Mortos motorizados
Xiz, Xulio - lunes, 22 de septiembre de 2008
Hai toda unha tradición de facer dos enterros unha celebración comunitaria, colectiva, na que os familiares ou amigos rivalizan por levar a caixa mortuoria como demostración de vencello e simpatía co morto e a súa familia.
Poucas veces teño sido levador, pero as veces que o fixen quedoume como unha satisfacción colectiva por prestar o meu esforzo a unha común tarefa de honrar a alguén que nos deixaba para sempre.
Os novos tempos motorizados, os tanatorios, o distanciamento das costumbres seculares foron facendo os enterros máis distantes, máis profesionais, e os que levan as Caixas dos defuntos so teñen que trasladalas da cela tanatorial ó coche fúnebre, e desde este -na porta ou no interior do cemiterio- ata o correspondente nicho. E cada vez son menos os lugares nos que se manteñen as vellas costumes, mesmo no rural no que os coches fan o recorrido ata a mesma porta do camposanto que normalmente son recintos pequenos que non permiten a entrada de vehículos.
E nesto que en Quiroga xorde o problema de que o cura párroco prohibe as comitivas dos enterros polas rúas do pobo, para evitar atascos de tráfico.
Se o Alcalde quirogués tomase algunha decisión sobre o tema sería comprensible que a fin de contas é ó concello a quen compete que as rúas estean ó dispor da colectividade, pero que sexa o párroco o que entre en tan mundana materia parece ser extralimitación de competencias que deberan rematar no adro da igrexa cando se refiren a ocupación de terreo público.
O resultado parece claro... os enterros seguen sendo a pé, polas rúas, e o crego non os acompaña. Irá en coche.
Co traballo e as responsabilidades que teñen os cregos, abondo lles debera ser atender as cousas da alma e do corpo, da persoa en conxunto. Pero os temas de orde pública, de comitivas polas rúas, e problemas de tráfico deben quedar nas mans das autoridades municipais, que para eso están. Amén.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora