairon das devesas de San Xulian da Veiga neste Distrito 18 homes armados, ao parecer carlistas, en dirección ao Furco, Distrito de Láncara, entre os que ían D. Vicenzo Barrigón, desta Vila, D. Manuel López Camba, de Manán e Don Manuel María López, de Goimil. Posteriormente ao manifestado, agregaron que os ditos homes levaron de aluguer a cabalería de Ramón Torres, da Silva de Corvelle, e que entre eles ía tamén D. Evaristo Gayoso, desta Vila. O que me apresuro a participarlle á VªSª sen perxuizo de telegrama que lle remitín nos primeiros momentos, rogándolle se sirva dispoñer o envío a este pobo dalgunha forza armada para as eventualidades que poidan xurdir deste feito, encol do que estou instruindo as oportunas dilixencias, que dan por resultado ata de agora a confirmación de todo o exposto".

25 de febreiro.- "Ampliando á VªSª o contido da miña comunicaciòn de onte debo manifestarlle que a partida carlista cuxa aparición lle participaba dirixiuse a unha casa illada, chamada do Furco, que pertence á pàrroquia de Cedrón, no Distrito de Láncara, e está situada na mesma liña que divide este Concello e o de Tricastela, tendo chegado alì ás doce da mañá, en número de catorce homes armados con fusís e baionetas, dous a cabalo e unha mula na que levaban sete sables e outros obxectos. Na dita casa comeron, segundo relación do mozo que foi cunha bagaxe que tomaron no pobo de Corvelle, deste Distrito, sen que teña podido obter en todo o día de hoxe máis novas do seu posterior paradeiro, como tampouco as teño da direcciòn da Columna que debeu sair na súa persecuciòn, pois ata estas horas, que son as dez da noite, non se presentou neste pobo forza algunha da que vostede cita no telegrama e oficio de onte, nin puiden saber que rumbo tomaron. De ningún outro suceso, digno de menciòn, tiven coñecemento ata este intre, senón é o rumor que corre de que foi cortado o fío telegráfico da parte de Monforte, como así o que comunica este pobo coa Capital. Das dilixencias que instruin resulta probado que a dita partida dá vivas á Relixión, a Carlos Sétimo e á Integridade Nacional e que formaban parte delas os suxeitos que nombraba na miña citada comunicación. Reitero á VªSª a miña súplica que con toda urxencia se facilite algún armamento a este pobo, a fin de evitar unha sorpresa, ben doada sen aquel indispensable elemento de resistencia".

1 de marzo.- "Segundo novas que no día de hoxe recibín, onte presentouse unha partida carlista na parroquia de Santiago de Cedrón, Distrito de Láncara, procedente do Concello de Triacastela, onde parece estiveron instruíndose e reclutando xente nestes últimos días, e ignorando a dirección que dende o citado punto de Cedrón tomaron.

Se a dita partida fose, como se debe presumir, a que se levantou o día 24 do mes anterior neste Distrito, da que oportunamente din á VªSª noticia, é de advertir a coincidencia de que despois de transcorridos seis días desde a súa aparición volva a se presentar tranquilamente case no mesmo punto de partida, sen que fose perseguida por columnas do Exército, de cuxo paradeiro non tiven ata de agora a menor nova. Esta circunstancia, o rumor esparexido de que se presentarán brevemente nesta Vila, e a carencia de toda clas de auxilios para protexer os fondos públicos da Recadación, Administración de Estancados e Depositaría de fondos municipais e carcerarios, cuxos funcionarios me reclaman insistentemente medios protectores, de que carezo, teñen en grande alarma a este pobo."

2 de marzo.- "Non tiven novas da presentaciòn de ningunha partida carlista neste Distrito, no día de hoxe. Ignoro que graos de verdade ten a que acaban de darme de que onte recorria o Distrito de Bóveda un grupo de paisáns armados, nada sei nin nada me participan os Sres. Alcaldes dos Concellos do Partido, en algúns dos que reina algunha axitación".

3 de marzo.- "Ao anoitecer de hoxe chegou a esta vila o Capitán de Murcia D. Antonio Millán coa columna das súas ordes. Propúxenlle ao mesmo organizar aquí un centro de operaciòns, poñéndose en relación directa e diaria cos alcaldes de Triacastela, Láncara, Samos, Rendar, Bóveda, Paradela, Portomarìn e O Páramo, de cuxos puntos dista moi poucas horas, tres como moito, caendo ràpidamenet en calquera deles que se sinta ameazado ou sobre calquera partida rebelde, por conceptuar este medio eficacísimo para pacificar en breve o país.

Atendida a ventaxosa situación que este pobo ocupa, Rogo á VS que achando acertado este pensamento se sirva coadxuvar coa Autoridade superior militar, e cos Sres. Alcaldes dos Distritos citados a que teña doada realizaciòn".

A insurrección carlista parecía reinar no rural, aínda que o detallado coñecemento dos desprazamentos das partidas, leva a concluir que a autoridade establecida contaba coa información directa e puntual que lle facilitaban os veciños das parroquias.

En marzo de 1873 a presencia en Sárria dunha Compañía do Reximento de Murcia, baixo do mando do Capitán don Antonio Millán, trouxo certa tranquilidade aos vilegos e cargos públicos, ao tempo que dificultou as actuacións das partidas carlistas. A partida alzada polos sarriaos Evaristo Gayoso e Vicenzo Barrigón empezou así a ter os días contados.

4 de marzo.- "A columna ás ordes do Sr. Capitán Millán que chegou onte a este pobo saíu na mañá de hoxe en direcciòn a Bóveda, onde o rumor público aseguraba que se celebraría unha reunión carlista. Neste Distrito non ocurriu nada". (Reunión, é de supoñer, á que non sería alleo o Marqués de Villaverde de Limia).

6 de marzo.- "Hai días que corre o grave rumor do que creo é o meu deber facer sabedor á VªSª, por se no seu poder existisen maiores datos ou indicios que podan confirmalo ou desmentilo, Afírmase que Sabariegos está na alta montaña, que ten reclutados moitos mozos do Courel que alí chegan de outros puntos, e que o plan da insurrección carlista é moi vasto nesta Provincia.

Ás catro da tarde de hoxe chegou a esta Vila o xefe da Columna Sr. Millán. Para realizar o plan que insinuei á VªSª dirixironse aos Sres. Alcaldes e Xuices Municipais dos Distritos de Triacastela, Láncara, Samos, Rendar, Paradela, Portomarín, O Páramo e Bóveda oficios como o que acompaño por copia.

Rogando á VªSª se digne pola súa parte prevenilos de que cumpran coa maior exactitude as instruccións que lles comunique o dito Xefe, e que son relativas a que con toda urxencia poñan na súa noticia e por propio urxente a menor novidade que ocurra nos seus respectivos termos, a cuxo efecto convoquen aos Alcaldes de Barrio das súas demarcacións para que verifiquen o propio, como que estas disposiciòns merezan a superior aprobación da VSª e a do Sr. Comandante Militar.

7 de marzo.- Ás 11 e media da mañá de hoxe saíu desta vila a columna do Sr. Millán cara Paradela, en cuxa inmediacións se supoñía se achaba a partida carlista Ostendi, que onte se encamiñou cara o dito punto. Neste Distrito non ocurreu novidade.

9 de marzo.- Onte chegou a este pobo o Capitán Sr. Millán de volta de Castro de Rei, onde non achou á partida Ostendi, nin novas do seu paradeiro, Hoxe saiu para Rubián enviando unha columna de 25 homes cara Paradela, ao encontro da citada partida, que vaga ao meu xuizo polos pobos do Distrito de Bóveda e algúns adxacentes de Rendar, e á vez o Capitán Sánchez que saiu hoxe de Samos en dirección aos pobos de Rubiàn ou Bóveda.

10 de marzo.- No día de hoxe non tiven noticia do paradeiro de ningunha partida carlista. As columnas dos Sres. Millán e Sánchez pernoitaron onte en dous pobos da parroquia de Castro de Rei, Distrito de Paradela, ignorado o rumbo que hoxe tomaron.

17 de marzo.- "Rogo á VªSª que en atención ás circunstancias especiais en que se encontra o país, se sirva facilitar algunhas armas e municións para os voluntarios desta vila".

29 de marzo.- "Segundo me acaba de participar o Sr. Xuiz de 1ª Instancia deste Parttido, ás 10 da mañá de hoxe presentouse no Xulgado Municipal de Rendar o Cabecilla carlista Xosé Ostendi con 18 homes, esixindo os Libros do Rexistro Civil, que non queimaron por achalos en branco, e advertindo se abstivese o seu Encargado de continuar cobrindo partidas e que ao efecto oficiase aos Párrocos para que desen sepultura aos cadáveres sen molestar ao pobo, retirándose ás doce con dirección ao pobo de Foilebar, situado nos límites de Rendar e Samos despois de ter cobrado do Alcalde 37 pesetas e 50 céntimos importe de 50 racións. O dito Sr. Xuiz conferenciou co Sr. Capitán don Antonio Millán, Xefe da Columna destacada neste pobo, que sairá esta mesma noite na dirección indicada.

6 de abril.- "En virtude de parte recibido por un paisán, saiu ás 3 da tarde o Sr. Tenente Coronel da Garda Civil que se achaba nesta vila coa Compañìa do seu mando e 5 cabalos, para o pobo de Toirán, no Distrito de Láncara, onde á 9 da noite sorprendeu á partida carlista composta de 15 individuos, ao mando do cabecilla Xosé Rodríguez, que estaban ceando na casa do Pàrroco, logrando a aprensión de todos e a ocupación de 11 fusís con baioneta e muncións, dous revólveres, 3 alabardas con hasta, algunhas cananas e morrais e un cabalo. O referido cabecilla foi ferido de baioneta nun vacío e dous individuos de bala nos xeonllos na resistencia que intentaron facer. Na madrugada de hoxe regresou a Sárria ilesa a Columna cos prisioneiros e efectos presentando os tres feridos, ao parecer, bastante gravidade”.

Esta operación ,de tan bon suceso, debeu supoñer unha sonada advertencia para todos os carlistas en armas, porque durante meses o alcalde sarriao non se vería obrigadao a remitir partes , ni se aprecian outras incidencias que as protestas que fixo porque a obriga de bagaxes non se correspondía co pagamento dos servizos prestados , causandolles notable perxuizo a aqueles que coa súa persoa, carros ou outros medios tiñan que transportar cara Lugo ou cara Moforte os materiais das columnas militares.

A caída da partida de Xosé Rodríguez foi só un respiro, porque os contrarios á nova orde constitucional, os contrarios á República, axiña voltaron a sementar a discordia.

En 1873 , cando se empezan a dar éxitos militares contra as partidas que se autoproclamaban carlistas, aparecen outros xeitos de alteración da vida cotiá, con sabotaxes , roubos, rapiñas , incendios e labor de zapa verbal contra a orde constituída. O alcalde de Sárria seguía co seu labor de información.

7 de agosto.- “ Á unha da tarde de hoxe na que recibín o telegrama da VSª , transmitino por propio ao Sr. Alcalde de Monforte , e a esta hora, que son as dez da noite, aínda non regresou. Nesta mesma hora recibo do Sr. Comandante Militar do citado pobo de Monforte un parte para o desa Capital , que por non funcionar o Telégrafo envíollo polo mesmo peón que conduce o presente, e dí así: " Parte do Alcalde de Quiroga de hoxe: Os Voluntarios Galaicos sublevados en Trives, queimaron casas, roubando grandes sumas e outros enseres, dirixóndose a Larouco onte pola tarde, crendo que viràn a Quiroga e este punto. Participollo a VªS ª para o seu superior coñecemento como o verificarei coas demáis novas, que encol do particular adquira. Xulgo convinte se sirva rogar á Empresa dona do fio telegráfico que enlaza este pobo con esa Capital, estableza en canto sexa posible o servizo permanente para a transmisión de partes durante os críticos momentos actuais”.

4 de setembro.- “ No día de onte non ocurriu novedade ningunha respecto á orde pública neste Distrito. Äs 11 da noite do mesmo día saíu o Capitán Xefe da Columna destacada nesta Vila don Arturo Ortiz con 56 homes en direcciòn ao Courel, noticioso por un oficio do da Pobra do Brollón , de que o cabecilla Núñez Saavedra reclamara o día 2 duascentas racións a Quiroga para aportar 3 el. Dispuxo que se repregasen aquí os 23 homes da mesma columna quen estaban auxiliando a recadación no Páramo os que acaban de chegar no amencer de hoxe”.

8 de setembro.- “No día de hoxe non tiven noticia algunha de alteración da orde , nin da aparición de partidas insurrectas neste Distrito. No inmediato de Paradela souben despois de enviado o meu parte anterior que na noite do 6 se presentou un grupo de uns 14 ou 16 homes fronte á Casa do Concello, que quixeron violentar, sendo rexeitados , e aínda perseguidos polo secretario do mesmo, e varios veciños que acodiron ao ruido dos disparos no seu auxilio.Ignórase a dirección que tomaron , e se eran carlistas ou malfeitores”.

30 de setembro.- “ Na tarde de onte foi detido en San Miguel de Monseiro , Distrito de Láncara, por don Xoán Vales, veciño desta Vila, e posto na mañá de hoxe ao meu dispor, Vicenzo Díaz López, quen segundo a súa propia confesión estaba alistado e formaba parte da partida carlista mandada por don Manuel Núñez Saavedra. E considerando que o feito de formar parte dunha partida carlista levantada en armas contra o Goberno constitucional constitúe un delicto, de cuxo coñecemento toca coñecer á autoridade militar, acordei pase ao Cárcere o referido López, en clas de detido sen perxuizo de que sexa conducido e entregado ao Sr Comandante militar coas dilixencias que instruin tan axiña como veña a Sárria forza que del se poda facer cargo”.

9 de novembro.- “ A reconcentración do posto da Garda Civil está sendo causa de que aumente extraordinariamente a criminalidade neste Partido: Nun curto período de tempo ocorreu o intento de roubo na Casa Concello de Paradela, o roubo de Pedro González de Acevedo, o da Igrexa de Samos, o da de Noceda, a morte procedida de roubo da Casa de Xoán López de Touville, o incendio de varias casa en Noceda, aparte doutros varios delictos, que teñen amedoñadas ás persoas honradas, e recoñecen indudablemente por causa a feble persecución da xente adicada ao crime , desde que a dita forza se alonxou deste Posto, no que prestaban indudables servizos á seguridade pública.
E non podendo resistir ao constante clamor de infindade de persoas de todas as condicións, non podo menos de transmitilo á VªSª rogándolle se digne atendelo se fose compatible co mellor servizo pùblico, enviando a este Partido a forza da Garda Civil para adicarse por algún tempo á persecución de malfeitores”.
( Coñecemos así como neses meses se produciu o roubo da Igrexa de Samos, no que cecais os ladróns levarían a célebre Cruz de Samos ).

15 de novembro.- “Ao Sr. Xuiz deste Partido dÍgolle nesta data o seguinte: “ En virtude da conferencia que no día de onte tiven coa VªSª dispuxen que os dependentes desta Alcaldía Don Pedro Pérez Peñamaría, Don Francisco Saco e don Manuel María Rodríguez, acompañasen e auxiliasen aos deste Xulgado, a fin de realizar a captura de Pedro Tallos, veciño de Noceda , reo do delicto de incendio. Unha vez no dito punto na noite do mesmo día de onte e adquiridos os informes convintes, souberon que o Tallos estaba na casa de Francisca Arias, a súa manceba, veciña de San Pedro da Cubela, e rodeado o seu tobo co auxilio de algúns paisáns máis, coñecedores do terreo, e tomadas as precaucións necesarias, antes do amencer , pois o Tallos infundira o pánico no país, a súa ousadía e a forza material, por atribuírselle o incendio de varias casas, roubos, acompañados de crimes, e provisto de algunhas armas de fogo que a prevención se lles facilitaran , por ser público que aquel usaba frecuentemente un trabuco, chegou a percibirse do cerco que lle formaran , e intentou sair ao comezar a romper o albor, con ademán hostil e disposto a abrirse paso a viva forza...

(E así na mañá do15 de novembro de 1873 os alguacís do Xulgado de Sárria, tres funcionarios do Concello de Sárria e veciños da zona de Noceda tiñan cercado en San Pedro da Cubela, na casa de Francisca Arias, ao perigoso malfeitor Pedro Tallos, de cuxa captura dera orde o Xuiz de Sárria).

...” E disposto o Tallos a se abrir paso á viva forza, lanzándose pola porta traseira da casa cara o Porteiro deste Concello, don Francisco Saco e Xoán Otero de Noceda, que a custodiaban, desobedecida a voz de “alto” que estes lle repetiron, xulgaron en virtude das ameazas de morte que prodigara, e dun bulto que levaba baixo da capa que figuraba un trabuco, pois a luz difusa da amañecida non permitía distinguir claramente os obxectos, que o seu propósito non era outro que o de facer desaparecer aos guardadores de aquel punto, por medio dunha descarga da citada arma, que como vai dito soía traer con el.

En tan inminente risco de perderen a súa vida propia e de fuga do criminal, o Otero fixolle un disparo coa escopeta que levaba quedando case instantáneamente morto. O que crin convinte participarlle a VS para os efectos procedentes.Ao elevar ao superior coñecemento da VªSª este suceso, que foi motivo de satisfaccion para todos, e outros que tiñan selo, a causa das súas terribles, e rara vez vás ameazas, non poido menos de encarecer á VªSª a urxencia co a que o servizo público reclama a presenza da Garda Civil deste posto, a fin de extinguir ou refrenar ,ao menos no posible, cunha eficaz persecución a ousadía dos criminais”.

18 de novembro.-..” Onte presentáronse á miña autoridade os seis individuos da Garda Civil ao mando do Cabo 1º don Anxo Mourenza Lence destinados á persecución de criminais neste Partido, cuxa forza prestou xa hoxe un importante servizo ao prender dous capataces do ferrocarril que promovían frecuentemente liortas e recorrían polas noites este pobo e os inmediatos disparando armas de fogo e alarmando aos veciños”.

19 de novembro.- “ Ademáis dos dous Capataces do ferrocarril detidos no día de onte, verifiquei no de hoxe a de Antonio Neira, @ " Negrito" e outros dous individuos que , procedentes segundo noticias da disolta partida carlista Ostendi, adìcanse á rapiña nas feiras e outros puntos deste país”.

20 de novembro.- Noticioso de que á feira que se celebrou hoxe nesta Vila ían concorrer varios suxeitos de dubidosos antecedentes, procedentes das disoltas partidas carlistas de Núñez Saavedra e Ostendi, co propósito de se adicaren á rapiña e soliviantar os ánimos, tomei dacordo co Cabo da Garda Civil don Anxo Mourenza, cuxo celo e actividade debo eloxiar, as medidas convintes para lograr a súa captura e evitar a multitude de roubos que tiveron lugar nas anteriores, tendo conseguido a dun tal Zacarías de Santiago, da conduta de quen teño moi desfavorable informe, e do que de pública voz se dí foi compañeiro do suxeito coñecido co nome de Ximeno, detido nesa cidade hai uns seis meses, como axitador sentido carlista, sendo esta detención e a dos suxeitos dos que din coñecemento á VªSª no día de onte, causa de que non ocorrese ningún roubo nin desorde algún no día de hoxe,a pesares do extraordinario xentío que se reuniu con motivo da expresada feira”.

21 de novembro.- “Desde o envío do oficio que por un propio lle remitín á VªSª no día de hoxe, non ocurriu novidade neste Distrito, nin tiven novas encol da faución carlista aparecida no de Rendar.

Coa fin de evitar que vaian a facer medrar o seu número ou contribúan a axitar o país naquel senso, porei ao seu dispor os catro suxeitos presos nesta Vila no día de onte e antonte, dos que dei coñecemento á VªSª para que se sirva resolver encol do seu ulterior destino. O que estimo máis convinte á tranquilidade pùblica por cuxa conservaciòn farei os meirandes esforzos, procurando limpar o país de xente suspecta co auxilio dos seis gardas que vostede se dignou enviar ao meu dispor. E e mercede ao que non permitirei tampouco sofra alteración algunha a orde neste Distrito”.

22 de novembro.- “ Ningunha nova tiven no día de hoxe sobre a aparición de partidas carlistas, nin do paradeiro da que se presentou en Rendar o 20 do corrente.”

26 de novembro.- “ Teño a honra de enviar á superior disposiciòn da VªSª custodiados por forza da Garda Civil aos detidos Antonio Neyra @ " Negrito" , Estevo Rodríguez Cortés, Manuel López Matías e Zacarías Santiago, de cuxa detención din coñecemento á Vª Sª en oficios de 19 e 20 do corrente coas dilixmncias instruìdas ao efecto.

27 de novembro.- “Tendo precisión de sair no día de mañá a Garda Civil custodiando caudais da Administracón de Rendas desta Vila, con cuxa ocasión verificarán a condución dos catro detidos a que me refería na miña comunicación de onte, sirvase suspender o envío da forza que na mesma lle reclamaba para recoller estes en Lamapolleira”.

O alcalde de Sárria , por elección popular, a partir de 24 de agosto de 1873 foi Laureano Álvarez Pereira , un procurador procedente do Carballiño, que presidía unha corporación formada por Xoán Carreira, Modesto Losada, Valentín Lois, Antonio Grandas, Antonio Peña Villamarín, Euxenio Neira Solance, André de Castro, Xulián Rodríguez López, Gabriel Díaz Souto, Manuel Piñeiro, Xoán López, Xosé Somoza e Antonio Vázquez Macía.

Os problemas derivados das partidas carlistas e das gavelas de ladróns e alborotadores eran o problema primordial e así aparecen reflectidos varios incidentes nos partes diarios remesados ao Gobernador Civil da Provincia.

27 de novembro.- “ Tendo acordado o envío ao dispor da autoridade da VªSª dos detidos Antonio Neyra @" Negrito " , Estevo Rodríguez Cortés, Manuel López Matías e Zacarías de Santiago , de cuxa detención din coñecemento á VªSª en oficios de 19 e 20 do mes que segue, achándose ocupada en perentorias atencións do servizo a Garda Civil aquí existente, rogo á VªSª se digne dispoñer que a parella ou as que conceptúe necesarias desa forza saia a Lamapolleira para conducilos a esa Cidade, ata cuxo punto dispoñerei sexan convintemente custodiados o día que sinale e do que terá a ben darme oportuna e previamente conta”.

1 de decembro.- “Remito á VªSª alistamento dos varóns que neste Distrito están obrigados ao servizo da Milicia Nacional... debendo advertirlle que non acompaño o dos voluntarios porque non se presentou ningún”...

¡O patriotismo non chegaba a tanto, que aquí voluntarios, no dicir popular, ...nin para xantar !.

5 de decembro.- “Segue reinando completa tranquilidade neste Distrito respecto á orde pública. Particípollo a VªSª para o seu superior coñecemento ¡ Saúde e República ¡”.

15 de decembro.- “ Xesús Barrosa Varela e Cerviño, oriundo de Castro, parroquia do Couso, Distrito de Campo na provincia de Pontevedra, capataz das obras do Ferrocarril en construción e hoxe sen modo de vivir coñecido, é frecuentemente causa de alteracións da orde pública promovendo rifas, nas tabernas, insultando persoas e disparando armas de fogo pola noite. Reprendido e aínda castigado por esta Alcaldía volveu a reincidir nas mesmas faltas , entregándose ademais moitas veces á borracheira. Nesta atención, e xulgando perigoso ao sosego público a súa permanencia neste país, no que non ten bens , industria , oficio nin ocupación, acordei proceder á súa detención e envialo ao dispor da VªSª , como o verifico, á fin de que se o ten a ben se digne mandar sexa remitido ao pobo da súa natureza”.

16 de decembro.- “ En cumprimento do atento oficio da VªSª data de onte, prestarei ao Sr. Alcalde de Samos o auxilio da Garda Civil para a cobranza do imposto municipal, mais débolle facer presente á Vª Sª que ao abrigo da indicada forza comezou a recadación do primeiro prazo do anticipo, e propóñense realizaren a do 2º trimestre das Contribucións territoriais e industrial co Axente cobrador deste Distrito, polo que sería convinte se cubrise aquel servizo de maneira que non fose desatendido o importante que se acha hoxe desempeñando a dita forza”.

24 de decembro.- “ No día de hoxe procedin á detención de Gregorio Cillemelo Arranz e Pedro Peláez N., licenciados segundo aseguraron do presidio de Burgos, por consecuencia de causas que se formaron ao primeiro sobre roubo e ao segundo por estafa , en vista de varias contradicións en que incurriron no acto de seren explorados , o por infundiren sospeitas de que se adican ao roubo, pois non teñen ningún oficio nin ocupación coñecidos”.

25 de decembro.- Como participei á Vª Sª no día de onte detiven nesta vila aos suxeitos que din chamarense Gregorio Cillermelo Arránz natural de Roa, provincia de Burgos, e Pedro Peláez , de Oubiaño, Xulgado da Fonsagrada, que poño ao dispor da VªSª coas cédulas adxuntas. Tendo acordado esta medida a causa das sospeitas que fai revelar a circunstancia de pedir a súa residencia para este pobo no que non teñen bens, parentes nin ocupación, nin probabilidade de obtela, a de careceren de toda clas de recurso, a pesares de que manifestaran ou finxían seren tratantes en mulas, e as varias contradicións nas que incurriron ao contestaren ás varias preguntas que se lles fixeron.

Xulgando seren perigosos ao sosego público do país,a permanencia no mesmo duns suxeitos que aparte dos seus malos antecedentes, como licenciados de presidio, carecen de medios de subsistencia nel para procuralos.”

27 de decembro.- Ao recibir o oficio da VªSª dispoñendo fixese entrega ao Xulgado dos suxeitos Gegorio Cillermelo e Pedro Peláez, xa sairan custodiados por forza da Garda Civil, para que fosen postos ao dispor da autoridade superior da VªSª, xulgándose esta medida máis eficaz nos casos análogos que sucesivamente ocurran, se se ha librar ao país de elementos perturbadores , dado que os Xulgados só penan delictos positivos e probados, e a autoridade administrativa debe prever circunstancias como as actuais , a súa perpetración, alonxando a aqueles e desbaratando os seus plans, antes que consigan concertarense e poñelos en execución...

O principio da libre circulaciòn xa crebaba diante da “teoría preventiva”: O 27 de decembro de 1873 o alcalde Laureano Álvarez Pereira trataba de xustificar a detención preventiva de dous licenciados do presidio de Burgos, e xustificaba a súa remisión ao dispor do Gobernador Civil na evitación de males maiores....” cuxo propósito ven a dar forza o senso da Circular do Ministerio das Gobernación de 20 do corrente ao sinalar que non se tería realizado o feito de os perturbadores recorreren a Península, sen outro obxecto ca o de axitar as paixòns, a interpretarse acertadamente os desexos do Goberno cuxo afianzamento e consolidación é o meu único intento ao deter e por ao dispor da VªSª as persoas que se non se lles pode acreditar a comisión de ningún delito común, nin por tanto seren entregadas con éxito aos Tribunais Ordinarios, deben ser desterrados dos pobos, cando carecen de todo tráfego e ocupación e non dan razón suficiente que xustifique en algunha maneira a súa permanencia neles. Pois a máis favorable interperetación que pode facerse do seu proceder, é que intentan perturbar o acougo úblico, ou atentarern contra as persoas ou os bens dos seus moradores”.

Por outras comunicacións dos Alcaldes, referidas a quintas e outros a informacións varias, podemos coñecer a actividade dos Concellos republicáns, atentos a mellorar as condicións de vida dos veciños.

O 3 de xaneiro de 1873 comunica que non hai ningún voluntario sarriao servindo no Exèrcito.

E en 18 de maio indica que Ramón Loureiro Pardo, de San Pedro de Seteventos, embarcara como voluntario para o Exército Expedicionario de Cuba en 1869, saindo do porto de Cádiz.

Como o Xulgado estaba moi mal instalado o alcalde en 27 de maio de 1874 pretende que se habilitase mellor local: “ O Xulgado desta Vila está establecido nunha Casa particular, e o aluguer é satisfeito por conta do presuposto Carcerario do Partido, e non ten dispoñible máis ca unha soa Sala, que pola súa capacidade non é susceptible de conter as pezas que se esixen para a reunión do Xurado.Está o Ex-Convento de Agostiños distante 200 metros do pobo, e nel existe un local no que pode habilitarse o necesario para o dito obxecto, coa favorable circunstancia de que no mesmo edficio está situado o Cárcere. Este Concello carece na actualidade de recursos cos que atender os gastos aínda non escasos que esta reforma orixina. Na Depositaría de Fondos Carcerarios hai, realizando os seus cretos sobrantes, que deben ser suficientes para levala a cabo . Se as VSS se dignan facultarme para iso, propoñérei á Xunta de Partido vote a cantidade precisa para executar as obras convintes , único xeito de obter o fin que se pretende na súa atenta comunicación de 21 do actual, pois no breve período que na mesma se sinala non é posible arbitrar os recursos necesarios, se non se utiliza o medio que propoño e que agardo mereza a superior aprobación de VªSª a quen rogo se sirva participarme con urxencia a resolución que dicte encol do particular”.

8 de xullo.- “ Coa fin de dispoñer o convinte para a habilitación dun local para o Xurado, reunin o 5 de xuño último a Xunta de Representantes do Partido. E acordou consignar no presuposto adicional do Cárcere do último exercizo votado na mesma data a suma de 2.250 pesetas, co obxecto de reparar o salón abacial e habitacións contiguas ,do Convento desta Vila. Cando ían a adoptarse as medidas convintes para a pronta inversión da dita cantidade , fíxose saber a esta Alcaldía unha orde da Administración Económica da Provincia , dispoñendo a incautación polo Estado do dito edificio. Reclamouse contra ela e tan axiña como se remova esta dificultade procederase con actividade á habilitación do dito local por conta daquelas sumas “.

(Coñecemos así o primeiro paso dado para facer que o Mosteiro da Madalena pasase á ser propiedade do Estado )

9 de xullo.- “ Cos dous cristais de vacina que esa comunicación me remitiu en 1 de xuño último, foron vacinados 12 nenos e ningún adulto, non podéndose propagar aquela a maior número, porque só se extendeu vacina ou virus nunha cuarta parte dos inoculados e aínda nestes moi lenta e feblemente”.

18 de agosto.-“ Na noite de antonte foi preciso deter un carro con catro cabalerías de Xosé Álvarez de Monforte, para conducir a esa Cidade 10 caixóns de municións, equipaxe, armamentos e soldados enfermos da Columna do Sr. Coronel do Reximento Infantería de Murcia, don Xulián García, previamente axustado en 124 pesetas, que non quixo pagar o contratista de bagaxes da provincia ao expresado Xose Álvarez”.

O ofrecemento de instalaciòn do Xulgado no Ex Convento de Agostiños non prosperou, e 23 anos máis adiante despois de ser cedida ao Bispado de Lugo acabou acollendo á Orde Mercedaria.

Se en 1873 o Xulgado tivese ocupado as dependencias priorais de seguro que, como ocurriu en Celanova, o vello mosteiro ademáis do Xulgado e o Cárcere acabaría sendo a sede de outras institucións de carácter público, e se tería perdido definitivamente a vinculación relixiosa do máis representativo dos edificios da vila.

Sen dúbida ningunha o anoi 1873 foi moi intenso e o activo alcalde sarriao non tivo moito tempo de descanso na defensa dos intereses do Concello e na súa preocupación pola seguridade da vila.
López Arias, Xaime López (Arlindo)
López Arias, Xaime López (Arlindo)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES