Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (24)

martes, 15 de marzo de 2022
Non sei se estarei nadando á contra corrente, que me di a muller que estou feito un rara avis. Mentres os nosos veciños van á cafetería, eu de academia en academia. Sego sen saber xogar, nin á brisca nin ao tute. Non bebo nin fumo. Cando hai festas, eles bailan no Círculo das Artes, e nós rezamos na Catedral. Os fillos desta barriada, que chaman das Casas Baratas pero eu pago un aluguer do máis caro, andan de guateques, e os meus imítanme, coa nai de titora para tomarlles a lección. Xa non queda en Lugo ningún xefe de taller que non montase un propio, e fanse de prata axustando pezas enferruxadas que van buscar ás chatarreiras. Non hai emigrante retornado, particularmente os que están vindo de Venezuela, nin albanel ou carpinteiro de mediana idade, que non se dediquen a mercar hortas na contorna de Lugo... ¿Para encarece-la verdura na Praza de Abastos? ¡En certo modo, si! Uns, seméntanas de esperanzas especulativas, de manga ancha, digo, de folla ancha, que é a verdura de máis porvir, segundo eles, pero dino así, en metáforas, pois os amaños, coa censura franquista, pasaron do dicionario á vida real, real pero secreta. Neste contexto, argállanse licencias para edificar bodrios, bodrios ou brodios, que non estou seguro de como debe escribirse con isto de que están desaparecendo as verbas indíxenas, pero algún día frutificarán dando traballo aos parados...; entullo, creo que lles chamaban ás demolicións. Estes enxendros... ¡Non dixo o poeta que o sono da razón xera monstros? Estes enxendros cadora se cotizan máis altos dada a teima que collemos, ¡que colleron!, en refusar os alugueiros pagados, ca non os cobrados. Nós, en cambio, démoslle preferencia á compra duns leiriños, particularmente unha carballeira, onde penso encargarlle ao meu fillo varón, que soña con chegar a ser Arquitecto por Valladolid, ¡Val da Lid!, por diante dos avogados, que de tantos que temos xa estorban nas terrazas dos cafés, que me / que nos faga unha casiña ou refuxio de montaña, pois para min será ter o Ceo anticipado.

Onte mesmo, que estivo de visita un matrimonio da veciñanza, ela mestra, e el taxista, fillo dun chofer de non sei que empresa, que comparte o coche con un cuñado, e así ámbolos dous teñen tempo libre, ao ser preguntados polos seus plans para hoxe, domingo, contestou ela que, se facía malo, quedaríanse cerca, "por aí, pasando el rato, y si hace bueno, como siempre, a la playa de Miño, a la de Coruña!". Eu, que teño máis lingua que vista, medio a remendei: Pois nós, faga bo ou malo, adoitamos pasa-lo río Rato..., para respirar aires de montaña, que non estou disposto a bañarme onde mexan os coruñeses! A miña botoume unha ollada de correccional de menores, e non se cortou en dicirme: -Compañeiro de fatigas, que non de afeccións, ten coidado coa anfiboloxía, que vas en contra do libre albedrío! Os outros non deben saber o que é anfiboloxía, nin iso do libre albedrío, xa que non se enfadaron, e seguiron dándolle á torta que tiñan diante. ¡Pasteleiros!

Ata aquí nunca me parei a buscar libros de Socioloxía, nin en Fusalba nin na Balmes, que son as miñas ¿tabernas? habituais, mais será cousa de facelo para que me axuden a entende-lo país, e dentro do país, esta cidade. De momento, como non estou sobrado de nada, e de tempo e diñeiro, menos, voume deter para espia-lo meu circundo.

Para empezar, ¿a que se debe que todo aldeán incorporado á cidade nos conteste en castelán cando algún destes retrógrados, tal que eu e maila miña mestra, lles falamos en galego? ¿Será que nos queren demostrar que, trepando e trepando, subiron por encima de nós, e que xa chegaron aos chans de Castela, tanto en cartos como en consideración social? A miña rapaza, que é máis benévola, dime que o fan en ben noso, para axudarnos a saír da nosa ruralidade. Vou buscar no dicionario, no castelán, que o outro queimouno meu pai, previsoramente, daquela que o perseguían, o termo "cursi", por se me serve para entender a miña empanada mental.

De metido nesta espionaxe sociolóxica, que lle vou chamar así, provisionalmente, ata que atope mellores definicións, lévame a atención dun xeito especial o fráxiles que debemos ser de memoria, e non só os galegos, que xa esquecemos as penurias e mailas bágoas que nos custou esta ditadura que aínda padecemos; ¡a dura, pois ditabranda, comparativamente, foi a de Primo de Rivera! ¡E sen trazas de evolucionar! O de que, padecemos, dígoo eu, así, en confianza, nestas crónicas íntimas e intimistas, pois o noventa e nove por cen dos meus amigos xa están felices co presente, e opinan que a democracia, ¡Deus nos aparte de tal!, é un invento dos gregos. Do Peloponeso tiñan que ser, uns incultos illados de toda civilización!

Tamén teño que buscar iso do complexo de Estocolmo, ao que o meu profesor de idiomas, un Cura políglota, chama, "Complexo de Stockholm". Por non tachar, vouno explicar: os cregos son políglotas pois saben, e falan, tanto en latín coma en castelán, pero o deste caso é un caso porque, ademais dos anteditos, dálle ao galego. ¡Vaia memoria a súa, que pasou media vida no seminario e non esqueceu o galego! Non o exterioriza, pero tamén sabe portugués, francés, inglés, alemán... Tanto catolicismo, tanta universidade, ¿il non será espía do Vaticano? Para tentalo, un día díxenlle que vira un letreiro nunha igrexa que poñía: "No seas animal; habla en cristiano". Non podería xurar se di "en cristiano", ou se pon "en castellano", pois de tanto estudar, as miñas neuronas por veces entrecrúzanse, pero, ao que ía: ¿Sabedes que me contestou o moi..., o moi diplomático? Pois que ese letreiro quere referirse a que os paisanos non blasfemen, aberración estúpida e bastante arraigada nos baixos fondos do noso Imperio. ¡Xa non teño dúbidas de que é Cura, pero dos de carreira longa, Comillas incluídas! Alertar aos blasfemos está ben, que iso é de linguas sucias, ladren no idioma que ladren, pois tan baixo nin os ateos caen, se é que os hai da lingua para dentro, cousa que sempre dubidei.

Abundando nestes temas, como agora se di, ¡isto do vocabulario é tremendo, que nunca remata un de poñerse ao día!, en vez de brincar deunos por meditar, por reflexionar, por analizar, ¡e iso que lemos nalgures: "Home, se queres ser feliz non analices"! Ámbolos dous aportamos as nosas apreciacións, das que, nunha síntese apertada, ¡teño pouco tempo para escribir, pois os libros de Comercio, primeiro os de Peritaxe, e agora os do Profesorado, cadora son máis gordos, en particular esta Economía do Samuelson, da que tiramos estas conclusións:

Que moito desprezamos aos nosos predecesores cando tan prestos estamos a arramplar cos seus mobles macizos e tallados; e tamén cos cruceiros, coas casas de pedra...; coas mámoas, cos castros, cos castelos..., e incluso co idioma herdado! Que a xente deu en facer radiografías e análises, incluso dos ouriños, pero despreocúpanos o estado anímico de cada quen, aquelas virtudes que lles deron forza aos nosos entregos para soportar foros e demais infortunios, chegando ao punto de que están aumentando os suicidios, as desavinzas, os preitos, as caras engurradas... Copiamos dos veciños, igual que monos, sen deternos a cavilar o por que eles se comportan así; e repetimos as súas verbas recortadas ou deformadas, abreviadas, castrapeiras, tal que un loro. No vestir, non digamos. ¡Adeus xastres, adeus costureiras...; xa podedes emigrar, como pouco, ao Magreb, pois os vestidos veñen feitos, Prêt-à-porter, que diría ese profesor de idiomas!

Por hoxe coido que vai ben, que non son quen para critica-lo próximo. Se o fago sería unha usurpación de funcións, de funcións que lles incumben a esas comadres que nutren os ingresos, ¡honorables ingresos, por outra parte!, deses cafés con terraza nos Cantóns, na propia Praza de España. ¡Iso, de España, unha gloriosa aldea de 504.000 quilómetros cadrados..., sen conta-las novas provincias, pois a Ifni, agora que está reducida á mera capitalidade, déronlle o número 51, e ao Sáhara, o 52! Roma diría: LI e LII, pero eles eran máis lacónicos cós da Laconia! ¡Tu eres, España, en las desdichas, grande!, que di o himno.
-.-

¡Adeus, 1959! ¡E feliz Aninovo! Tranquilos, particularmente os ricos, que ninguén vos quitará a vosa riqueza. ¿Daquela, quen nos defende? ¡Quen vai ser, o de sempre, o propio Vixía do Occidente! "Por nuestra parte no hemos de bajar la guardia ni cejar en la vigilancia, pues, entre otras cosas, sigue patente que la Península continúa estando bajo el punto de mira del comunismo internacional y sus compañeros de viaje, si bien sea este último rincón de Europa donde sus ataques se convierten desde hace un cuarto de siglo en derrotas contundentes o en estériles campañas".

¡Don Hermenegildo, por favor, vaia á escola, que vai sendo hora: Iso de "Península" inclúe a Portugal, e eles fan a súa garda, por si mesmos! ¡Apéese dos seus imperialismos; e de paso, deixe de menciona-lo lobo, pois ese "comunismo internacional" vai de retirada, descantiá, que abondo lle custa terse en pé nesa URSS que tanto lle leva servido a vostede de escudo e de pretexto! Aínda que o vexo algo máis humilde, pois tolera que lle poñan "...este último rincón de Europa", no sitio do seu ¿imperio? español!
-.-

O mundo é un pano, pero non das bágoas, pois ten de todo. Foi no Metropol:

-Este rapaz é fillo dun gran amigo meu, que volvín a conducir grazas a el...

-¡Xa sei de quen me falas: O Cacharulo de Bendia...! ¡Moito gusto! ¿E seu pai?

-Ben; a Deus grazas, ben.

-Tes razón, que o estará grazas a Deus, pois, se lle cae a espinilla enderezando a dos que a teñan caída, ¿quen o vai compoñer? ¡Calquera día danlle o Premio Nobel, que a outros llelo deron por menos!

Falamos e falamos, tanto, que acabou referíndonos a súa participación na guerra de Ifni:

-Daquela vin con permiso indefinido, pero xa definitivo, que me admitiron a entrega do uniforme..., e incluso din con un bancario que me facilitou o billete de Iberia, para librarme dos barcos, dos cargueiros do Exército, onde nos amontoaban, coma se fósemos leña.

-¿Un bancario...? ¿Non sería un tal Xosé María?

-¡O mesmo!

-¡Ai, ho, pois estás falando con un amigo seu! ¡Conta, conta! ¿Librou con ben daquel Istiqlal, que seica llas tiña xuradas?

-A uns dos poucos prisioneiros que fixemos nós, pois calquera os atopa, con esas xilabas de pelo de camelo, do color da terra, e para máis, agochados detrás dos argáns, collémoslles unha lista, en árabe, que nola traduciu un dos poucos leais, un dos poucos agradecidos, que lle quedaron a España... ¡Ese Xosé María estaba nela!

-¡Obviamente, claro! É lóxico que quixesen eliminalo..., para que non fale nin escriba sobre aquel atentado...

Agora xa sei, de primeira man, a historia daquela guerra, pero como tivemos tantas, ¿a quen lle pode interesar a última delas, que só houbo tres centos, de mortos, pero outros tantos déronos por desaparecidos..., dos nosos!
-.-

1961 ¡O que nos faltaba para que a nosa valuta se fose ao carajo: Morreu o gravador Manuel Castro Gil! Os nosos billetes xa ían de capa caída, pero conservaban o aquel dos debuxos dun artista ilustre. ¡Valían pouco, pero eran guapos!

Levo dous anos boicoteando o discurso do Xefe grande; para que non me volva tolo, cando o anuncian na radio eu poño uns tapóns de algodón nas orellas. Non o fago por desprezo senón por profilaxe. ¡Non quero ir a Castro, nin a Conxo, pois o Estado ten parasitos abondo sen manterme a min!
-.-

Estes días, que xa estamos no 1962, ¡como corre o tempo!, entre o meu antigo Revisor e mais eu, démoslle unha volta a Lugo. Lugo cambiou nos últimos tempos, moito, pero nós seguimos sendo bos amigos e compañeiros. Levabamos anos dicíndonos tan só, Ola, que tal, pero nesta ocasión o seu coche precisou un repaso dunha semana no taller, así que a Liña Lugo-Grandas encomendáronlla, provisionalmente, ao chofer dun dos buses das excursións.

-¿Sabes que che digo? ¡Que me tardaba por pasar unhas cantas horas contigo, así que, mentres repasamos esta "tartana", tamén podemos repasa-lo mundo, este mundo de fóra das murallas...

-¿Repasa-lo mundo...? ¡Pasas a vida dentro deste taller e creste capacitado para repasa-lo mundo! ¡Nin que foses Deus! Lémbrate daquilo que dixo cando asomou por entr´as nubes: ¡Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve!

-Aquí teño a radio posta..., e logo que algo tamén saio, e algo vexo, dentro e fóra destas murallas.

-Pois eu ando coma os curas antes do Vaticano II, de cu para os clientes! Por certo, que isto das Liñas ben ves que vai a menos, que ata non sei en que rematará: Os curas teñen coche, e os caciques, tamén; e logo están as mestras, apuntadas ao Seiscentos... Por outra parte, a xente das aldeas nestes últimos vinte anos foi a menos; en cantidade, quero dicir, que non en luxo pois visten tan ben, ás cheas, coma os da capital.

-Agora que o dis..., ata terás razón, que vexo máis gravatas cá nunca na xente de por aló, e aquí en Lugo, polo menos aquí, comezan a solta-la camisa! A min paréceme un bo signo, unha tendencia á igualación, que ía sendo hora de que os capitalistas, coma os curas, se abaixasen dos seus púlpitos. ¿Oes, e non será que agora comezan a ter menos fillos, os da aldea, digo, co cal poden permitirse certos luxos, estudar á maioría deles, e todo iso?

-No de estudar, iso das Agrupacións, iso dos colexios vilegos, fáiseme que acabará coas feiras, que ben sabes que antes a metade dos rapaces ían a elas para coñecer e relacionarse, cousa que fan agora, de cativos, nesas Agrupacións, e de maiores aquí en Lugo, nos Institutos. O que vexo que está rendendo son as excursións, comezando polas escolares: ¡A xente ten curiosidade por coñecer alén da súa bisbarra!

-Home, agora que o dis: ¡Iso tamén pasa coas vacas, que deron en traelas de Santander! E logo esas cortes que lles están facendo..., ¡que ata virá ese nome das que tiña o Rei para os cabalos!

-O que non me entra na chola é iso das foxas do purín, que se acaba o esterco, e daquela, só con purín, prados e máis prados! ¡Nin pataqueiras quedan! Houbo quen me dixo que están emigrando a Francia, a Suíza, Alemaña, e todo iso, por dous motivos fundamentais: Para estudar os fillos e para construír esas cortes señoriais. ¡Ten graza: van pasar traballos para que as súas vacas deixen de traballar, e eles se dediquen en exclusiva a fomentar as cafeterías, o café con leite, agora que xa non é de estraperlo!

O resto destas conversas non o apunto aquí porque foi acadullar os temas anteditos.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES