Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Fotógrafos ou artistas?

jueves, 17 de marzo de 2022
A arte é distinta da ciencia. No campo científico sempre se avanza en relación co pasado. Pero en arte non se pode falar dun progreso constante pois en bastantes ocasións co paso do tempo en moitas das súas formas de expresión retrocédese e dunha maneira, ás veces, brutal.

Calquera persoa pode facer fotos. É máis, nin tan sequera é necesario un ser humano para poder obter imaxes. Pódese programar unha cámara para que cada certo tempo accione o obturador e así conseguir unha fotografía.

Ata é posible que un certo número delas resulten interesantes pola simple casualidade de dispararse no momento que diante da cámara ocorre algo que poida ter atractivo.

Hai fotógrafos que son testemuñas da súa época, outros son autores e as súas fotografías máis que documentar un momento expresan o pensamento do que as realiza. O que di Pierre Francastel sobre a pintura, que "non é a misión desta transcribir o percibido polo ollo, senón a de representar o concibido polo intelecto", pode ser aplicado, desde o meu punto de vista, á fotografía, pois esta é un medio para expresar o sentir individual, pero para iso o fotógrafo ten que estar en posesión dese sentir algo que, por desgraza, moitas veces non se dá.

Hai uns días, escoitando falar dun fotógrafo de certo nome, sorprendeume que os que falaban referíanse a el chamándolle artista, nunca dicían o fotógrafo. É curioso como bastantes fotógrafos, mesmo non os mellores, conseguiron o que supoñen ten máis categoría, ser denominados artistas e non fotógrafos que é o que realmente son. ¿Por que cando falamos de Mario Vargas Llosa dicimos o escritor ou ao referirnos a Antonio López dicimos o pintor? ¿Por que cando tratamos sobre os traballadores dos estudios fotográficos da primeira metade do século XX falamos dos fotógrafos e mesmo lles chamamos operarios e non artistas, cando polo menos desde o punto de vista do coñecemento do medio fotográfico eran moi superiores eses antigos operarios a bastantes dos agora chamados artistas? Penso, aínda que podo estar equivocado, que o motivo é que eses traballadores da fotografía non acompañaban os seus traballos dunha literatura-poética-filosófica tan falsa como difícil de entender na maioría dos casos.

Entre as características que teñen en común todos eles, porque os seus argumentos son cambiables dun a outro artista-fotógrafo, destacan dous: todos son artistas conceptuais e reflexivos ata o aburrimento. Se lemos os textos publicados por algún deles veremos que todos, sen excepción, pretenden co seu traballo provocar unha reflexión sobre... aquí poden poñer vostedes o que queiran, pero preferentemente que sexan temas como a natureza, a explotación duns grupos de humanos por outros e, ultimamente, a muller, este é un tema que abre todas as portas dos espazos expositivos.

Na arte é máis importante sentir que comprender. Polo que non entendo que unha gran parte dos fotógrafos e as fotógrafas (nisto poden ser igual de pedantes que os homes) dediquen máis enerxía a tratar de explicar a súa obra que á realización da mesma.
Ochoa, Eduardo
Ochoa, Eduardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES