Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A filosofía e o ruído

viernes, 11 de marzo de 2022
Para que serve a filosofía? Para vivir. Pero a nosa clase política, alimentada con argumentarios que evitan a molesta tarefa de pensar, interésalle máis o ruído e a furia que educar mulleres e homes reflexivos, con sentido da cidadanía, sensibles á beleza e aos valores.

Sen filosofía non é posible a dignidade humana, a teimuda busca do ben común, o respecto á opinión do outro. E iso sucede desde hai máis de dous mil quiñentos anos, grazas á ruptura e á apertura que supuxo Grecia, a quen tanto debemos. Moito máis que a Alemaña, por exemplo.

O ruído, a banalidade, a estupidez é caldo de cultivo para a mediocridade que vivimos, para a dominación dunha política sen escrúpulos manexada polos donos dos cartos. Por iso molestan os cidadáns con pensamento crítico e racional, e desaparece a filosofía dun currículo dominado polos deuses da tecnoloxía, do Mercado e do dogma relixioso. Por iso expulsan a música, a arte, as humanidades, o pensamento das aulas mentres as persoas degrádanse a consumidores consumidos. De aí a indixencia cultural, a debacle moral, esta democracia precaria.

Como entender o mundo sen filosofía? Como dixerir o que nos pasa sen o silencio da reflexión? O colapso demográfico, o neoliberalismo depredador, os fanatismos que invaden e irrecoñecible Europa, o saqueo das multinacionais, a amoralidade política, as élites corruptas, a demagoxia dos santóns mediáticos, a besta parda da xenofobia... O ruído domestica e uniforma tras o pensamento único. A furia alimenta os fascismos.

A danza, a pintura, a música, a historia, o teatro, a filosofía son armas de resistencia activa contra a uniformidade cultural. Son pura e necesaria heterodoxia contra a estupidez. 'Materias que distraen', dicía un ministro despistado. A música mellora a coordinación, a expresión e o traballo en equipo, a capacidade de sufrimento, a creatividade e o desenvolvemento cognitivo, afina a sensibilidade e fainos mellores. Son cousiñas fondamente subversivas para o pensamento único que quere zombis antes que individuos libres. 'Lonxe de nós a funesta manía de pensar' berraban os que querían vivir de xeonllos e non de pé como cidadáns.

O ruído subvencionado impide o silencio e a soidade onde coce o pensamento. Unha mestura malvada de poderes, coa primacía do económico, coloniza a capacidade de pensar e financia a imbecilidade, a diversión ata morrer, o caldeiro de lixo das televisións, con poucas excepcións.

Debe ser por iso que en España exilian a filosofía. Queda o país amoral, gris, empobrecido onde medra o ruído. Onde se apaga a luz da filosofía que iluminaba o mellor do ser humano.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES