Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sabucedo. En palabras

jueves, 24 de marzo de 2022
En Sabucedo. Alí onde ó seu tempo nos buscan as bestas montesías. Elas que no sangue levan trotaren a paso lixeiro sobre picos e valgadas do Montouto, a montaña que nos acubilla como nai ancestral. Elas sempre en innata retesía co vento que lles vén dese mar creador de aventuras impensadas. Nesas alturas ceibes degustaron elas nun día primordial a liberdade, decidindo para sempre defendela.

Foi así como, por medio delas, nas súas cíclicas visitas anuais a Sabucedo, o seu ímpeto vital pasou a nós. Elas xunto con nós fixémonos así festeiros comunais. E seguímolo a ser.

É verdade que somos menos (elas e mais nós), con soños porén e a teima de seguirmos, de vivirmos e de estarmos sempre aí. Pra erguérmonos nas lúcidas mañás e ollarmos o abrente que se desprega dilixente e con folgura polo val desde o alto do pai Curuto, alí onde medra o toxo manso e debulla o seu canto vertical a laverca namorada. Xusto á súa beira naceu un bo día Sabucedo, lugar onde polo seu étimo en tempos idos seguramente abondarían tenros e bieitos sabugueiros de branca flor.

Ben arriba aínda, nas leiras do Ermo ou do Carbón medraron nun tempo o millo miúdo, o restrebo e outras delicias gorentosas pra cazapos, paspallás ou tamén fuxidíos perdigóns. Prós piriños tamén da galiña branca e familiar e mais prá rula daquela gaiola grande que na eira construímos pouco a pouco de rapaces con táboas de refugallo e ampla dianteira de arames ben tecidos.

Recendos de mimosas amarelas chéganme agora á lembranza morriñenta dende a agreste Xesteira do Cura, veciña ó curro antigo que asenta á beira mesmo da fonte, a Portousía, a das augas xenerosas que sanean corpo e alma. Pra beber a frescura de augas virxes e facelo a fondo non hai fonte coma ela: pétreo picho, obra de destros e descoñecidos canteiros, sabios falantes do verbo dos arxinas.

Con ela compiten na aldea montesía outras fontes en rúas ou camiños de andar a pé, mestras elas de agachadas claridades, de misterios e de entrega dadivosa. En eidos, valgadas ou carballeiras. Unhas próximas e outras na contorna. Galanos dunha terra namorada da chuvia mansa que vén de arriba e tamén das augas vivas que habitan en fonduras impolutas. Carrexeinas, de rapaz co caldeiro de latón dunha fonte próxima á casa familiar: a fonte do Recanto. Auga multiúsos, ouro líquido pra tantas cousas e tarefas naquela casa feita con pedra firme de canteira de montaña, aquela que tantos soños acubillou na nenez e na idade adulta. Fogar firme, asentado xunto a outros na baixada do Recanto, defendidos e pastoreados todos eles pola señorial envergadura do vello e baril carballo das Moreiras. Árbore mestre e doutor en vidas longas e en segredos agachados, sostido e aureolado, el enteiro, polo clamoroso respecto comunal.

Fontes todas silandeiras, que dan vida logo e movemento a regueiros cantareiros (o de Bouzas, o de Marín e outros humildosos, innominados), que achegan as súas augas á creación conxunta do gran milagre de prata das troitas fuxidías, pequenas irmás da axilidade innata daquelas outras criaturas, as bestas ceibes fillas do vento que habitan nas alturas da montaña. En veráns inesquecíbeis foron elas nun tempo sorprendentes compañeiras do afundirme, cana en man, nos ignotos paraísos de augas limpas do noso Vesacarballa, docemente asombrado por salgueiros e abeleiras.

En veigas, leiras ou carballeiras bule polo demais, multiforme, a vida que conforma, protexe e dá solaz ó que as traballa con respecto, agarimo e paciente espera. Todas elas con nomes que o tempo e a historia herdada lles foron conferindo. Constitúen elas así un policromado tecido humano, que dá fe e contextura a un xeito de vivir, que é o tempo igual e diferente de tantos outros existentes na inmensa e vivificante Galicia rural.

En canto a nós, debémoslle os estradenses moito (case todo) en tal sentido ó infatigábel e xeneroso labor de recollida de datos realizado hai xa anos polo bo amigo que foi de todos, á marxe de lembrado alcalde do concello, Manuel Reimóndez Portela. O seu volume "A Estrada rural" é un verdadeiro monumento á concreta dignificación do sufrido e resistente mundo rural galego, algunhas veces inxustamente ollado con displicencia por fachendosos urbanitas. Del fágome, pois, eco agora, con mínimas variantes, recollendo unha boa parte dos seus datos relacionados con veigas ou leiras da parroquia de Sabucedo, ordenándoas alfabeticamente pola miña parte pra unha meirande comodidade do lector deste xeito:
Batán, Bouzas, Cabana, Cacharela, Cacharón, Cagallal, Carabuña, Carballeira do Rei, Carbón, Cubillón, Devesa Vella, Ermo, Estivada, Gozpa, Herbal, Ichós, Leira do Chan, Levagueiras, Levagueiriñas, Marín, Milimogue, Muros, Nabal, Piquite, Porto do Cobo, Rega da Xesta, Retortoiro, Ribados, Román, Salgueiros, Senra, Sobre da Presa, Su a Casa, Su a Casa da Braña, Su a Vila, Trasdosichós, Travesas, Vesacarballa, Xesteira da veiga grande, Xesteira do cura, Xiraldo.

Son nomes de agachada historia, fósiles vivos que sobreviven na lingua dos falantes e sosteñen así lembranzas e vivencias dun mundo que habita aínda en nós, creando dignidade e fondura no vivir e asentando ó tempo os alicerces dun porvir que, no caso de esquecelos ou preterilos, ficaría baldeiro de si mesmo.

Véxome... así de rapaz, deitado sobre a herba da veiga en pendente do Batán e dando voltas cara abaixo desde a cima, pra logo aloulado chegar ata ó fondo, á beira case da poza chamada "do Batán" do troiteiro e rebuldeiro río noso, afluente cativo do Lérez señorial. O mundo enteiro xiraba entón arredor de min e eu, somnámbulo, arredor del.

Armando dilixentemente tamén, con ilusión e admiración, aquel perfecto panterlo pra pillar paporrubios nas fonduras do herbal do Porto do Cobo.

Bicando amorosamente as augas da fonte da Portousía, cada vez que chegaba dende lonxe, pra alí esquecer as calores endiañadas da meseta distante, alén da Canda e do Padornelo.

Animando -como non?- as sufridas e mansas vacas a tiraren con xenio veiga arriba do carro ben cargado coa herba recendente da veiga do Cacharón.

Sorprendido un bo día entre o millo da ampla veiga Su a Casa coa súbita e inmóbil presenza dun raposo perante min (enguedellado eu en tal intre alí mesmo a poucos metros noutros mesteres), só segundos antes de el se botar sobre unha das incautas pitas que alí espurriñaban, pra fuxir axiña e sen pausa, con ela no fociño, costa abaixo.

Gadañando por primeira vez a herba (no verán do 1952) na ampla e desafiante veiga da Carballeira do Rei, o que daquela me valería unha boa esfoladura na inexperta man dereita.

Abraiado ante aquela troita grande, con case medio lombo fóra da auga, nun regueiro tan modesto como o de Marín. Tantas eran daquela e tan xeitosas...

Contemplando o silencio daquela humildosa fontiña que coa axuda da labaza verde deita mansamente auga á sombra do penedo que sostén aquela abondosa veiga do Herbal, ó pé mesmo da poza dos Obelleiros.

Maxinando escoitar alá no alto da Carabuña e baixo os ocos das rochas ben seguras os nocturnos cantos e músicas dos teixugos que moito despois, agora, a pleno día espallarían con forza ancestral, barís cantoras deste país.

Lembrando, alá na Estivada, onda a fonte e o regueiriño que aínda manan cara ó medio, cando o meu avó arrieiro me amosaba o misterio daquela esfera branca coas dúas agullas de marcar os tempos do seu vello reloxo.

Matinando na folgura e amplitude daquela sacra veiga do Cubillón, onde o noso crego levaba, fouce ó lombo, as súas vacas. Crego, por certo, salvador de vidas ameazadas nos anos trinta cando polo menos unha vez se chantou diante dos violentos pra lles dicir: "Se levades estes na camioneta, teredes que me levar a min tamén!"...

Velaquí queda un anaco daquel Sabucedo que dorme, soña e esperta cada noite e cada día dende a leve néboa, tea imaxinaria, dun dicir. Só iso.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES