Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Compás Social: Miradoiro de Verán

viernes, 19 de septiembre de 2008
Fun invitado a colaborar na GALICIADIXITAL; e hoxe comezo aquí esa andadura, coa mellor intención de aportar algún raio de claridade aos temas e cuestións que sucesivamente vaia abordando. Fágoo baixo a consigna de COMPÁS SOCIAL que me servirá de facho orientador que teña en conta as principais acepcións desta expresión: instrumento de orientación, unidade de medida, ritmo, regularidade, desenvolvemento e dinámica, neste caso, da vida colectiva especialmente da Galicia rural. Na medida do posible seguiremos o compás social das ideas e dos feitos colectivos, escollendo aqueles anacos da realidade que poidan ser significativos tanto no presente como cara ó futuro.

MIRADOIRO DE VERÁN
Acabo de regresar a Madrid desde Galicia, onde estiven case dous meses nun recuncho da Terra Chá lucense. Procurei aproveitar o tempo, viaxando, participando, observando, preguntando, escoitando, comparando e reflexionando sobre múltiples temas e cuestións concretas da sociedade galega, especialmente do medio rural. Parte desa colleita ireina desenvolvendo aos poucos en sucesivas colaboracións que ofrecerei aos lectores que queiran acompañarme nesta aventura. Esas persoas tamén poderán aportar a súa opinión no enderezo electrónico de GaliciaDixital ou no correo persoal que figura ao final destas liñas.

Hoxe, por razón de espacio, só ofrezo o enunciado dalgúns temas que en sucesivas entregas irán aparecendo. Son anacos da realidade do medio rural observados directamente ou suxeridos por moitas persoas que viven permanente nese medio social. Son temas e feitos concretos que teñen elementos problemáticos, síntomas de incertezas presentes que no futuro poden converterse en atrancos irreversibles.

• O urbanismo das vilas rurais galegas:constatamos un considerable desenvolvemento destas vilas, pero que arrastran algúns problemas crónicos debido a falta de planificación no pasado. Ademais, determinadas tendencias urbanísticas actuais suscitan serios interrogantes de cara ó futuro.
• Alternativas ó minifundio de parcelas, explotacións e organizacións laborais e comerciais do medio rural galego. Desde que na década dos anos 60 o medio rural entrou de cheo na economía de mercado, cada vez fíxose mais visible a necesidade de superalo pluriminifundio. Os campesiños buscaron algunhas solucións puntuais e os organismos das administracións propuxeron outras; pero o problema sigue aí bloqueando o desenvolvemento da realidade rural. Compre avaliar as alternativas ensaiadas hasta agora.
• O peche actual de explotacións agrogandeiras: a xubilación dunha xeración de campesiños sen sucesores e o traspaso e liquidación das súas facendas sememodernizadas desemboca nun resultado final, que debemos avaliar tanto desde unha perspectiva individual como desde unha visión global. Así mesmo as políticas, aparentemente contraditorias, de promover o abandono das explotacións agrarias e o mesmo tempo asentar poboación no medio rural, deben ser analizadas en tódolos seus efectos finais resultantes, tanto os buscados como os non queridos.
• As expectativas sobre o banco de Terras de Galicia (BANTEGAL): a lei do Banco de Terras xa leva preto dun ano e medio de rodaxe. Coñecemos algunhas actuacións e encomezamos a albiscar as diversas expectativas e actitudes dos diversos actores implicados. A experiencia da Comunidade de Asturias, que leva dezanove anos de andaina, pode orientarnos neste camiño. Virtualidades e limitacións do banco de terras.
• A dispersión da poboación rural: forzas actuais que empuxan cara a concentración ou rumbo a mais dispersión. Perspectivas e orientación da legalidade vixente, en especial da Lei do chan.
• Os servizos sociais dos concellos rurais: o problema do inframunicipalismo. Sensibilidade ante as identidades locais e organización funcional eficaz dos servizos colectivos.
Estes son algúns dos temas que reiteradamente escoitei desde o meu particular miradoiro de verán. Darlles contido preciso e formulación adecuada será tarefa de próximas colaboracións.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES