Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Novembro negro en Sárria (1870)

miércoles, 30 de marzo de 2022
O mes de novembro de 1870 non foi un bon mes para Sárria, e máis en concreto para a paroquia de Betote.

Os cidadáns negábanse a pagar os impostos e había un ruxe-ruxe de insurrección que propiciou que, por petición do alcalde, o día 3 chegase á vila unha Compañía do Reximento de Murcia para axudar ao cobramento do imposto municipal e provincial, que querían comezase o día 7 e rematase o 11, e pasado ese prazo anunciaban que se irìa con rigor contra dos morosos.

O día 12 o alcalde comunicoulle ao Gobernador Civil: "...Dando principio no día de hoxe, por ter expirado no de onte o prazo para o pagamento do Imposto provincial e municipal e atrasos do tesouro, ao apremio de primeiro grao, na parroquia de San Vicenzo de Betote, creo deber participar a VªSª que naquel acto houbo por parte dos seus veciños conato de atentado contra o Executor o que foi causa de non poder levar adiante o seu cometido... Debo comunicarlle que o Xefe da Compañía de Murcia que está de guarnición nesta, manifestoume que non ten orde de saír fora da vila a prestar os auxilios que poideran ser necesarios...".

O día 13 remite novo comunicado: "En vista da resistencia oposta no día de onte polos veciños da parroquia de San Vicenzo de Betote, e despois de remitir ao Xulgado unha certificación do actuado e sucedido a fin de que instruira o procedimento correspondente, dispuxen que o Executor volvese na madrugada do día de hoxe para realizar as dilixencias indicadas, acompañado do Sr. Tenente da Garda Civil cos dez individuos do mesmo corpo destacados nesta vila e de 25 homes da Compañìa de Murcia, quedando o resto desta forza sobre as armas e apostados en forma convinte para atenderen ás continxencias que ocurriran.

Constituidos no dito punto, reproducíronse algúns dos excesos cometidos no día de onte, que dominou con sumo acerto e enerxía o citado Xefe da Garda Civil, traendo detido a un dos alborotadores, que foi entregado instantáneamente ao Xulgado, de cuxa pronta exemplaridade e celo depende que aqueles non se reproduzan, pois un dos máis tenaces na oposición ao pagamento da dita parroquia realizouno no día de hoxe, no que tamén o executaron algúns veciños doutras colindantes, mais creo que a xeralidade teña feito deixación da súa resistencia.... debendo advertir que as dilixencias de conminación para o apremio de primeiro grao leváronse a cabo hoxe na dita parroquia e que continuará con outra no día de mañá, non podendo omitir tampouco que todos os Xefes e individuos da forza existentes neste pobo secundaron con acerto as miñas disposicións".

O día 14 as cousas non resultaron como alcalde pensaba, e así tivo necesidade de mandar unha urxente mensaxe que dicía: "...Na mañá do día de hoxe houbo necesidade de romper fogo contra grupos de paisanos armados, resultando un morto, tres feridos e moitos presos.

A orde está restablecida e o Xulgado queda funcionando coa voz de que se concertan para vir armados a soltaren aos presos pola noite, e aínda que confio na decisión dos Xefes da forza aquí existente, xulgo moi conforme co parecer de autorizadas persoas que a Vª Sª se digne enviar polo momento algún reforzo".

E xa pola tarde envía polo correo unha ampliación do informe, relatando o drama xurdido:

"...Na mañá de hoxe non poido dirixirse o Executor de apremio a ningunha parroquia, en atención a que houbo necesidade de enviar parte da forza existente neste pobo para o arresto de catro veciños da parroquia de Betote complicados nos sucesos últimos, decretado polo Xulgado. Aínda ben non sairan deste pobo recibín aviso de que naquel punto se reunirían para facer resistencia os veciños de 24 parroquias.

No acto din coñecemento desta nova ao Comandante da forza que quedou na vila para que preparase esta a todo evento. En breve termo regresou a que saira cara Betote traendo dous dos catro presos e 33 paisáns máis que se presentaron, a maior parte armados con forquitos, fouces e paus co intento de faceren resistencia, aos que puxen no intre ao dispor do Xulgado.

A esta hora, que serían as 10 da mañá, descendían do lado de dito Betote, numerosos grupos de paisáns con armas brancas e algunhas de fogo. Ao se achegaren a esta vila dispuxen a formaciòn dun bando, prevendo a súa dispersión no termo de 19 minutos, so pena de realizalo pola forza armada, e que foi lido en alta voz e na súa presenza. Lonxe de cumpriren as súas disposicións, deron en dar berros, dicindo que "non obedecìan nin respectaban á autoridade nin ao Goberno, que non pagaban a contribución sen un Decreto Real, e que incendiaríìan a Sárria", se non poñían en liberdade aos presos...".

Así estaban as cousas ás 10 da mañá do día 14 de novembro de 1870. Feita anacos a paz social, levantados en armas os homes de cando menos 24 parroquias, dunha banda a Garda Civil e os militares da Compañía de Murcia e doutra centos de alporizados labregos que se negaban a pagar impostos e atrasos que consideraban abusivos.

Na memoria actual nada queda daquela tráxica xornada. Certo é que a paz social sempre pode verse rompida por calquera inopinada situación, mais o certo é, naqueles anos de desgoberno, que pasou o que tiña que pasar, e iso era algo que se viña anunciando.

O 14 de novembro de 1870 foi un dos días negros na historia de Sárria c, ando levantados en armas os veciños do Distrito fixeron presente a súa negativa a pagaren os impostos provincial e municipal que, por vía de apremio, se lles viñan esixindo.

Era Alcalde 1º don Xosé Macía de Neira e Alcalde 2º don Anxo Fernández Gallego, que presidían un Concello Popular formado por Antonio Somoza, Manuel de la Vega, Antonio Macìa de Neira, Antonio López Valcarce, Antonio Buján, Fructuoso Rodríguez, Xoán Sarry, Antonio Peña, Xosé López Vázquez, Xosé Lois Rivas, Xoán Antonio Ulloa e Ramón Moreira.

Na parroquia de Betote, sobre as 10 da máñan do 14 de novembro, encontráronse fronte a fronte a Garda Civil e a Compañía do Reximento de Murcia que subían a costa e varios centos de paisáns do Distrito que querían entrar en Sárria a libertar os presos detidos no Cárcere.

Os labregos daban voces de "adiante" e berraban ameazas ao tempo que trataban de provocar á forza, aos que chamaban "covardes", ata que, de súpeto, se escoitou un disparo de arma.

Informou o alcalde: "Acometida así a forza por máis de 300 homes, os Xefes da tropa dispuxeron romper fogo contra os sediciosos, conseguindo dispersalos en breve tempo e deixando no campo un morto e tres feridos, dous de gravidade, e moitas fouces e paus, presumíndose que entre os fuxidos ían tamén 10 ou 12 feridos, sendo tamén presos 30 destes, que entreguei no Xulgado, que se constituiu no punto a levantar o morto e aos feridos, sen que se advertise outra novidade que poñer no superior coñecemento da VªSª, permitindome recomendarlle eficazmente ao Capitán de Murcia e Tenente da Garda Civil destacados nesta vila, que secundaron con tino e enerxía á vez as miñas disposicións, tendo advertido tamén unha decisiòn suma no momento do perigo por parte dos individuos, que están ás miñas inmediatas ordes".

O día 5 de decembro o alcalde dirixiulle un escrito a don Rafael Núñez Barreyra, Delegado do Goberno Civil en Sárria, na que lle dicía: "...Ao rematar a misión que por delegaciòn e orde do Sr. Gobernador Civil da provincia lle foi a Vde. encomendada, cumpre ao meu deber expresarlle a miña gratitude polo tino e acerto con que eficazmente auxiliou á miña autoridade para evitar a reproduciòn dos desordes que ocurriron en 14 do último mes de novembro, e levar a feliz termo a recadaciòn do Imposto provincial e municipal e débitos en favor do Tesouro, a cuxo pagamento viña opoñendo o Distrito en masa unha forte resistencia, núcleo e fundamento dos demáis Concellos limítrofes, que a discreción e a enérxica actitude de Vde. axudou a vencer, normalizando así en parte a situación económica deste Concello, cuxas caixas estaban esgotadas e sen recursos hai un ano, e prestando ao Partido, á Provincia, ao Estado e aos mesmos contribuintes un servizo eminente, cuxa importancia e trascendencia saberán apreciar cantos tivesen noción exacta dos obstáculos que se opoñían á consecución dun resultado tan difícil como satisfactorio".

Causada a desgracia e aflición en numerosas familias, en 9 de febreiro de 1871 o Concello, acordou dar unha axuda económica para a atención dos feridos nos incidentes de Betote.

Como a situación económica era pésima, e non había recursos, o 18 de maio o Concello tomou coñecemento de que se encontraba na vila o Batallòn de Cazadores de Mendigorría, acompañado ao Delegado do Goberno, don Ambrosio Collazo, para vencer así a resistencia ao pagamento dos impostos municipal e provincial, xa que o Concello estimaba imposible a cobranza do cuarto trimestre. Repetíase así a situación de outubro do 1870.

O medo a respostas expeditivas movería aos contribuintes a levar a resistencia por outras canles diferentes ás das protestas e alzamentos, xa que o resultado do 14 de novembro de 1870 debeu servirlles de duro escarmento.

En todo este asunto chama a atención a dureza na represión, cando por máis que se tratase de 300 labregos alporizados a resposta da forza armada parece, en principio, excesiva, e nas comunicacións da primeira autoridade local non se ve nin xiquer unha amostra de pesar ou de autocrítica, do que se pode concluir que as chamadas "xentes de orde" (rendistas e fidalgos da vila) non deberon ver con malos ollos o desenlace do alzamento popular.

Como a historia local é sempre a grande descoñecida serán moitos os sarriaos que amosen extrañeza por uns feitos de represión e loito para eles descoñecidos, pois sempre se coida que estes feitos non poden ser posibles nunhas comunidades pequenas e calmas.

E non é así. As loitas sociais e a situación propia das comunidades locais trouxeron sempre horas de loito e morte, horas das que vimos e das que non podemos escapar. E que se esquecen á volta de dúas xerazóns.

De seguro que de aquel "alzamento popular" ocorrido en Betote tiraron ensinanzas os sarriaos de 1870.

Os labregos de Sárria non só se ergueron na defensa dos seus intereses na lonxana Revolta dos Irmandiños. E sairon perdedores nas dúas ocasións.
López Arias, Xaime López (Arlindo)
López Arias, Xaime López (Arlindo)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES