Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (26)

martes, 29 de marzo de 2022
Crónica dun itinerario e dunha época (26)
En Fátima

Nada máis chegar a Fátima, e aínda ben non aparcáramos, a monxa colleume da man. ¡Por algo se empeza, dixen para os meus adentros, lembrándome daquelas advertencias da miña dona! Pero non foi así:

- ¡Véñase comigo, pero non traia o coxín, que aquí debemos axeonllarnos no chan, que estamos en terra sacra!

- ¡Dunha terra sacra xa vimos, que ata temos Biblia...!

- ¿Biblia, en Galicia? Non desbarre, que nos oen estas menores!

- Antes do rosario, que xa entendo para onde me leva, voulle apuntar os nosos libros santos..., por se logo se me esquece! Agora llos digo: O Catecismo do Labrego, escrito por Frei Marcos da Portela, ¡que o fixo santo o pobo raso! O Segredo do Humor, de Celestino Fernández de la Vega, que lle convén lelo para que non confunda humor con picardías... (chisqueille o ollo). Por último, o noso Apocalipse, Sempre en Galiza, de Castelao, que aínda está prohibido pola cuarta persoa da Santísima Trindade, San Hermenegildo...; o mártir, non, o martirizador..., pero en Fusalba hanllo vender..., sempre e cando non se presente vestida de monxa!

Agora tirou máis forte de min, máis aínda.

-Diga comigo: ¡No nos dejes caer en la tentación...!

Libroume dunha e caín noutra, na de matinar que Deus sempre casa coas mellores, pois para casar hai moitas que son válidas, pero, para monxas..., esta, e poucas máis!

Os sucedidos da volta foron tantos, e tan interesantes, que se me paro a detallalos, ¡adeus estudos!, e xa perdín unha semana con esta ditosa, ¡iso, ditosa!, viaxe. O que queira saber, que vaia a Roma; e do que non, a Portugal!
-.-

¿Sabedes o que é vivir nun correccional, ou estar casado cunha mestra, que en definitiva é a mesma cousa? Este matriarcado de Lugo foi a peor nas últimas décadas, controlado e dirixido por esta pléiade de normais normalizadas na súa Normal. ¡Tan boas nais, tan polifacéticas, tan estreitas e tan filosóficas, que o controlan todo, empezando polo marido, seguindo polos fillos, e rematando polos seus alumnos!

Non, non é unha desculpa para xustificar que leve, ¡anos!, sen escribir unha liña nestas crónicas. Esta paréntese abriuna a miña dona regalándome canto libro de poesía se publicou nesta Galicia dos meus pecados. ¿Por que, e para que? Metéuselle na chola que me estaba deformando, que me volvía prosaico a saturación de matemáticas, estatística, economía, socioloxía, e demais afíns. -¡Precisas reconverterte, humanizarte! -Pero, muller, ¿cabe máis humanismo que esta ciencia de engadir valor ás cousas, ou é que non te decatas do mal camiño que leva España, gastando moito e producindo pouco? -Marido, volve á Biblia, dálle un repaso, agora que xa non se considera protestantismo iso de que a lean os segrares: ¡Non só de pan vive o home! Díxome toda esta filípica; e eu repúxenlle, pero, inutilmente: -¡Muller, xa hai anos que non comemos pan só, que nesta casa, grazas a Deus e ao noso traballo, o teu e mailo meu, sumados, incluso facemos sobremesa! Non serviu de nada, repito, que me lanzou un dos seus exabruptos:

-¡A ti fáltache poesía...!

Aínda hoxe non sei se levaba razón, pois, tanta poesía, tanta poesía..., ¡e xa fose boa, que hai de todo! Saturado dela, púxenme a meditar, e reaccionei así:

-Querida, xa está ben destes libriños de só cen páxinas, ¡e menos mal que son curtos! Tesme saturado de lirismo, e logo que, ¿para que quero tanta poesía se a mellor de todas está en ti, en ti mesma, no teu sorriso anxelical..., e xa non digamos no vertical!

Deume unha aperta, ademais dun bicazo, que o interpreto como liquidación ou peche da súa disciplina en letras. ¡Que burros eses tarugos que maltratan á súa muller! Hai que ensinarlles, hai que dicirlles que, "...a un panal de rica miel cien mil moscas acudieron...!". ¡É máis práctico ser melifluo, queridos brutos! ¿Vedes o meu exemplo? ¡Polas malas non houbese conseguido volver ás crónicas!

Nesta liberdade, póñome a reflexionar:

¿Como se explica que proliferasen tanto, nestes anos de axustes económicos, eses escribáns que só escriben catro verbas, e para iso estragando papel, en columna, polo medio das cuartillas abaixo? ¿A que veñen eses berros exaltados, unhas veces en plan dramático, e outras co lirismo dun cativo? ¡Todo o resolven salteando verbas que pouco ou nada teñen que ver coa idea que parece suscitar o título das súas composicións! E logo que a lóxica do seu pensamento esvara, a saltos, sen concordancia, coma un balón de fútbol por unha escaleira de caracol. Antes, na poesía vella, había asonantes e consonantes, forzábase a rima metendo verbas a calzador, que pouco o nada tiñan que ver co antedito, pero o seu recitado resultaba melódico, musical. ¡Polo menos iso tiña de bo! ¿Non se di que a música amansa nas feras...? O verso libre, de tan libre que é, resulta libertario.

¿Os poetas, sexan machos ou femias, son seres normais, equilibrados, ou renxen así porque..., porque lles falte algún parafuso? Por outra parte, nunha ocasión que fomos a Conxo, para ver un antigo empregado da Empresa, que toleou porque lle puxo os cornos a súa muller, ¡unha materialista, unha prosaica, que tamén as hai, pero máis burro foi el toleando en vez de esquecela!, pregunteille ao Director se tiñan poetas internados, que me gustaría cambiar impresións con algún deles, e díxome que, en absoluto, nunca, xamais, pois en tantos anos que leva nese Centro, primeiro como simple psiquiatra, e actualmente como director, "...los buenos deben escasear, pues nunca nos entró un poeta por esa puerta!", ¡Que alivio!, dixen para min, teimando que pillase algún contaxio, con tanta poesía que lin ultimamente.

A conclusión que tiro destas reflexións é que non só no económico existen, e se dan, as crises, eses vaivéns da vida humana, que non todo debe ser prosa, pragmatismo, pero a poesía tampouco é inocua, pois ten efectos illantes, e por tanto, limitativos, no progreso e no benestar humano. ¡Non só de pan vive o home..., certo é, pero tampouco de poesía! Polo si ou polo non, vou facer unha cura de desintoxicación; e agora mesmo subo ao rocho medio cento destes libriños..., non sexa o diaño que me pase coma a Don Quijote cos seus, cos da cabalería! Deixarei na mesiña, de cabeceira...; ¡xa o teño!, as Rimas de Bécquer e mailos Cantares de Rosalía. ¡E non só por compracer á miña dona, que conste!
-.-

Hoxe voume vestir de verde esperanza, de esperanza e de agradecemento a eses intelectuais tan valentes que foron capaces de mandarlle unha carta fulminante, ¡pero tiña que ser de pólvora, para que collese medo!, ao ministro de Agricultura. Un bo amigo deume unha copia, que circulan clandestinamente, coma aquelas follas que imprimía Enriqueta Otero, pero como é longuísima, ¡menos que as nosas penalidades e atrasos!, aquí vou citar unicamente os seus puntos álxidos:

1.- Repoboación forestal. (De caducifolias, pediría eu).
2.- Concentración forestal. (Que só será boa se a fan ben, ben e pronta, antes de que pasen ao retiro os poucos campesiños que quedan neste país).
3.- Foros. (¿Queda algún sen redimir?).
4.- Créditos ao labrego. (Aínda hai usureiros, e non só en Lugo).
5.- Servizos do Ministerio. (¡Máis servizos e menos propaganda!).
6.- Comunicacións. (Cando estivemos en Portugal non se vían máis que furgonetas, que tanto lles serven para ir de mozas como para leva-los ranchos á feira, pero aquí seica nos dá vergoña ir de mozas coa furgo. ¡Fagamos pistas para os vehículos, aínda que sexan de medio metro!).
7.- Catastro de rústica. (¡Que se acabe iso de que os ricos rexistren como propios os montes comunais e mailas terras abandonadas ou imprecisas, monumentos incluídos!).
8.- Cargas fiscais. (¡Que non todo sexa poñerlle albarda ao burro, que tamén a leven os cabalos!).
9.- Acabar con esa escravitude humillante das prestacións persoais, nas que veñen traballando vellos e nenos. (¡Todos, menos os Pedáneos, que eses fan abondo con entoa-lo Cara al Sol!).
10.- Política de prezos remunerativos. (¡Abaixo os intermediarios, e arriba co tiro-liro!).
11.- Por último, (que se poñen máis, caen na utopía), que as Hermandades de Labradores e Gandeiros teñan, ¡por fin!, un carácter campesiño.

Meus queridos fillos, se isto se cumpre, o texto completo terédelo nas hemerotecas; do que non, mellor será que saibades tan só que aínda queda algún galego animoso. ¡Iso, uns, pois outros, algún deles ben coñecido meu, firmaron máis ou menos como fan coas queridas, que acenden unha vela a Deus e outra ao diabro!

Isto é, ou pode ser, un amencer, pero non nos fagamos ilusións, que tamén o parecía aquilo de que o mestre Anta, aló no 55, lle tocase a Franco, en Coruña, o himno galego. ¿Para que? ¡Entroulle por unha orella e saíulle pola outra!
-.-

Seguimos criando fillos, coma quen cría xatos, para a feira! Querida Mestra, querida esposa, na túa escola estás instruíndo emigrantes, cousa que será boa para eles, pero é un dispendio para España, pois, canto máis saben, máis ganas lles entran de voar, de fuxir dos nosos cortellos.

¡Parabéns Arxentina, e Venezuela, e..., dentro de nada, toda Europa! Van criados, e ben educados; ¡a ver como nolos devolvedes!

Do 51 ao 55, só desta provincia, e iso segundo as estatísticas oficiais, fóronse 15.267 almas; ¡almas con empuxe, as mellores! Do 56 para acó, ou non quedan, ou se acovardaron, pois a cousa está baixando, aínda que tamén conta que empeza a haber fillos únicos, e os morgados, xa se sabe, nunca precisaron emigrar. En canto ás remesas da emigración en xeral, antiga e presente, prefiro non consignar cifras…, ¡porque teño un acusón que me di que os Bancos teñen instrucións confidenciais de declararlle ao IEME como "turismo" os cartos dos emigrantes! ¡Viste máis!
-.-


Crónica dun itinerario e dunha época (26)
Silos da Terra Cha.
¡Menos mal que xa morreu don Quijote, que os ía tomar por malandríns, por xigantes!


¡Xa somos casteláns! Hoxe estiven visitando, con meu sogro, a Colonización da Terra Cha, Arneiro, Matodoso, A Espiñeira..., onde me presentaron uns arquitectos de Madrid que están "colonizando" a base de liñas, de construcións, andaluzas: ¡Máis que casteláns, máis aínda! Faltoume preguntar se xa teñen a tradución deses topónimos... ¿Como se dirá en castelán, O Arneiro, O Matodoso, A Espiñeira...?

Meu sogro entende que os silos debían ser de trincheira e non verticais, que logo parecen muíños de vento do Campo de Criptana. Eu non opino, pois máis vale algo que nada. Os achaios e mailas pistas e conducións de auga fixéronas os irmáns Nó Mantiñán, da Coruña. Non tiven ocasión de velos, pero se chego a atopalos voulles propoñer que cambien o seu Nó de "nudo" por un Si, por se alguén non os entende, e logo que merecen un ¡Si! rotundo, pola súa labor de facer destes montes da Terra Chá, unhas terras de labor. ¡Afellas que si! O dos silos e mailas casas, estilo exótico, é outro cantar.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES