Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha mediación chinesa en Ucraína

lunes, 21 de marzo de 2022
Diferentes voces teñen clamado por unha mediación chinesa que poña fin á guerra en Ucraína. Especialmente, voces europeas, algunhas delas moi responsables tamén do que está acontecendo, mentres medra a indignación. Sen embargo, China mantense cauta e implícase só parcialmente nesta dinámica mantendo o diálogo aberto coas partes en conflito, facilitando axuda humanitaria, multiplicando os chamamentos á moderación e acompañando os diferentes esforzos mediadores e as negociacións directas.
Unha mediación chinesa en Ucraína
A petición a China parte do suposto de que ten unha considerable influencia no Kremlin e que este precisa do seu apoio. Tamén que esa súa equidistancia favorece a interlocución. Non obstante, o nivel de influencia en Moscova é realmente descoñecido. Sabemos, si, que hoxe subscriben unha "case alianza" e que as autoridades chinesas "comprenden" as demandas de seguridade de Rusia. Pero no seu posicionamento eluden calquera mostra de apoio explícito e subscriben os principios de respecto á soberanía e integridade territorial. Por outra banda, os eloxios polo seu potencial papel en virtude da súa posición "ambigua" coexisten coas esixencias dun maior compromiso "coa paz mundial", entendendo o actual como "un momento de elección", de bando se supón, como dixo o primeiro ministro australiano, o conservador Scott Morrison. Se realmente diso se trata, China non se implicará.

Dende a óptica chinesa, non se trata só de influír en Rusia ou Ucraína, senón tamén nos EUA e na OTAN, que sempre levaron a voz cantante nesta crise ata a súa eclosión definitiva en que discretamente cederon o primeiro plano aos sufridos europeos, que descubrimos entón as ínfulas redentoras do Sr Borrell.

Nas recentes conversas mantidas en Roma entre os EUA e China, este tema estivo sobre a mesa, xunto ao problema de Taiwán, onde Washington avanza posicións a cada paso, claramente asertivas como agora se di, rexeitadas de plano por Beijing que denuncia o risco de traspasar o que considera unha liña vermella. As posturas mantéñense inalterables. Para Washington, Beijing non é neutral de todo e mais ben está do lado de Moscova. Cobran pleno sentido así as acusacións a propósito da suposta disposición a moderar o impacto das sancións ou a prestar axuda militar (como fai Occidente a unha das partes do conflito) ou financeira, que a diplomacia chinesa nega contundentemente. Ese aguillón será cada día máis intenso ata lograr certificar a convicción de que Beijing está apuntado a un dos bandos. Os dous no mesmo saco para neutralizalos simultaneamente. E de paso, perda de fol do seu hipotético poder mediador.

China espera, probablemente en balde, que asomen as diferenzas entre a UE e os EUA: á primeira debera interesarlle poñer fin á guerra canto antes e valeríalle a mediación chinesa se con tal se consegue; aos segundos, impórtalles que a guerra desgaste a Rusia e que acabe abrindo diferenzas insalvables entre Beijing e Moscova. Ese enfoque pretende, subsidiariamente, afectar tamén os intereses de China no manexo dos lazos con Rusia, pasándolle unha factura polo seu desafiante entendemento estratéxico.

Neste contexto, a solución diplomática na que Beijing puidera implicarse debera sumar non só aos directamente implicados para lograr o cese das hostilidades, senón tamén a outras partes relevantes para trazar garantías dunha arquitectura da seguridade europea equilibrada. E deixar sentado un precedente construtivo igualmente pensando nos dramas que poidan agardar a Asia nun futuro non tan distante e que poderían estar chamando xa na súa propia porta.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES