Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A competitividade do limpacristais

viernes, 19 de septiembre de 2008
Onte volveu soñar coa competitividade: un verme polisílabo co bandullo monstroso cuspindo ovos polo cu para crear outros vermes clónicos capaces de engulir todo.
Está a limpar un deses inmensos cristais dun banco. Ese tipo que reflicte a superficie brillante e afumada, son eu, un balbino, un ninguén.

Despois de traballar moitas horas á semana limpando cristais chega á casa e déitase en calquera sitio. Oe na televisión, como un zunido lonxano, que alguén reclama 35 horas de traballo semanais. ¡Quen as pillara! No seu lombo, nos seus brazos e nos seus pés doloridos hai máis de 50 horas de traballo. Deixa de prestar atención porque hai tempo en que non cre nada ós que prometen o ceo na terra. Cambia a calquera concursocomedietaculebrón. Polo menos son parvadas cunha certa quentura humana.

Ten escoitado a moitas quenllas de mandíbulas ameazadoras dicir que hai que flexibilizar o mercado laboral. Flexibilizar …? Abaratar o despido, que te poñan na puta rúa por catro pesos.

- Se é por iso, a min aínda poden botarme por menos.

Rosma que rosma, limpa que limpa. Gústalle limpa-las grandes cristaleiras dos bancos, onde todo é grande. Dentro vese xente ben vestida, con chaqueta e garabata. Pero ata este lado do cristal non chega o arrecendo fastoso dos cartos. Polo lado de dentro do cristal hai sempre carteis con palabras incomprensibles: que é iso da Plusvalía?, ¿e o T.A.E?, que é iso de…? Por iso gañan tanto! Sonche o demo!

Está farto de oír nos telexornais que é necesario conxelar ou reducir o crecemento do gasto social. Fartiño está de que os grandes santóns da macroeconomía lle boten a el, precisamente a el, a culpa do paro, do déficit, da falta de inversión, da crise e do farrapo da gaita. Leu nalgunha parte unha frase dun premio nobel de economía que se chamaba… Boh, o caso é que dicía que “os dogmas económicos son os máis impermeables á evidencia científica”.

Limpa que limpa, rosma que rosma. E non terán a culpa os que máis teñen, os que máis gañan? Pasa o día na rúa o noso limpacristais. Contempla o ir e vir da xente. Atisba a través dos cristais o funcionamento dos negocios. Moitas cousas foron cambiando nestes anos: está a piques de xubilarse, e pasa os días na rúa limpando cristais. Recorda aqueles tempos de dignidade nos que traballaba nunha pequena fábrica de mobles. Fala ás veces cun veciño recén xubilado de Telefónica, coa amargura dos seus 51 anos, que lle comenta unha e outra vez que non é que eu sobre, senón que o día seguinte contratan a outro pola metade. Date conta, menos cartos, menos dereitos, asombrosas ganancias. Iso debe ser a competitividade.

Contempla a vida que pasa a través dos grandes cristais relimpos dos escaparates. Contempla as cores apetitosas deste banquete farturento ofrecido democraticamente a todos. Pero se intentara sentarse nesa mesa, lle darían coa porta no nariz: os asentos son poucos e sempre dun feixe cativo de privilexiados. Por máis que os telepredicadores e os vendedores de fume digan que todos somos iguais e témo-los mesmos dereitos, as oportunidades seguen a ser profundamente desiguais.

O cristal xa está limpo. Relimpo. Recolle os cachifallos do seu traballo e segue coa súa rolda, coa súa loita diaria contra a merda. E pensa que para as outras merdas, os grandes lixos que asoballan á xente xentiña nestes tempos de competitividade e globalización precisaría outro tipo de ferramentas. Non sabe cales. Só se trata dun limpacristais. Alguén invisible. Un ninguén.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES