Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Agora o que se leva é 'agora mesmo'

martes, 29 de marzo de 2022
Dende hai un tempo empecei a ver, sobresaltado, que alí onde en moi diversos medios de información esperaba ler simplemente "agora" se di e de maneira habitual "agora mesmo", sexa isto en galego -a miña normal lingua de uso tanto oral como escrito- ou en castelán ("ahora mismo").

Remexín xa que logo algo no doutor Google por se nel puidera atopar algunha explicación desta para min sorprendente novidade (bastante estendida sobre todo en xornais e medios semellantes), mais non fun quen de dar con ela. Supoño naturalmente que se trata dalgún máis deses tics lingüísticos que voan dun sitio ou dun país a outro, asentándose así inocentemente en linguas ou falas que paseniñamente van contaminando.

Empezo por dicir que alomenos para min (e supoño que tamén para outros) non é o mesmo dicir "agora" que "agora mesmo". Con esta última expresión estaría a referirme a un "agora" restrinxido, algo así como se dixera "neste preciso momento" ou algo equivalente. Por exemplo: "a este rapaz caeulle agora mesmo unha pedra na cabeza"... Mais non. Os teimudos usuarios do "agora mesmo" semellan non ser quen de dicir só e simplemente "agora" sen se sentiren en calquera circunstancia impelidos a lle engadir axiña o consabido e impropio comodín. Polo visto, só así se senten felices e perfectos nas súas crónicas, comentarios ou dicires.

Coido que o normal debería ser o simple uso do "agora" sen máis engadidos, mentres que o "agora mesmo" só sería xustificado no caso de se facer explícita referencia a un limitado e preciso tempo ("agora mesmo") daquilo do que se está a falar. Por algo o dicionario da RAG indica explicitamente que a expresión "agora mesmo" vén significar "neste preciso instante", restrinxindo xustamente deste xeito o normal e suficiente uso do "agora" a ese preciso "instante".

Quero indicar neste contexto que así como as linguas foron xurdindo e se formaron en concretas e determinadas épocas, así tamén os usuarios das mesmas teñen (temos) o dereito e a obriga de coidarmos o seu correcto uso, para non convertérmonos de feito en cómplices da súa minoración ou incluso desaparición debido a alleos intereses. As linguas son sempre nenas cativas ó noso coidado. Se as deixamos de levar agarimosamente no colo perecerán sen remedio ante as barbaries imperiais daqueles que desde sempre nos queren impoñer, dunha ou doutra forma, a súa lingua.

Porén, quero aludir finalmente -aínda que isto poida resultar sospeita excesiva- a que o mencionado uso ascendente do "agora mesmo" non sexa máis ca un sintomático reflexo da incapacidade das tecnificadas sociedades modernas para se desvincularen das actualidades concretas (dos "agora mesmo") para se enfrontaren con visións de máis amplo alcance.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES